_
_
_
_
LUCES

A maleta das ideas

As viaxes axudan a explicar as elites intelectuais de preguerra. A Xeración Nós practicouno e escribiuno en libros a medio camiño entre a ficción e o ensaio

Debuxo inédito de Risco que retrata a Otero Pedrayo durante a peregrinaxe a Santo André de Teixido.
Debuxo inédito de Risco que retrata a Otero Pedrayo durante a peregrinaxe a Santo André de Teixido.

No pórtico d’A noite da aurora (2003), a súa novela sobre o desarraigo, o sarriao Camilo Gonsar encomendábase a dous ilustres viaxeiros da literatura galega: primeiro citaba uns versos do poeta e mariño Manuel Antonio e despois o sempre incómodo Vicente Risco, perseguidor do seu propio apetito polo exótico. Non era banal. Ao cabo, emigrar tamén é viaxar, aínda que non se pareza en nada ao Grand Tourpolo que devecía a aristocracia europea do XVIII. A emigración, de feito, sería unha das dúas formas do que Pilar García Negro chama a viaxe forzosa —a outra é o exilio— en oposición á voluntaria, cara a dentro ou cara á fóra, e á imposíbel, a do exilio interior.

 A reflexión de García Negro está en Viaxes e construción do pensamento, o libro onde se recollen as intervencións dun curso de verán organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Vicente Risco en setembro de 2010 na cidade de Ourense. Un volume que pretende ser, en palabras da súa coordinadora, a profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, unha primeira aproximación á importancia que as viaxes, tanto as interiores como as outras, tiveron na formación das elites intelectuais de preguerra e na construción do seu discurso identitario, “por veces aínda vixente”.

Máis alá da incisión que practicou a Guerra Civil, aos impulsores do libro interesáballes centrar a pescuda no primeiro terzo do século XX por tratarse dunha etapa, primeiro a través das Irmandades da Fala e logo coa articulación do galeguismo político, na que se desenvolveu un “proxecto normalizador” en diversos campos, da narrativa ao ensaio ou o xornalismo. E por enriba de todo, pola cantidade de textos, non só ensaísticos, nos que aquelas elites asumiron a misión de construír unha idea de nación e facela chegar, sublimada a través de xéneros máis populares, a capas máis amplas da sociedade. A viaxe demostrouse unha figura útil para esa caste de pedagoxía.

De Wordsworth a Ruth M. Anderson

O contrapunto á viaxe como artefacto de construción nacional dos homes da Xeración Nós constitúeno nas páxinas do libro da Universidade da Coruña os capítulos dedicados a unha serie de viaxeiras que pasaron por Galicia e deixaron testemuño da súa experiencia, ben por escrito, ben a través de fotografías. Conta a investigadora Kathleen March que, a excepción de Dorothy Wordsworth Quillinan, irmá do poeta William Wordsworth, que pasou polo porto da Coruña rumbo a Portugal, non se teñen documentado obras de viaxeiras no país antes de 1880.

March ocúpase dun pequeno grupo de mulleres e obras anglosaxoas na súa aproximación ao fenómeno: a escocesa Jane Leck, autora de Iberian Sketches (1884); a estadounidense Katherine Lee Bates, que publicou Spanish Highways and Byways en 1900; Annette Meakin e o seu Galiza, Switzerland of Spain (1909); Spain Revisited: A Summer Holiday in Galiza (1911) e The Story of Santiago de Compostela (1912), ambos títulos da inglesa Catherine Gasquoine Hartley; a norteamericana Georgiana Goddard King, quen asina The Way of St. James (1920); e por último, Gallegan Provinces of Pontevedra and La Coruña (1939) de Ruth Matilda Anderson.

Procedente de Nova York, Anderson (1893-1983) chegou por primeira a Galicia o 7 de agosto de 1924, cando desembarcou xunto ao seu pai, o tamén fotógrafo Alfred Theodore Anderson, no peirao de Vigo. Traía unha encarga da Hispanic Society of America, que Manuel Forcadela analiza no seu capítulo: documentar a vida cotiá dos españois. Necesitou 14.000 fotos e cinco viaxes máis.

Na bisagra entre os séculos XIX e XX, cando se dan simultaneamente a culminación e o declive da literatura de viaxes, “a Xeración Nós importou intencionadamente o xénero e creou textos que se moven nos lindeiros imprecisos que afastan o ensaio e a ficción”, explica a investigadora María López Sández. “Pelerinaxes I (1929), de Otero Pedrayo; As cruces de pedra na Bretaña (1930), de Castelao; e Mitteleuropa. Impresiós d’unha viaxe (1934), de Risco, sería claros exemplos”.

“O interese por este xénero explícase pola súa idoneidade para cumprir determinadas funcións nun contexto de emerxencia literaria”, segue a autora de Paisaxe e nación (2008), “como a de contribuír á delimitación do territorio, a de presentar a paisaxe como primeiro trazo esencial da identidade galega ou a de establecer unha ‘listaxe identitaria’ dos elementos, tanto da cultura material como inmaterial, representativos da nación”. E iso acontece contra o estigma colonial, engade Carlos Velasco Souto. Contra a viaxe como apropiación —“Facer do mundo Inglaterra”, prometían os emisarios do Imperio Británico—, articúlase unha idea do traxecto como aprendizaxe.

Anxo Angueira abre algo máis a man e sinala indicios desa visión política da viaxe, en tanto que permite cartografar o país negado e a súa lingua, dende o Coloquio (1746) de Frei Martín Sarmiento até os vagóns da Deutsche Bahn nos que Lois Pereiro atravesa o barrio berlinés de Kreuzberg en Poesía última de amor e enfermidade (1995). E tamén nos antiheroes d’A esmorga (1959) de Blanco Amor, no Courel d’Os Eidos (1955) de Novoneyra, nos Arraianos (1991) de Méndez Ferrín, na Coruña de Manuel Rivas n’Os libros arden mal (2006) ou en Fisteus (2001), de Lupe Gómez.

Con todo, e malia a achegarse tamén a Rafael Dieste, Augusto Assía ou Lois Tobío, algo máis mozos, a ollada de Viaxes e construción do pensamento céntrase na Xeración Nós. Nas súas viaxes literarias, como a iniciática de Adrián Solovio —Otero Pedrayo— en Arredor de si (1930) ou a metaliteraria de Vicente Risco en Dédalus en Compostela (1929), mais tamén nas performativas, como a que ambos fixeron con Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, de Ourense a Santo André de Teixido en 1927 e que logo recolleu o primeiro en Pelerinaxes I. Aí é onde con máis claridade atopa o profesor Francisco Salinas unha dimensión indentitaria, de descuberta, e outra case relixiosa “que ten que ver co proceso da nation building galega”.

Tampouco esquecen os autores as viaxes puramente biográficas dos protagonistas, como a que levou a Castelao por Europa adiante durante nove meses grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos (JAE), e da que daría conta nos seus diarios. Ou a que levou a Risco, que xa estivera en París, Praga e Viena, ao Berlín dos anos trinta en circunstancias similares. De aí sairía a serie Mitteleuropa, publicada primeiro na revista Nós e logo en forma de libro.

O desenlace da viaxe de toda esa xeración é sabido. Está escrito nas esencias de certo discurso nacionalitario e así o testemuñaba o Risco de Nós, os inadaptados, publicado no número 115 da revista Nós, en 1933: “Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espazo e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na solprendente descoberta de que Galicia, a nosa Terra, oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofercíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, coma os que andabamos a procurar por ahí adiante”.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_