Xiras con lucro e nostalxia
Os cartos ou a presión dos fans empurran a bandas históricas a volver aos escenarios
En 1996 os que quedaban dos Sex Pistols, o grupo punk máis célebre da historia, volveron reunirse vinte anos despois da súa disolución. Fieis á filosofía transgresora do grupo, nomearon a súa xira sen cinismos nin dobre volta: “Xira do lucro indecente”. Unha declaración de intencións que confirma o que sempre se sospeita sobre un grupo cando se volve xuntar despois de anos inactivo, aínda que a veces as intencións se agochen baixo a demanda da nostalxia. Este verán parece despuntar un andazo revival en Galicia, pero, segundo apuntan os grupos, en moitos casos as motivacións van máis alá de xuntarse para encher o peto, e hai boas escusas como efemérides ou iniciativas de fans teimudos. Aerolíneas Federales, Heredeiros da Crus, Os Resentidos, Los Cafres ou o novo proxecto de Alberto Comesaña e Teo Cardalda son nomes que aparecerán nos vindeiros meses nos carteis de moitos festivais, onde segue a ter éxito a nostalxia oitenteira.
Aerolíneas Federales volveron porque un fan peruano insistiu
“Volvemos para tocar en Perú por un fan que estivo teimando durante tres anos. Só eu me adico profesionalmente á música e os outros traballan e teñen familia, co que era difícil pero foi por insistencia”, lembra o cantante e líder de Aerolíneas Miguel Costas, ao tempo que engade un triste desenlace ó seu regreso: “Desgraciadamente o rapaz morreu ao pouco de tocar nós en Lima, co cal polo menos cumprímoslle o desexo”. O que fora membro de Siniestro Total subliña este feito para matizar que o regreso do seu grupo non se basa en cuestións de facer caixa. “No noso caso non é un regreso porque quedaramos sen traballo e estamos a ver se sacamos pasta”, declara Costas, que avanza que a banda “só se reunirá de xeito esporádico pero por agora sen ánimo de facer unha xira”.
Como Fundación Resentidos, o núcleo do grupo reúnese en Ourense
Entre a efeméride e o factor fan baséase a volta d’Os Resentidos, que deran por concluída a súa traxectoria no ano 1994. Despois, o seu líder, Antón Reixa, tirou tres anos máis co seu proxecto Nación Reixa. Baixo o nome de Fundación Resentidos, o núcleo central do grupo volverá reunirse o 12 de maio en Ourense, nun concerto no que prometen sorpresas. Agás en contadas colaboracións, Reixa di que non lembra “estar nun palco desde o 97 ou 98”. A volta do grupo débese ó pulo dun grupo de fans para celebrar cun disco tributo unha data sinalada: os 30 anos do nacemento da banda. “Agradezo esta homenaxe, porque senón existise a escusa deste disco nin tomariamos o esforzo de intentalo”, explica o líder d’Os Resentidos, que ve neste concerto un bo motivo para reivindicar “a forza e a contemporaneidade do rock en galego, que nos oitenta era case unha anécdota pero logrou expandirse”. Reixa combinará desde estes días o seu traballo de campaña para presentarse á presidencia da SGAE cos ensaios coa banda na fin de semana. As eleccións son o 26 de Abril e Os Resentidos tocan o 12 de maio, co cal podería darse a circunstancia de que marchase dos escenarios como músico e volvese como presidente desta poderosa entidade de xestión. “Aínda non me deu tempo a pensar ata tan lonxe”, afirma. Segundo avanza Reixa, non descartan facer “dous ou tres concertos máis”.
Heredeiros da Crus teñen concertos en tres festivais para este verán
Se no caso d’Os Resentidos a efeméride dos 30 anos prendeu a mecha da volta, o mesmo pasou cos Heredeiros da Crus, que este ano conmemoran os 20 anos do seu nacimento. A banda de Ribeira levaba oito anos sen tocar e acaba de volver ao grande cun concerto memorable en Ordes, onde meteron 3.000 fans incondicionais. “Isto é rock e non imos dicir que non nos interesan os cartos, pero o encontro foi tamén unha gran experiencia. Levabamos case tres anos conversando e a excusa dos 20 anos era o último intento e saíu”, explica Antonio Novo, Tuchiño, guitarrista de Heredeiros. Vencidas as reticencias iniciais que tiña o cantante, Javi Maneiro, a banda decidiu montar un concerto para medir forzas. “Tratábase de probar e de non ir por aí dando vergoña. Saíunos moi ben e agora virán máis cousas”, avanza Tuchiño.
A presentación do libro Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso, foi a escusa que moveu o regreso de Los Cafres, un grupo vigués dos oitenta que só gravou un disco pero que deixou pegada con temas como Alimaña, unha das mellores cancións que xenerou a movida. “Volvémonos atopar, estivemos a gusto e decidimos tirar un pouco máis”, explica Antonio Cafre, cantante do grupo, que ten apalabradas varias actuacións para este verán, pero matiza que “todo se irá estudando sen presas.
Los Cafres mesmo engadirán inéditos e temas novos ao seu repertorio
Outra filosofía diferente é a que move a Alberto Comesaña e Teo Cardalda. Xuntos acaban de impulsar un proxecto chamado Cómplices e Siniestras Amistades, no que partindo dunha banda base, cantan algúns dos temas máis célebres de grupos como Cómplices, Semen Up, Amistades Peligrosas ou Siniestro Total, coa colaboración de Miguel Costas. “Isto non é un regreso, porque nunca deixamos de tocar. É un xeito de que o teu repertorio o gocen os que o coñecen e dalo a coñecer entre os máis novos”, afirma Comesaña, que adianta que están negociando media dúcia de datas en Galicia.
A excepción deste proxecto, a maioría parecen ter claro que non continuarán en activo máis alá do verán. Aerolíneas e Os Resentidos aclaran que son reencontros puntuais, Heredeiros farán polo de agora tres festivais que xa teñen pechados e Los Cafres esperan confirmación dunhas cantas datas. Dado o reducido do circuíto galego e os tempos que corren, parece que neste andazo revival a nostalxia está chamada a ter máis peso que o lucro.
Discos e documentais
Malia que maioría destes grupos non se lle albiscan ganas de tirar millas, parece que a súa volta non se limitará só ás actuacións. Entre os plans da maioría están editar inéditos, gravar material DVD en directo e, nalgún caso, rodar un documental, como é o caso dos Heredeiros da Crus.
O seu regreso ós escenarios foi seguido polo cineasta Jorge Coira, que prepara un documental sobre a banda. Os Heredeiros tamén rexistraron o seu regreso no concerto de Ordes, co que farán unha edición en DVD. “A idea é sacar un disco con temas novos, pero con calma”, avanza Tuchiño. Amparados polo éxito de Perú, Aerolíneas acaban de publicar vinte temas inéditos que abarcan unha década desde 1983 a 1993, e no caso de Los Cafres “a idea é gravar algúns temas novos e dar a coñecer algo inédito”, avanza o cantante Antonio Cafre. O proxecto impulsado por Alberto Comesaña e Teo Cardalda, tamén espera facer un concerto especial que será gravado “para ofrecerllo a algunhas televisións coas que hai negociacións”, adianta Comesaña.
Polo que respecta a Os Resentidos, case á par do concerto de Ourense está previsto que se publique o disco homenaxe titulado A tribo toda baila, no que numerosas bandas revisitarán algúns dos seus temas máis célebres. Ademais do material xenerado polos propios grupos que voltan á ruta, Antón Reixa tamén prepara para xullo o musical Galicia Caníbal, que parte de moitas das cancións da movida, algunhas destes grupos que agora se volven reunir.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.