“Se introduces contradicións na comunidade, es mal recibido”
Contos da terra da tarde recolle 18 relatos de Bieito Iglesias. Son, explica, o tramo final dunha serie
Contos da terra da tarde (Galaxia) recolle 18 relatos de Bieito Iglesias (Ourense, 1957). Son, explica, o tramo final dunha serie que arrinca no volume O mellor francés de Barcelona e pasa por Amor e música lixeira. “Este é un libro máis epilogal”, di.
Pregunta. Como senta que Raúl del Pozo, columnista da última de El Mundo, o cualifique de “mellor escritor vivo en galego”?
Resposta. Estrañoume. Non coñezo a Raúl del Pozo e non é fácil que os escritores galegos sexamos lidos por aí. Aínda que cando publiquei Miss Ourense escribiume un señor de Vicálvaro dicíndome que o libro lle lembraba o desarrollismo franquista de Madrid. De todos os xeitos, Del Pozo puña unha reserva, dicía “talvez o mellor”. Ese “talvez” disgustoume profundamente \[riso\].
P. E ese “talvez mellor escritor” opta agora por unha publicar un libro de relatos. Por que?
R. Como din os paisanos de Ourense, tiña millo vello no hórreo. Parte deste libro foi reescrito moitas veces. Nótase, é o meu libro estilisticamente máis traballado. E, en realidade, forma parte dun proxecto do que a primeira parte foi Amor e música lixeira (2004). Comparten, por exemplo, a presenza da cultura popular, da música, do cinema...
P. Esa presenza é constante na súa obra.
R. Si, pero aquí dunha maneira específica. A música lixeira funciona mesmo como leit-motiv dalgún conto. Traballaba nunha colección moi ampla, e por razóns editoriais publiquei uns cantos e outros quedaron. Mesmo entra O mellor francés de Barcelona (2001). Aínda que non é un macrotexto, procuro que os meus libros sexan distintos. Malia que ás veces non o consiga, polo estilo conspicuo de cada un.
P. En que basea a decisión de escribir un conto ou ir a unha narración máis ampla?
R. Hai escritores máis sintécticos e outros máis analíticos. Hai quen coa materia literaria deste libro escribirían os sete tomos de Proust. Tendo a traballar con moita materia e logo comprímoa. Con metáfora dos astrofísicos, os poetas contemporáneos, o meu método é un burato negro: comprimir moita masa para que se produza o big bang. Logo, a inercia da explosión ás veces dá para 20 páxinas, outras para oito e outras para 150. Pero tendo a ser un mediofondista, un Sebastian Coe da literatura, cómodo na nouvelle.
P. A que se debe?
R. A un problema estrutural: son un escritor domingueiro que gaña a vida dando clase. As historias deben ter extensión abarcable. Tamén hai unha influencia xeracional do cinema, unha arte máis elíptica, que dá luzadas e o espectador constrúe a historia. O cinema elimina enlaces, o recheo.
P. Polo menos, a partir da Nouvelle Vague.
R. Efectivamente. Tendo a eliminar recheo e vou ao corte seco. Procuro poñer os diálogos cando son significativos. En cambio, o best-seller leva unha morea de diálogos prescindíbeis. Logo están as influencias literarias, como Faulkner, quen en Luz de agosto colle tres historias, barállas e sae unha novela. Elimina o estilo decimonónico.
P. Valéry dixo que non podía haber xa novelas que comezasen “A marquesa saiu ás cinco”.
R. Pero hoxe o best seller volve ao folletín do XIX, a libros dun tamaño enorme porque certo público quere que o investimento dure. Como lector, iso sempre me aborreceu. Son capaz de ler unha novela extensa, pero como as de Proust, en que todas as páxinas son pertinentes. Pero aborrezo as novelas demasiado novelas.
P. Os relatos de Contos de terra da tarde evitan a reviravolta, son máis fragmentos de vida. Que debe ter un bo conto?
R. O conto canónico é o que vén de Poe e no que o importante é o final como a vitoria por K.O., que dicía Cortázar. Pero os meus relatos son en realidade novelas ás que se lles amputaron 400 páxinas e que supoñen que o lector coopera e restaura aquilo que se omitiu.
P.De feito, moitos ocorren en grandes extensións de tempo.
R. Vidas enteiras e teñen flashbacks, combinan accións en paralelo... Son estruturas que utilizou o cinema e foron adaptadas á literatura por Dos Passos, por Faulkner... Practicamente podería lerse o libro enteiro como novela faulkneriá.
P. Non todas as pezas de Contos da terra... responden a iso.
R. Tamén escribín algún relato cun final estilo O. Henry ou estilo Castelao, que copiaba o modelo O. Henry do final explosivo. E outros con final aberto. Porque tamén hai o relato Chejov, distinto, e da que o relato contemporáneo é máis debedor: Cheever, Chandler...
P. Por que un dos fíos que cosen os Contos da terra da tarde ten a ver co marxinal, co desprazado, co eivado?
R. Ten que ver con Faulkner, que aplica técnicas de vangarda á materia rural e periférica do Sur dos Estados Unidos. Aquí temos a Blanco Amor que, igual que Pasolini, está seducido polos personaxes marxinais. Pasolini revisa o bo salvaxe de Rosseau, a persoa pura non contaminada pola civilización material.
P. Pasolini politizou esa figura como portador da revolución.
R. Non só iso, que é básico, senón que carga ao acattone, ao furavidas, coa posibilidade da redención, o mito cristián de que a vítima porta a salvación. Pasolini era un cristián ateo. E no bo salvaxe ve a alegría da vida perdida na civilización industrial. Iso está en Blanco Amor, un espírito afín que o busca nos arrabaldos ourensáns subproletarios.
P. Eses escenarios de Blanco Amor coinciden cos seus.
R. Moito. Son os meus paisanos. Vivín escarranchado entre a ruralía e un barrio, a Chavasqueira, que era unha versión do barrio do Tío Raimundo madrileño: inmigrantes, labregos recén chegados, xente en conventillos, casas pobres... Para Blanco Amor, de clase media baixa pero do centro, eran o outro co que se identificaba, pero eu vivín nese mundo de acattones. Resúltame natural, por iso o conto. Como tamén conto o da clase media.
P. Blanco Amor, certo Casares, Bieito Iglesias, algún Ameixeiras... Hai unha escola urbana ourensá de literatura?
R. Hai un certo mundo literario ourensán baseado naquilo que pasou a principios do século XX, cando nunha cidade pequena unha serie de persoas fundaron unha tradición literaria. E cando hai unha tradición, nace unha tentación: imaxino que se naces en Buño, igual che tira a olería. Ourense é un territorio literario, como Dublín é unha cidade literaria construída co rancor e o amor de Joyce. A pátina que da literatura fainas máis resistentes ao paso da historia que a realidade material da cidade.
P. O emigrante é outra liña de forza do seu libro. Está ben tratado pola literatura galega?
R. Está pouco tratado. Estevo, un relato costumista de Lesta Meis. Algunha cousa, Cambio en tres de Casares...
P. Neira Vilas...
R. Ten Historias de emigrantes e Remuíño de sombras, pero tendo en conta a dimensión cuantitativa e cualitativa da emigración... Cando eu ía á aldea, atopábame coa veciña que estivera en Filipinas, os meus avós na Habana... Fálase de escribir a novela sobre a emigración, pero está por facer. Eu non a vou facer, porque o meu método narrativo non está capacitado para A novela sobre a emigración, A novela sobre a decadencia do rural, A novela sobre a Guerra Civil... Eu combino eses temas en todas as miñas novelas.
P. E por que a literatura galega non afondou no asunto?
R. É un problema da experiencia. Quen emigra agora son persoas formadas. Dentro duns anos, haberá escritores galegos en Alemaña. Pero antes quen emigraba eran os analfabetos e esa experiencia non se transmitiu aos que podían escribila. De feito, os escritores do XIX que escriben sobre a emigración, escriben sobre os que quedan...
P. De que Galicia se baleira.
R. Si. Pero o señor que vai a Cuba á zafra... esas experiencias que están nas casas desparacen como desaparecen as fotografías familiares se non hai quen as recolla. E non lla contaron a Otero Pedrayo, que vía o rural pero dende a solaina do pazo, nin a Risco, o noso Cioran, quen dicía no Breviario dos vencidos que “cos labregos só se pode entrar na historia pola parte de atrás”. Risco podería asinalo.
P. O combate contra a pacatería é común na súa literatura.
R. O ambiente pacato é típico dunha literatura como a nosa: nunha situación de subordinación, aqueles escritores que introducen laceracións rompen o molde. Pasou coa Esmorga, recibida con reticencias polo galeguismo oficial. Se un autor introduce contradicións no que se supón que debe ser a comunidade, é mal recibido. Os meus libros non son correctos. Tampouco son reaccionarios como Houllebecq, pero non son compracentes coa igrexa progre galeguista. Agora a xente quere historias edificantes, como os filmes en Bolywood.
P. Ou en Holywood, na posguerra. Aínda que había o reverso do cinema negro.
R. Si, o cine de happy end. A novela combina moi mal cunha situación política de consenso e hoxe a xente está encantada de coñecerse. Hai un grande idilio entre os subordinados e as autoridades. E valores que ninguén cuestiona: o diñeiro. A novela é un xénero que tende á disidencia. Senón, é puro entretemento.
P. A España dos noventa encaixaría nesa diagnose.
R. Non era evasiva, que pode resultar crítica por contraste, era unha literatura bizantina. Nos últimos anos —non sei en diante—, a xente quere literatura edificante porque cre que vive nun mundo marabilloso. Esa mentalidade conspira contra os textos problemáticos.
P. Defenda a súa non renuncia ao dialectal fronte os partidarios da estandarización.
R. Depende do que queiras contar. Se es un escritor na liña de Kafka, precisas unha lingua máis funcionarial. Pero as miñas historias reflicten mundos onde a lingua oral era moi rica. O meu galego está nas fontes, en contacto co primeiro galego como Berceo co castelán: o galego dos meus avós. Recibín ese idioma, transmitido coas impurezas dunha lingua salvaxe. Non vou renunciar a ese capital e escribir polo Dicionario Xerais. O meu mundo é inseparábel desa lingua. Como Caetano Veloso dicía que a música brasileira é inseprábel do sotaque do portugués do Brasil. Logo, como o galego é unha lingua semimorta, atópaste cun alter ego lingüístico —dicíao Dolores Vilavedra—, pero é involuntario.
P. Hai autores que o fan voluntariamente.
R. Escurecen o asunto por paixón filolóxica. Teño certa paixón pola palabra, pero non fetichismo.
P. O vínculo co nacionalismo, para ben e para mal, está presente na literatura dunha sociedade subalterna. As turbulencias que atravesa o campo nacionalista influirán na literatura?
R. O nacionalismo influiu non tanto nos autores, senón na política da literatura...
P. No sistema literario.
R. Si. O horizonte de expectativas dos lectores galegos está condicionado por que a inmensa maioría deles teñen militancia nacionalista. E iso ten que ver con que xéneros literarios predominan: a literatura fantástica cunqueiriá, logo unha literatura sentimental vindicadora da identidade nacional, logo novos xéneros pero por motivos patrióticos... A pesar dunha moi activa militancia cando novo, na miña literatura intentei non ser condicionado por un ideario político concreto.
P. Alén de repertorios, se o nacionalismo devala cara a marxinalidade, a literatura galega corre o risco de desaparecer?
R. A literatura galega xa é en gran medida un reduto pola marxinalidade do nacionalismo. Isto significa que os libros ocupan un espazo mínimo nas librarías. Non hai medios de comunicación suficientes que amplifiquen. Nin crítica. É unha literatura débil da que a maioría da poboación non sabe nada. Pode ir a peor e que en 50 anos a maioría dos escritores sexan en castelán e algún en portugués. Estamos sempre traballando nunha situación delicada.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.