Unicornios contra a parede
Os pontevedreses Unicornibot publican este mes o seu segundo disco
Unicornibot son catro tipos de Pontevedra. Nas fotos aparecen disfrazados de unicornio con casco de papel de prata e reivindícanse como “xinetes da mathrockalipse”. Non está de todo mal a autoetiqueta. Malia a algún exceso narcisista nas guitarras —isto vai por circunscricións, supoño—, debutaron cun disco notable en 2010. Hare Krishna autoeditouse en vinilo e aínda está dispoñíbel e dixitalizado en dotheunicornibot.bandcamp.com. Detrás dos títulos alternativamente onomatopeicos (Tinoni), descritivos (Palmas) e lúdicos (La segunda es la tercerae similares) había alí unha suntuosa colección de nove pezas —e algunhas derivas menos— de rock instrumental.
Este mes, en canto acaben de fabricar no Liceo Mutante as 320 fundas para o vinilo, os pontevedreses publicarán o seu segundo traballo. Titúlase Dalle!, sen til, e chegará ás tendas da man dunha infrecuente Unión Temporal de Empresas (UTE) discográfica: dous selos galegos, Matapadre e Radix Records, e tres de Andalucía (Bloody Dirty Sanchez Productors), Madrid (Chingaste la confianza) e Cantabria (Odio Sonoro). Gravado en directo nos capitalinos estudios Brazil con Javier Ortiz, como o seu antecesor, mandárono masterizar a California. Este non pasou pola sancristía de Bob Weston (Shellac).
Non hai grandes sorpresas con respecto a Hare Krishna, pero tampouco era necesario. Ademais de Abril-cerral e Perro Termómetro, os dous adiantos difundidos xa a través da rede, Dalle! inclúe outros oito temas. Mellor armado e máis controlado que o anterior, é un disco felizmente impuro na mesma medida en que o era, por exemplo, In The Fishtank (1999). Alí colisionaban Tortoise e The Ex, dúas tradicións sonoras. Aquí, a facción escura, epidérmica e musculada con outra máis cerebral, exacta e erudita. O math rock e o post-hardcore a dialogar nun traballo excelente, un dos máis honestos —non inventa nada, tampouco o parece— dos publicados por aquí nos últimos anos. Aviso a googleantes: Os Resentidos tamén tiñan un Dálle que non mira, pero é pura coincidencia.
Conceptualmente están cercanos á abstracción furiosa e abrasiva de Shellac
Conceptualmente están máis cercanos á abstracción furiosa e abrasiva de Shellac, por exemplo os do quinto movemento de The Futurist (1997), pero fan ben en citar a Don Caballero entre as súas referencias. Máis alá da devoción polos títulos estrambóticos (Anchoas Castilla, Julio Iglesias, portero), comparten algo do temperamento dos norteamericanos. Nada que ver de momento coa deriva máis esteticista de America Don (2000), pero certo parentesco si que hai. Unicornibot arrandea entre a cirurxía bruta de Shellac, o espesor de Fugazi se Fugazi domesticase as súas guitarras e os patróns elásticos e envolventes da tropa post-rock, sección Pittsburg.
Un momento. Post-rock? Aínda que hai precedentes, a primeira definición sistemática da etiqueta está nun artigo de Simon Reynolds publicado en 1994 na revista Wire. Tratábase de poñerlle algún nome ao que estaban a facer entón bandas como Disco Inferno, Seefeel, Insides, Bark Psychosis, Pram ou Stereolab, e o crítico optou por enfrontar esas prácticas aínda emerxentes á definición materialista do rock que ofrecía Joe Carducci en Rock and the Pop Narcotic (1991): a interacción en tempo real da batería, o baixo e a guitarra rítmica, e punto. Fronte á tiranía do par produtor/estudio que atribuía ao pop circa Brian Eno e despois, o extremo frío do asunto, Carducci invocaba o pau quente da interpretación ao vivo e as gravacións puramente documentais dos anos setenta.
O Primavera atina este ano ao contar coa banda para a edición deste ano
Fiando nesa encrucillada conceptual e volvendo ás referencias orixinais de Reynolds, barrocas e tecnófilas, os de Unicornibot farían única e exclusivamente rock. Mudo, metronómico e vagamente abstracto, pero rock ao cabo. Se Guillermo García (batería), Gonzalo Goitia (guitarra), Toño Rodríguez (baixo) e Álex Gayoso (guitarra) admiten post-rock como animal de compañía é porque o adxectivo, como lamentaba o propio Reynolds nunha revisión do seu artigo publicada en 2007, padeceu un lifting tan agresivo ao longo da súa primeira década de vida que acabou por abrazar tamén discos como os de Tortoise. Dalle que non mira e Gol de chico son, nese sentido, elocuentes.
O (aínda) prestixioso Primavera Sound de Barcelona —este ano estrea sucursal en Porto, de certo máis respirábel— non sempre acerta cando olla cara a Galicia. A algunhas bandas colleunas, ben no vestíbulo da súa disolución, ben no espellismo dun futuro que logo non foi tal. Acertou con Emilio José hai dous anos, cando o ourensán viña de publicar Chorando apréndese, e este ano parece que atina tamén ao contar con Unicornibot. Para quen os queira ver antes e máis preto da casa, este mes estarán no Labranza de Bueu e no Filomatic da Coruña os días 16 e 17.
O ‘blues’ funeral de Lanegan
Aínda deixando a un lado, por razóns de economía, a frenética actividade das bandas galegas, e sen consumir un segundo con propostas redundantes como as de Coque Malla, Iván Ferreiro ou Aute, a lista de concertos deste mes de marzo segue a ser difícil de manexar. Para mostra, a última semana e sen saír da sala Capitol de Santiago: a golpe de mércores 28, Mark Lanegan presenta o que para moitos é xa o mellor disco de 2012, Blues Funeral, e ao día seguinte, con Rauelsson como entrante, Low coa que é probabelmente a gravación máis luminosa da súa carreira, C'mon(2011).
Hai máis xigantes á vista. A Coruña recibe a Willie Nile o día 13 en Le Club, a Thurston Moore (Sonic Youth) ao día seguinte no centro Ágora e ao galés John Cale, ex Velvet Underground e némese de Lou Reed, o 24 no Palexco. Ourense tamén vai servido: Damien Jurado, co seu sorprendente e delicioso Maraqopa (2012), subirá ao escenario do Teatro Principal o 18.
Na banda doméstica, do outro lado do telón de Grelos veñen The New Raemon, Francisco Nixon e Ricardo Vicente, Templeton, Aries, Dolores, Matretta, Big City, Grupo de Expertos Solynieve e algún máis. En Tui rescatan o 21 a Morphine dentro do festival Play-Doc e o Teatro Principal de Santiago sobresae no ecuador do mes: Simon Finn celebra o corenta aniversario de Pass The Distance (1970) o día 18 xunto a Joolie Wood e Maja Elliott, ambas de Current 93.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.