_
_
_
_
LUCES | DISIMULEN

Hai partido no ‘Galician Bizarre’

Srasrsra, dúo coruñés, debuta no catálogo de Discoteca Océano e os ferroláns Carrero Bianco lanzan ‘Blíster’, o seu segundo disco

Zippo (esquerda) e Víctor, os compoñentes do dúo coruñés srasrsra
Zippo (esquerda) e Víctor, os compoñentes do dúo coruñés srasrsra

A primeira demo de srasrsra, pronunciado (e pronunciada) “señora, señor, señora” (2010), tiña dous tipos con máscaras estampados na portada, un coas baquetas sobre a caixa e outro coa guitarra. Era a cita máis obvia de Zippo e Víctor, ex Submutantes, ao dúo estadounidense Lightning Bolt. Brian Chippendale e Brian Gibson adoitan tocar así en directo, ocultos tras as carautas —“Chámome Erik Satie, como todo o mundo”, deixara escrito o compositor francés nun dos catro mil anacos de papel que se atoparon na súa casa a un ano da súa morte—. Os de Providence, iso si, teñen outras particularidades: practican a abstracción espartana, teñen bastante máis que ver coa matemática que coa canción popular, esixen tocar á mesma altura que o público e superan adoito os nove minutos.

Aquel primeiro traballo de srasrsra tiña 17 cortes. O máis longo nin sequera chegaba aos 90 segundos. Operaban na mesma frecuencia (inhumana) que os norteamericanos e manexaban materiais igualmente escasos —batería, guitarra e alaridos moitas veces inintelixíbeis a dúas voces—, pero agás algún caso illado facían cancións. Estruturas hiperconcentradas, urxentes, marcianas e pasadas por un baño de ácido sulfúrico, pero cancións despois de todo. A súa segunda referencia, baboom (2010), ía confirmar a deriva máis amable. Hedonismo controlado en pílulas tan minúsculas e espídicas como comebolsas, o tema que se fixo relativamente popular na Rede grazas, en parte, a un videoclip de Javi Camino. Aí colgáronlles o desproporcionado sambenito do glam.

A banda coruñesa debuta agora no catálogo de Discoteca Océano, o selo polo que pasaron El Guincho e Joe Crepúsculo e no que militan aínda Thelemáticos e Linda Mirada. A piques de chegar ás tendas, puchao contén catro cortes novos, tres temas de baboom (comebolsas, srasrsra e bueno sí, no) e sete da súa primeira maqueta (wally, oliendo a pis, toriyama, cucarde, ¡hey, tú!, non sei e chaqueta de droga). Pouco material inédito pero todo, iso si, remozado, matizado e domesticado na gravación por Roberto Mallo. A banda coruñesa soa menos áspera e perigosa que ao principio, pero conserva a urxencia histérica, naif e anabolizante das súas primeiras trasnadas.

Zippo e Víctor, tamén en Triángulo de Amor Bizarro e Leroy y Los Masoquistas respectivamente, figuraban entre os grupos de Galician Bizarre (2010). Aquela escolma do autodenominado underground galego reunía bandas tan dispares como os desaparecidos Indómitos ou Novedades Carminha, agora no catálogo de Ernie Records, e terá pronto unha segunda edición. Os seus promotores xa dispoñen dun portal na Rede (www.galicianbizarre.com) onde avanzan algúns detalles. Pretenden tirar algo máis de medio milleiro de copias dun vinilo de 12 pulgadas e financiar o proxecto, por suposto, a través dalgunha plataforma de crowdfunding.

A segunda edición do ‘Bizarre’ pretende tirar medio millón de copias en vinilo

A consigna é clara: ningunha banda pode repetir e os cortes teñen que ser inéditos. Os convidados desta vez son Lobishome, Los Thyssen, Tora Tora Tora!, QVEK, Los Televisores, Tetra & Freak, Sr. Anido, Pastillas Mamut, Trajano!, Fluzo, Mano de Obra, Fantasmage, Wild Balbina, Carrero Bianco, Mullet, Terbutalina, Christ Divides e Alarido Mongólico. Volven mandar as coordenadas administrativas e un vago, pero lexítimo, discurso periférico. Conviven bandas con varias demos circulando pola Rede, algunhas moi notábeis, con proxectos como o dos vigueses Fantasmage, que debutará o vindeiro mes de abril cun LP no selo asturiano Discos Humeantes.

Unha desas bandas, a dos ferroláns Carrero Bianco, vén de incorporar un novo título á súa discografía. Despois de Oferta de lanzamiento (A Regueifa, 2010) chega agora outro artefacto de mercadotecnia: Blister (2011). O corte titular que abre o disco ameaza jingle, pero xa logo o disco se abeira (de vagar) á pista de baile. Decididamente máis luminoso, evocador e redondeado que o seu debut, este EP de seis temas —dous son remesturas, como no primeiro— debátese entre a atracción retromaníaca e bailábel dos cinco minutos de Reza lo que sepas (“Me atropellaron / en la autopista de la información / ya verás cómo vas a echar / de menos los noventa”) e a bafarada de techno pop acolledor de Radio (“Y si quieres algo nuevo / no lo dudes, vente / a cazar ondas de cielo / en mi radio”). O sentido do humor segue aí, pero haberá quen bote de menos o verniz lúdico (¡M.U.É.V.E.L.O! ou Pon tu mano) e a agresividade (Gafas de sol) de Oferta de lanzamiento. Hai cambios no grupo e Blister parece un disco de transición. Prometen máis, a non tardar.

Paciencia, marzo está aí ao lado

A axenda de marzo vén adornada de grandes nomes: Low e Mark Lanegan pasarán por Capitol, John Cale fará escala no Palexco e Nacho Vegas e Thurston Moore deixaranse ver no auditorio do centro coruñés Ágora. De momento, iso si, hai que repartir o tempo deste febreiro bisesto e xeneroso. Hoxe os zaragozanos Big City presentan Celebrate It All na Mardi Gras da Coruña e os Corizonas, a fusión de Arizona Baby e Los Coronas, patearán a sala Capitol de Santiago mentres Vigo enreda co underground autóctono: La Fábrica de Chocolate ábrese a Franc3s e Sector de Agitadas e na rúa de abaixo La Iguana aposta por Fantasmage e srasrsra. Se a alguén non lle vai ben, hai un segundo pase (cruzado) mañá no Liceo Mutante de Pontevedra tamén con srasrsra e Sector de Agitadas.

A golpe de martes, o que queda de Thin Lizzy subirá ao escenario de Capitol, por onde pasarán tamén este mes Sidonie, o día 18, e Nada Surf. Os norteamericanos presentan o seu primeiro disco con material novo dende 2008. Titúlase The Stars Are Indifferent To Astronomy e está publicado polo selo galego Ernie Records. Tamén no medio da semana chega o venezolano Algodón Egipcio para pasear as cancións de La lucha constante. O día 15 estará en Vigo, en La Casa de Arriba, e o 16 do outro lado da ría, no bar Labranza de Bueu. Por último, a sala Playmovil —antigo Vademecum, día 18— propón este mes aos vigueses Linda Guilala xunto a When Nalda Became Punk e o Teatro Principal inaugura o ciclo Íntimo&Acústico o 19 coa angolana Aline Frazao.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_