_
_
_
_

Reducir as letras, conxelar a fala

As mouras expectativas de futuro son conversa recorrente entre a xente nova. Cando vexo os e as estudantes co corazón engruñado cismando no porvir lémbrome de cando rematei a carreira, a comezos dos oitenta. A democracia vivía baixo ameaza, a economía a piques da creba: a reconversión industrial, o paro, a inflación, a débeda… todo se volvía falar da crise. Por iso me pregunto canto haberá de pesimismo inxustificado no noso estado de ánimo actual, ou de resaca dunha longa festa rachada amenizada polas burbullas da especulación. Non estaremos esaxerando? Non será esta unha crise máis, semellante ás anteriores?

Doutra parte, inzan as polémicas sobre o deterioro do ensino e o ocaso das humanidades, da man das controversias sobre o porvir do idioma. Ao fío delas, téñome interrogado: Terá algo que ver o desprezo das letras co desapego polo galego? As alarmas todas que se están lanzando serán infundadas? Moito levo matinado nestes asuntos... Velaí van algunhas conclusións persoais.

»O rapto da Europa social. De primeiras, esta non parece unha crise máis, senón a culminación dunha longa cadea de crises. Ao que a Europa avanzada chegara, e ao que nós aspirábamos, era un modelo de compromiso: economía social de mercado, segundo reza a vixente Constitución (ata a vindeira reforma). Ao que nos están arrastrando é ao capitalismo brutal: a tiranía do mercado. Unha vitoria dese novo modelo, mesmamente na linguaxe, foi o triunfo do termo neoliberal, en lugar do máis exacto ultraliberal. Outra perversión da nova xerga: industria financeira. Así lles chaman aos laboratorios de especulación, ás oficinas de fraude, aos obradoiros de bonos-lixo e todas esas porcalladas —perdón, produtos financeiros. Vivimos a apoteose final do ultracapitalismo. A pirataría descarnada é a raíña da nova economía.

A seguir, a política entendida como mecanismo de autogoberno das sociedades, expresión da vontade democrática da cidadanía, está en liquidación. As decisións relevantes tómanas os mercados (isto é, as hienas das bolsas), e as administracións públicas limítanse a xestionalas. As instancias políticas (institucións, partidos, dirixentes) non representan os intereses da maioría, limítanse a aplicar os ditados despóticos dos mercados. A corrupción foi un dos instrumentos máis eficaces para envilecer a política, minar a confianza e esmagar a moral cívica, e cavou unha foxa abismal entre a cidadanía e o sistema representativo. A vida pública está empezoñada.

Pero esta crise é tamén cultural. O ultraliberalismo non podería imporse só pola vía da economía. Precisaba tronzar os mecanismos de contrapeso democrático, de regulación pública, de control social. Como non o ía facer pola forza bruta, coma nos vellos tempos (aínda que sempre queda ese recurso na reserva), propúxose acadalo pola vía da hexemonía ideolóxica. Nunca se ponderará dabondo o servizo que para conseguilo lle prestaron as industrias do entretemento e os medios de comunicación de masas (estes sobre todo, de aí tamén o seu descrédito).

Non se trata só da ocultación ou o desprestixio sistemáticos dos discursos, as creacións e as tradicións inasimilables ou minimamente críticas, complexas e esixentes; trátase dunha subversión dos valores, substituídos polos prezos: canto custa, tanto vale. Así, só interesa o coñecemento útil, entendendo por tal o que produce beneficios económicos inmediatos. Todo o resto, ou é diversión trivial, ou está de máis. A razón económica coloniza todos os ámbitos da vida. Destarte, pérdense xusto as cousas que lle dan sentido a esta, que son as máis importantes e que, literalmente, non teñen prezo. A única excepción —non só tolerada, senón activamente promovida—, é o integrismo relixioso. A cultura, reducida a mercadoría, foi pervertida, subornada ou silenciada.

»A erosión do espírito. Para a imposición definitiva do modelo ultraliberal, o ensino público igualitario constitúe un atranco molestísimo. Preténdese facer da educación non un dereito nin un servizo, senón un negocio. A desigualdade non é un problema, mais unha condición da libre competencia e unha consecuencia lóxica desta. Imponse a competitividade e marxínanse os coñecementos non instrumentais. Na Universidade aténdese en exclusiva ás titulacións profesionais e técnico-científicas. A investigación só é concibible, avaliable, subvencionable, só paga a pena nas ciencias e conforme os seus criterios. As xentes de letras temos que sufrir o oprobio de que se puntúa mellor un artigo elemental publicado en inglés nunha revista de Arkansas ca un estudo serio estampado en galego aquí mesmo. É tan difícil de entender que os nosos son saberes intrinsecamente localizados, pouco internacionalizables? Tanto ten. As humanidades e as ciencias sociais son disciplinas obsoletas, inservibles e, aínda por riba, poden fomentar o espírito crítico. O ensino e a investigación, as propias Universidades, están na picota.

Finalmente, o mercado global funciona de xeito máis eficiente nun espazo único e homoxéneo. Por tanto, a diversidade lingüística e cultural, ademais de cara e ineficiente, atrapalla. Non só cómpre reducir o exceso de idiomas (a maioría son invendibles), senón tamén disciplinar os superviventes, adaptándoos ao novo barallete trasnacional, un derivado sintético do inglés: “O Basic English é unha lingua controlada e construída a base da simplificación do vocabulario e a gramática da lingua inglesa natural” (Wikipedia dixit). Basic é acrónimo de British-American Scientific International Commercial English: voilà! Carece de sentido fomentar unha educación lingüística e literaria sofisticada: a maior parte das linguas naturais son complexas de máis (para non falar das creacións literarias) e o estudante non debe perder o tempo con esas lilainas. Ata é un risco ampliar os recursos expresivos da xente, que se cadra dá en razoar máis da conta. En definitiva, o galego sobra, o inglés (básico) é compulsorio, o castelán (só rudimentario) nin se discute. A linguaxe está deturpada.

»O remol das esperanzas. O devandito non pretende soar apocalíptico nin ser confundido cunha actitude retrógrada. Non son un nostálxico dos vellos tempos. Admito que a globalización ten aspectos positivos, admiro as persoas emprendedoras que crean riqueza, sosteño que a cultura debe contribuír ao benestar (tamén económico) do país, marabíllome coas técnicas e as ciencias, agradezo e aproveito as novas tecnoloxías, posúo unha certa experiencia universitaria internacional desenvolvida en castelán e inglés (e máis en portugués), e defendo a educación plurilingüe, asentada, iso si, nunha base sólida do idioma propio de cada un. Precisamente, por iso recuso a tiranía dos mercados e a degradación da democracia, non me resigno á deserción dos gobernantes, á chapoda das conquistas sociais e ao fomento da desigualdade, repudio a derrogación da cultura e o desleixo das humanidades, a sangría do ensino público e a asfixia da Universidade, arrepóñome contra a deturpación da linguaxe e o menosprezo do galego. Non quero perder a esperanza. Precisamos outros políticos e outra política. Para frear a desfeita. Antes de que sexa demasiado tarde.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_