O estraño xuízo
Para ter un retrato comportamento autoritario, e as súas arroutadas, unha das lecturas de máis proveito é a obra de aforismos do poeta disidente polaco Stanislaw Jerzy
Para ter un retrato comportamento autoritario, e as súas arroutadas, unha das lecturas de máis proveito é a obra de aforismos do poeta disidente polaco Stanislaw Jerzy Lec titulada ‘Pensamentos despeiteados’. Un destes aforismos refírese a certos paradoxos no eido xudicial: “O descoñecemento da Lei non exime do seu cumprimento; o coñecemento, si”.
A verdade é que non sei porque me lembrei agora do noso retranqueiro polaco. O conto é que hoxe, 10 de febreiro de 2012 (case século e medio despois da absolución de Curros Enríquez, no caso ‘Aires da miña terra’) vai ter lugar un xuízo nos tribunais da Coruña contra Carlos Callón, presidente da Mesa para a Normalización Lingüística. O motivo deste sentar no banco dos acusados a este investigador e ensaísta é unha denuncia presentada polo maxistrado Antonio Fraga Mandián.
O señor Fraga indignouse moito, á vista da súa reacción, polas críticas que o señor Callón lle fixo despois de que o xuíz, que ademais é decano na praza, declarase en público, nun xuízo, e así o recolleron os medios de comunicación: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. Éche o tal! O señor Callón, que é teimoso, lembrou tamén que o mesmo garante da Xustiza, e como resposta a unha petición veciñal, xustificara o uso deturpado do topónimo nun documento oficial por causa dun “erro ortográfico”.
Comprenderán que a razón deste artigo non é mostrar a estrañeza por semellante xuízo, con trazos de “Auto de fe” por mor da lingua. Digan o que digan, non é este un tempo de andar ás ceibas. A liberdade de expresión está en estado de vixía, hai máis que verzas na ola, e os pensamentos despeiteados van prendendo en liñas que semellaban invisíbeis, mais que son arames con pugas.
Así que, a quen corresponda, quero manifestar:
Respecto, acato e considero exemplar que o señor xuíz decano diga que “no tiene ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”; respecto, acato e considero exemplar que xustifique a variación de topónimo por motivo de “erro ortográfico”, e mesmo hortográfico. Respecto, acato e considero exemplar todo o que dixera, dixese ou diga o señor Fraga Mandián. Para contentamento xeral, suxiro que o señor Callón sexa desterrado de La Coruña, e confinado no futuro en A Coruña.
Matar un ‘labrador’. Si, os animais son moi bos para pensar. Para facernos pensar. Hai un cinismo en circulación que se manifesta en especial nalgúns individuos cando os seus esquemas mentais se vén desconfortados por unha opinión ecoloxista, e en especial estoupa o incómodo cando se fala da defensa dos dereitos dos animais. Que absurdo! Que dereitos van ter os animais? Pensan que é unha cousa de agora, de catro chalados. E van e soltan a parvada de sempre: “Moito salvar as baleas, por que non se preocupan pola fame no mundo?”. Son os mesmos, claro, que logo din cando lle falan da loita contra a fame: “Non me veñas con sermóns, non me estragues a dixestión”.
Verbo do trato aos animais, ben se ve que non leron nin a pasaxe bíblica da asna de Balaam. Despois de varios azoutes, o animal revírase, coa axuda dun anxo, para dicirlle ao seu dono que non o maltrate. Que non o torture. Luís Pimentel escribiu un poema profético sobre un asasino que na infancia adoitaba cegar os paxaros con alfinetes. E noutro dos grandes poemas do século XX, a ‘Oficina e denuncia’, de ‘Poeta en Nova York’, Federico García Lorca describe o que poderíamos chamar a produción industrial de crueldade. No noso tempo e país hai granxas de engorde onde un porco non se move en vida e onde ás vacas se lle corta o rabo ao nacer e se lle queima a raíz dos cornos para que non medren.
Mais eu do que quería falar hoxe era dun ‘labrador’. Segundo leo na crónica, en ‘La Voz’, chamábase ‘Enki’. Foi morto a tiros de escopeta na aldea de Grixo, en Ramirás. Quen disparou era un veciño, así que o coñecía. E quen coñeza un ‘labrador’ só pode odialo polas súas virtudes. É un dos mellores amigos que o señor humano pode arelar. Bondadoso, alegre, profundador. Eu tiven durante anos, até que morreu, un amigo ‘labrador’. Proba da súa intelixencia é que só se anoxaba cando me vía traballar no ordenador. Non era eu quen o paseaba, era el quen me guiaba na miña cegueira.
Ese suceso da execución dun ´labrador’, xunto co achado en Vincios de catro foxas de cans abandonados e a cacería masiva de raposos o pasado fin de semana, dá moito que pensar. Nos animais. En nós.
O pintor descoñecido. Hai tempo que quería falar del, que os ollos devecían por extraer palabras dunha obra xenial soterrada no silencio. Darlle re-existencia a algúns dos mellores retratos da figuración galega do século XX. Mea culpa. Sei que falo para moitos dun descoñecido. Do pintor ferrolán Segura Torrella. Recoñezo que volvín á carpeta, á documentación esquecida, interpelado pola visión do derradeiro retrato, o que mostra un home espido co seu can, no que traballaba Lucian Freud, de quen se anuncia unha gran retrospectiva na National Portrait Gallery de Londres. Segura Torrella era desa estirpe de pintor que revolucionou o xeito de mostrar os nus, onde os corpos son escenarios que convocan o humilde e o sublime. Hai moito de común co artista neto de Freud en obras como ‘Nu en amarelos’ ou ‘Nu en caracol’, ambos os dous de 1974. Entre nós, non foi moi coñecido nin menos comprendido. Talvez porque non estaba na curota da onda, non practicaba un vangardismo ‘à la page’. Mais volvo agora, no volume ‘A nosa pintura’, iniciativa de Antón Pulido, co apoio do concello de Ferrol (2007), a cadros como o retrata unha familia no remolque dun camión (‘Cara a Fisterra’) ou o da muller loitadora do pobo ferrolá (‘Mela’) e vexo como o tempo mellora, devolve con xustiza, a ollada fértil e a man sincera.
E xa que estamos despeiteados, unha pregunta bule con certa urxencia e anguria. Caixa Nova e Caixa Galicia, cos aforros populares, teñen os mellores fondos da arte galega. Coa crise bancaria, con ese futuro incerto, malia fusión, non está de máis preguntarse que vai ser do mellor patrimonio artístico? Ten algo pensado o Goberno de Galicia?
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.