_
_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A comuna de Foxo e a fábrica dos soños

Manuel Rivas

Estes días fálase moito do golpe de Estado do 23-F. Fálase moito para contar pouco, que é o que adoita pasar coas cousas que teñen unha zona de sombra onde non hai xeito de poñer luz. Por aquela época, e dende mediados dos setenta, estaba a desenvolverse nun recanto de Galicia, no que poderíamos chamar con esaxero o noso Extremo Oriente, a experiencia de comuna máis orixinal e radical de cantas se fixeron nese tempo convulso na península ibérica. A coñecida como comuna do Foxo, que nos mellores tempos abrangueu varias aldeas en Negueira de Muñiz, na bisbarra do Navia, que ficaran illadas despois da construción do encoro de Grandas de Salime.

Ducias de mozos e mozas, intentaron alí un modo de vida alternativo, baseado no amor libre, na comunidade de bens, sen propiedade privada, e onde os fillos foron educados nunha escola libre, en contacto coa natureza.

A primeira comuna, a dos fundadores, durou até 1982, que xa é durar. A heroína foi unha peste
Nos anos noventa, rexurdiu con xente que vive da natureza, da gandería e da agricultura

Chamáronos hippies. Mais aqueles primeiros comuneiros do Foxo pouco tiñan de ver coa tópica estampa eivisenca de saias, camisas floreadas e pamelas que en España se asociou coa estética hippy. Para comezar, aquelas aldeas de Foxo, Vilar, Vilauxín, Cancio e Ernes, cercadas polas augas, semellaban estar tan perto do paraíso como do inferno. A natureza alí ten días. Hai días místicos e días que levan toda a sombra da noite na boca, como o lobo do poema de Novoneyra. Á montaña cáeslle ben ou cómete. Cando se construíu o encoro, que asolagou o val, a maioría dos veciños foran "deslocalizados" na Terra Chá. Quen devolveu a vida foi aquela mocidade valente e comunal. Xente libertaria a maioría. Herdeira e pioneira de moitos soños. O solidario, o igualitario. O vivir sen amos. O dun naturismo consecuente cando aínda case non se falaba de ecoloxía. O manducar en compaña ese pan do que falaba Don Quixote no marabilloso discurso sobre a liberdade: "¡Venturoso aquel a quen o ceo deu un anaco de pan sen que teña a obriga de agradecelo a alguén que non sexa o mesmo ceo!".

A experiencia da Comuna do Foxo durou anos, con altibaixos. Por suposto, non había ningunha comodidade. Nin luz eléctrica. Nin transporte motorizado. O encoro non respectara as pontes e había que achegarse en barca.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Entre os fundadores, hai historias lendarias. Como a presenza de Siro, un vello enlace do maquis entre Asturias e Galicia, a quen os futuros comuneiros coñeceron nun bar de Santiago. Foi el quen lles falou de había un paraíso deshabitado, entre augas e cuberto pola maleza. A primeira comuna, a dos fundadores, talvez a máis interesante, durou até 1982, que xa é durar. Contan que a chegada da heroína tivo o efecto dunha peste. O cabalo do ego estragou os vínculos solidarios. Os pioneiros superviventes refixeron a súa vida. Algúns son hoxe catedráticos ou profesionais liberais. O que nunca esquecerán son os anos en Foxo. Aquel espazo de liberdade rexurdiu, doutro xeito, nos anos noventa. Xente que vive da natureza, da gandería e da agricultura biolóxica. Algunhas cousas cambiaron, pero a mocidade que vai ao instituto á Fonsagrada ten que andar todos os días quilómetros para que os recolla un microbús que logo aínda percorre máis dunha hora para chegar ao centro.

E hai nestes mozos e mozas un selo especial. O da liberdade. E unha conexión íntima coa natureza.

Quen mo conta, quen me relata con paixón a historia de Foxo e das aldeas do Extremo Oriente, alí onde Galicia e Asturias se xuntan en terra e lingua, é Ignacio Vilar. Vén de rodar como talvez nunca se fixo en Galicia. Na alta montaña, no medio da neve e baixo as folerpas. Vén, claro, marabillado. Semella que está a piques de berrar o que o situacionista Guy Debord: "Non podemos dispensar á vida de ser apaixonante!".

Despois de experiencia de Pradolongo, Ignacio Vilar, con guión propio e de Carlos Asorey, está entregado ao seu propio soño comuneiro. Á parte dos actores dos actores profesionais, algúns xa protagonistas en Pradolongo, como Rubén Ríos, vai contar coa colaboración de medio cento de veciños e a axuda imprescindíbel de persoas que coñecen o medio, como o garda da reserva natural dos Ancares. A película que lle ocupa a cabeza é tamén o seu maior soño até o de agora: a de filmar unha historia de amor naquel tempo de vida nova e paixón que foi a Comuna de Foxo. Por iso, para documentarse, percorreu quilómetros e quilómetros á procura dos fundadores. E entrevistou aos que abriron paso nas silveiras dos anos setenta.

Hai algunhas cousas singulares no proceso de rodaxe de Vilamor. Agora vense de rodar o tempo de outono/inverno. En xuño e xullo filmaranse as secuencias da primavera/verán. Ignacio Vilar, que comezou a traballar como montador en Barcelona, onde estudou na Central, adoita facer da rodaxe e da montaxe un proceso simultáneo. E a banda sonora, obra de Zeltia Montes, a compositora da música de Pradolongo, non se acompasa despois senón que xa marca o ritmo da película, ao xeito en que traballan cineastas como Ang Lee.

En tempos de desafecto e ruindade, é conmovedora esta enerxía coa que traballa Ignacio Vilar. A invencíbel esperanza coa que se move para sacar adiante un cinema en galego, para o que o éxito do filme catalán Pa negre é un grande estimulo. Vilamor conta cun orzamento de millón e medio de euros e o apoio da Xunta, da TVG e da vicepresidencia da Deputación de Lugo. Pradolongo editouse en versión orixinal con subtítulos en catalán, castelán, éuscaro, portugués, inglés e francés. Tense visto xa nun lote de festivais internacionais. A idea é estrear Vilamor no outono deste ano 2011.

Presta falar con Ignacio Vilar. Ao cabo, como ben dicía Cunqueiro, somos o que soñamos.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_