Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Blanco Amor e a censura infinita

"Chegou o Eduardiño, o fillo da florista, e vén feito un cabaleiro con zapatiños de puta". O célebre pregón do primeiro regreso de Blanco Amor a Ourense, en 1928, deuno un parvo. Que o fillo de Aurora Amor era homosexual sabíase na cidade desque, con 16 anos, colle o primeiro tren cara algures e remata preto da estación de Guillarei. Alí intercede ante a Garda Civil o médico dos pobres, Darío Álvarez Limeses, que lle dá acubillo e cartos para volver á casa.

"El ía moito pola praza de abastos", recorda o escultor Arturo Baltar, que sitúa a anécdota no derradeiro retorno do escritor, avanzados os setenta. "Un tipo parouno na alameda para dicirlle 'maricón'. Eduardo díxolle 'envexoso'. Pero desa raza só era unha pouca xente". O sexo de Blanco Amor, porén, rebule aínda despois de morto. Aconteceu, máis ou menos sotto voce, por entre os fastos do Día das Letras que se lle consagrou en 1993. Non era un traballo no ronsel dos estudos gais e lésbicos, senón Diante dun xuíz ausente (Nigra), o libro de Gonzalo Allegue, ata hoxe a máis brillante aproximación biográfica -con tramos novelados- á figura de Blanco Amor. "Un sector conservador considerou que iso empequenecía o autor, e a outro sector menos conservador pareceulle que o nacionalismo ficaba esvaído", resume Allegue, que traballou no libro durante sete anos.

O rexeitamento da "pureza e o laicado galeguistas" é político e sexual

"Ao final, agarímarono máis os outros: Victorino Núñez, Casares..."

De cómo rexeitaba Blanco Amor "a pureza e a mística do laicado galeguista" hai probas máis acedas no libro de Allegue. Tamén do que outras voces consideran un personaxe "ás veces difícil de aturar". O neno pobre que medrou enchendo xerras de auga no café La Unión, co Risco de Preludio a toda estética futura, escoitando á xente e lendo de prestado a Mallarmé, Rimbaud ou D'Annunzio, segue sendo difícil de abeirar. "Era libre", insiste Allegue. Na súa personalidade, neste sentido, aínda se peneiran de xeito diferencial, ás veces incómodo, algunhas das cuestións que riscan o século. Galeguismo e republicanismo, Galicia interior e exilio. E a censura, propia e allea. A respecto da propia, non hai conclusións unívocas. O Blanco Amor azañista tivo retruques con Castelao antes da provincialización das sociedades federadas do exilio. Ao apóstolo da Galicia Nai na América guindáronlle obxectos nun centro galego, cando intentaba falar -en galego- de Rosalía. "Quen cres que es", espetáronlle, "non somos bestas". Acabou dándolles un mitin. Na polémica ulterior entre Seoane e o Celso Emilio furioso da Viaxe ao país dos ananos, púxose do lado do celanovés.

Sobre a censura literaria, precisa o investigador Xosé Manuel Dasilva, comisario da exposición Editar en galego baixo a censura franquista: "Quizais esteamos falando do autor galego máis censurado". O 19 de xuño de 1956, Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Sey -inspector de Educación en Madrid-, rexistra na Vicesecretaría de Educación Popular un mecanoscrito de 38 folios "moi ben aproveitados", datado en Bos Aires un ano antes. Era A esmorga, co subtítulo Crónica de tres borrachos. A Galaxia de Piñeiro e Fernández del Riego quixo publicala desde un principio, pero sabía que non ía ser posible. É o falanxista Miguel Piernavieja del Pozo quen asina, en agosto, o informe da censura. "Devolveuno limpo", di Dasilva. Tan mal lle pareceu que non se molestou en facer borranchos. Acabouna publicando Seoane en Bos Aires (Citania, 1959). Volve intentalo Galaxia en 1969. O informe é outra vez desfavorable, esixíndose a supresión das tres pasaxes da obra onde a Garda Civil malla no Cibrán. A primeira edición galega, coas modificacións oportunas, é de 1970.

Peor lle foi a Xente ao lonxe. Presentada a consulta voluntaria en 1971, xa admite condena por "blasfemia y ofensa a la moral". Tras catro informes, autorizan a súa publicación en 1972, sen unha ducia de expresións sicalípticas nin as ilustracións orixinais de Isaac Díaz Pardo. Toda a narrativa de Blanco Amor pasou trafegos semellantes. Teatro pra a xente (1974), ten que saír sen a fantasía xudicial Proceso en Jacobusland. Falando da censura propia, Díaz Pardo, un dos mellores amigos do ourensán, remarca a conduta "sempre leal" do que foi vicecónsul da República en Bos Aires. E desculpa a frialdade de Carvalho Calero na súa História da literatura galega contemporánea". "De Neira Vilas tamén preguntaba cómo é que un neno labrego podía facer unhas memorias", bromea o cofundador de Do Castro. "Pero para a xente nova, daquela, era importante a opinión de Calero", lamenta Carlos Laíño, en posesión de todas as traducións de Blanco Amor -castelán, italiano, bable e ruso, ademais da recente versión en francés-. "Dicíao o mesmo Eduardo: Xente ao lonxe terédela que salvar os novos. Os vellos xa se pronunciaron".

Para Luís Pérez, autor dunha ducia de traballos sobre o autor e prologuista de Ars Amandi, a compilación da poesía erótica inédita -na edición de Galaxia e do Pen Club de 2007-, urxe publicar o epistolario e compilar o xornalismo de Blanco Amor, vía única para coñecer o seu traballo na emigración. "Tamén descoñecemos a obra en castelán de Seoane", di, crítico co limbo que iguala ao Blanco Amor de Los miedos co xornalista de La Nación. Na Biblioteca Blanco Amor de Galaxia xa é posible atopar as crónicas de Chile a la vista.

Desde Barcelona opina Ángel Chamarro, a quen Blanco Amor adica os Poemas del Ángel. Fala do suposto vedetismo do Eduardo retornado, azougado polos problemas económicos: "Eu vin cómo desaparecían moitos amigos seus". Para Maribel Outeiriño, autora da famosa entrevista de 1979 onde Blanco Amor se sitúa "antes do comunismo e antes do separatismo", "os que máis agarimaron ao Blanco Amor crepuscular" foron "os outros". "Victorino Núñez, Carlos Casares, La Región...". Nin Rosón nin García-Sabell, daquela presidente da Academia, acabaron indo ao enterro.

O roteiro da Esmorga debeuse á iniciativa civil do historiador Marcos Valcárcel. As homenaxes deste 2009 en Auria semellan tamén partidas. O 3 de abril, o Pen Club celebrará os 50 anos do libro. Apoia a Deputación de Ourense, a mesma institución que o suspendeu de emprego e soldo en 1917, cando traballaba de porteiro na Inspección de Primeira Ensinanza. Por parte do Concello de Ourense, o Ano Blanco Amor que anunciara a Tenencia de Alcaldía comezará, disque, no último trimestre do ano.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 27 de marzo de 2009