_
_
_
_
_
Luces

Vázquez e as cores da tortura

As últimas obras de Xesús Vázquez, pintor ourensán asentado dende hai moitos anos en Santander, poden verse dende hoxe na galería compostelana SCQ. A maior parte das pezas expostas levan por título o nome de campos de concentración da Segunda Guerra Mundial ou dos novos recintos de tortura que xurdiron nos últimos tempos, coma Guantánamo ou Abu Ghraib. Ninguén o diría nunha primeira ollada cando se atopa coa explosión de cores que caracteriza dende hai moito tempo á obra de Vázquez.

Os cadros de gran formato predominan na mostra aínda que tamén hai espazo para unha serie chamada Abu Ghraib na que o artista mestura a técnica do grabado, da pintura e do debuxo para ofrecer a súa particular visión do caso do cárcere iraquí que encheu as páxinas dos xornais hai pouco tempo. "Dalgún xeito as láminas de plástico nas que traballo sofren tamén un proceso de tortura ao seren gravadas", sinala Vázquez, quen non presentaba as súas obras na súa terra natal dende hai tres anos, cando o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) lle dedicou unha mostra retrospectiva.

O pintor iniciou o seu traballo nos anos 60, vencellado ao expresionismo abstracto. A súa obra evolucionou e nas últimas décadas utiliza alternativamente a figuración e a abstracción. Foi membro da xeración de Atlántica pero sempre se distinguiu pola independencia. A súa traxectoria é a dun autodidacta que sempre estivo aberto a novas experiencias artísticas e que mostrou interese por investigar distintas técnicas e temáticas.

Na mostra que hoxe abre as súas portas tamén poden verse as diferentes caras do artista. Hai unha peza que chama a atención porque é distinta a todas as demais. Nela vese o rostro do propio Vázquez que aparece deformado en tres instantáneas diferentes. "Forma parte dun grupo de obra que estou a facer e que fago dun xeito semellante a un diario persoal", explica o artista, quen recolleu a súa imaxe co ordenador e posteriormente a deformou para obter un autorretrato "hiperrealista".

Noutras dúas pezas Vázquez dálle estrutura tridimensional a dous debuxos, que abandonan a textura case etérea que caracteriza o trazo da man para converterse nunha especie de esculturas debuxadas. Unha das pezas centrais da exposición é Guantánamo, un gran cadro no que a xeometría e a cor constitúen a versión pictórica de Vázquez sobre o campo de tortura aberto polo Goberno estadounidense na súa base militar en Cuba. A obra non remata aquí xa que o artista vai presentar o ano que vén na Fundación Luís Seoane da Coruña unha película de máis de dúas horas de duración na que se poderá ver o proceso de traballo do artista, mesturado coa lectura de poemas e con insertos de gravacións dos xerarcas nazis durante o proceso de Núremberg e dunha entrevista ao artista Marcel Duchamp.

Como resume do contido da exposición, Vázquez sinala que é "unha reflexión sobre o mal" aínda que ninguén o diría se queda coa primeira impresión colorista. De todos os xeitos, algunhas pezas ofrecen pistas evidentes sobre o que o espectador vai atopar, como unha escultura que reproduce os arames de espiño que se identifican cos campos nazis.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_