_
_
_
_
Luces

O regreso d'O Moucho

EL PAÍS e Galaxia reeditan 22 títulos da colección popular ideada nos 60 por Xosé María Álvarez Blázquez

Segundo asegura o diccionario, o moucho é "unha ave rapaz nocturna, de pequeno tamaño, cor gris, cabeza aplanada e ollos grandes e saíntes". Entre 1967 e 1983, O Moucho foi tamén o nome dunha das iniciativas máis singulares da edición de libros en galego, nacida do empeño persoal de Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, e a súa editorial Castrelos: a que puxo na rúa 64 títulos en formato accesíbel e popular. Editorial Galaxia e EL PAÍS recuperan a iniciativa de Álvarez Blázquez cunha escolla de 22 libros que reproducen en formato facsimilar a histórica serie. Este domingo, de balde co xornal, entrégase o célebre Catecismo do Labrego. Os títulos d'O Moucho venderanse ao prezo dun euro cada luns, mércores e venres.

O Moucho foi unha das iniciativas máis singulares da edición en galego
Freixanes: "A serie enlazaba coas coleccións Céltiga e Lar de preguerra"
Cabana calcula que 500.000 galegos leron o 'Catecismo do labrego'

"A colección d'O Moucho representou un importante salto cualitativo na edición de posguerra, é dicir, na dos anos 60", explica o director da editorial Galaxia Víctor Fernández Freixanes. "Procuraba exceder os ambientes cultos, intelectuais, en certo xeito elitistas, aos que se dirixira o libro en galego, e abrirse ao popular". Os libros d'O Moucho experimentaban a posibilidade dun libro de peto popular, económico, que, en palabras de Freixanes, "enlazaba coas iniciativas de preguerra de coleccións como Céltiga ou Lar". O poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo de Blázquez, conecta, no seu libro memorialístico Tempo do pai, o proxecto Moucho con outras facetas do editor: "A colección fundía as súas raíces na cerna da Terra e conversaba coa condición de etnógrafo e de poeta neopopularista ".

Introducir a lingua galega nos fogares era, a dicir de Víctor Freixanes, o obxectivo principal d'O Moucho. "Os títulos alternaban refraneiros, onomásticas, historias de amor", indica, "co culto, títulos de Ramón Otero Pedrayo, Xosé Luís Méndez Ferrín ou mesmo algunha tradución". Os folk-dramas de William Butler Yeats, en versión galega dos irmáns Vilar Ponte e Plácido Castro, rescatados da imprenta de Ánxel Casal, apareceron nas tiraxes da editorial Castrelos. Os 22 títulos escolmados por Galaxia e que chegarán aos quioscos a través de EL PAÍS recollen todos os volumes da autoría de Xosé María Álvarez Blázquez, incluído o seu relato longo A pega rabilonga e as numerosas recolleitas de refráns, de relatos populares ou de etnografía vocacional, con limiares e notas da súa man: Refraneiro do viño, Contos do pobo, O libro do marisco, O libro do porco, Os tesouros de Galicia ou Os nomes da terra.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Víctor Freixanes lembra a "forte distribución" que acadaron, na década dos 70, os libros d'O Moucho. "Nos anos 70, en toda Galiza, había 70 puntos de venda de libro galego, moitos por relacións persoais ou de favor; Álvarez Blázquez procurou 230 lugares onde vender". O Moucho saíu das paredes das librarías, relata o editor de Galaxia, e vendeuse en tabernas ou ferraxerías. A furgoneta da editorial Castrelos, con Darío Xohán Cabana ao volante entre 1971 e 1975, levou a experiencia por feiras e mercados. "Hai que ter en conta que se trataba da época do activismo cultural, da campaña do peso polo teatro, de levar as librarías militantemente á rúa", lembra Freixanes, "e iso favoreceu a difusión dos libros, xunta ao baixo prezo, 30 pesetas da época". Cada edición d'O Moucho tiraba entre 3.000 e 5.000 exemplares. "Varios títulos da colección reimprimíronse varias veces", apunta.

Tantas veces como para chegar ás 100.000 copias no caso do Catecismo do labrego, que redactou e publicou orixinalmente no semanario O tío Marcos da Portela Valentín Lamas Carvajal. O escritor Darío Xohán Cabana, quen fala de Álvarez Blázquez coma dun irmán maior, escribe sobre o Catecismo edición O Moucho: "Libro máxico porque chegou a onde endexamais tiña chegado o galego escrito [...] hoxe pode parecer incrible, pero quen isto escribe agora, que o andou a vender por feiras e prazas, sabe perfectamente que daquela o Catecismo do labrego se lía moi principalmente en clave antifranquista". Cabana bota a conta e calcula unha audiencia lectora de máis de 500.000 persoas, "seguramente un cálculo conservador", para as célebres sentencias de Valentín Lamas Carvajal.

Os libriños que ideara Álvarez Blázquez con nome de paxaro pasaron a facer parte da paisaxe cotiá de moitos fogares galegos. O deseño peculiar e recoñecíbel da colección, paisano icónico mediante e obra de Pedro Bofill, agachaba, segundo Freixanes, un recomendábel punto de humor. Cando, contra finais da década dos 70, a efervescencia militante do galego comezou a declinar, O Moucho rebaixou os niveis de venda. Álvarez Blázquez vendeu os fondos da editorial Castrelos, que deu en propiedade da editora Galaxia.

"Xosé María Álvarez Blázquez foi un editor exquisito", considera Víctor Freixanes, "a quen lle debemos, entre outras moitas cousas, a recuperación dos textos dos Séculos Escuros; un verdadeiro arquéologo da literatura". Amais do seu labor literario, concretado sobre todo en tres ou catro títulos de poesía, Álvarez Blázquez amosouse, para Freixanes, como "un importante, e discreto, animador e activista cultural". Artigos de prensa, guións radiofónicos, ducias de páxinas asinadas con seudónimos, avalan a tese do director de Galaxia.

A colección O Moucho que reeditan Galaxia e EL PAÍS remata o 13 de xuño coa biografía do editor Xosé María Álvarez Blázquez, elaborada por María Dolores Cabrera, Xosé María Álvarez Blázquez. Ourive de libros. O único volume que non apareceu na etapa orixinal da serie, respecta deseño, formato, papel, tipografía, e conta cunha ilustración, obra do propio Pedro Bofill, na que retrata ao paisano d'O Moucho canda o editor.

As datas dos libriños

1. Catecismo do labrego. Fr. O tío Marcos. 27 de abril.

2. Cantares de cego. 28 de abril.

3. O libro do amor. 30 de abril.

4. Refraneiro do viño. 2 de maio.

5. Barriga Verde. Manuel María. 5 de maio.

6. Sal e pementa. Escolma de epigramas. 7 de maio.

7. Foliadas do gaiteiro. X.M. Pintos Villar. 9 de maio.

8. Os nomes da terra. Celso Baión. 12 de maio.

9. Contos do pobo. Rosalía de Castro. 14 de maio.

10. A pega rabilonga. 16 de maio.

11. O libro do porco. 19 de maio.

12. Noticias dunha aldea. Darío Xohán Cabana. 21 de maio.

13. O libro do marisco. 23 de maio.

14. Os tesouros de Galicia. O Ciprianillo. 26 de maio.

15. O libro da caza. 28 de maio.

16. Pedro Madruga. Vasco de Aponte. 30 de maio.

17. O tío Miseria. E. Labarta Pose. 2 de xuño.

18. Cantigas do viño. 4 de xuño.

19. O maroutallo. Ramón Otero Pedrayo. 6 de xuño.

20. Xan Labrego. 9 de xuño.

21. Cousas. Terceiro libro. Castelao. 11 de xuño.

22. Xosé María Álvarez Blázquez. Ourive de libros. 13 de xuño.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_