_
_
_
_
Reportaje:Luces

Biodiversidade editorial

Os novos medios facilitan as alternativas na produción de libros"

Na páxina web da Asociación Galega de Editores (AGE) figuran 44 empresas. "A práctica totalidade do sector privado", aseguran, "no que traballan 224 persoas". En Culturagalega.org, que xestiona o Consello da Cultura Galega, contan concellos e deputacións e avanzan o número de 111 editoriais activas. Datos da propia AGE considera que "o 43% das editoras que funcionan en Galicia son pequenas". E aínda que a tentación pode conducir ao símil de David e Goliath, o director de Difusora das Letras, Artes e Ideas, Xavier Paz, resulta gráfico na súa defensa da complementariedade: "Para que houbese Rolling Stones, houbo mil grupos máis na canteira londinense".

Pero as editoras literarias que non son Xerais ou Galaxia ou Sotelo Blanco ou Do Castro, segundo Paz as grandes galegas, enfróntanse a unha paisaxe lectora incerta. O último informe do comercio interior do libro achega a cifra de 1.592 títulos editados en 2006 e unha tiraxe de 400.000 volumes menos que o ano anterior. Para Moisés Barcia, da activa Rinoceronte Editora, as posibilidades de crecemento nun mercado como o galego resultan limitadas: "Nacimos cunha tenda web e pechámola, porque o volume de vendas non compensaba; a edición en Galiza é unha actividade realmente heroica".

A asociación de editores afirma que o 43% das empresas son "pequenas"
Tras Edicións da Rotonda, non existe unha editora só electrónica
As editoriais máis antigas nacían decote arredor das imprentas"

E, porén, nunha mestura de factores que inclúen vocación, cobertura de ocos, militancia ou vontade normalizadora, a acción editorial non ofrece síntomas de declive. A "democratización" dos medios tecnolóxicos posibilita imprentar os libros baixo demanda e eliminar os stocks -as editoras non teñen porque almacenar papel e poden deslocalizar, con facilidade e custo baixo, a produción- e a mercadotecnia virtual. "Nós comezamos pendurando na rede algúns libros, en dixital, para que a xente os follease", contrasta Barcia, "pero o número de descargas era moito maior que o de venda en librarías". Dende a novísima Urco, especializada en terror, fantasía e ciencia ficción, Tomás González Ahola asegura basear gran parte do traballo na Rede: "Como funcionamos con textos non suxeitos a dereitos de autor [60 anos logo da morte dun escritor, eses dereitos prescriben e a obra pasa a dominio público], grazas a Internet resulta máis doado chegar a eles; as traducións de apoio son igualmente máis accesíbeis".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Alén dos índices de lectura, particularmente baixos nesta esquina da Península Ibérica, a biodiversidade editorial é un feito. A pluralidade de propostas excede os tópicos e, se cadra, a ausencia dunha empresa centrada exlusivamente na edición electrónica chama a atención sobre outros "ocos sen cubrir". A experiencia de Edicións da Rotonda, que no seu día en 2005, atraeu os focos sobre a novela O home inédito, de Carlos G. Meixide, publicada en dúas edicións en Internet, rematou coa versión en papel do libro, coeditado por Rinoceronte, e o cese de actividade. Unicamente a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos pon obras en formato pdf a disposición dos usuarios da súa páxina electrónica. Diderot, Marcel Schwob, Stendhal, Jack London, Anatole France ou Nathaniel Hawthorne son algúns exemplos de traducións penduradas en www.bivir.com.

Francisco Macías, que rexe Edicións Positivas dende hai 18 anos, vencella a abundancia de empresas editoras ás imprentas. "As pequenas editoriais máis antigas nacían, adoito, arredor dunha imprenta". Este foi o caso de Toxosoutos, en Noia, conectada con Gráficas Sementeira. Con 20 coleccións activas e unha forte presenza na bisbarra de Muros e Noia, Toxosoutos autodefínese nos seguintes termos: "Toxosoutos intenta harmonizar a tradición con modernidade e niso pretende resumir a globalidade do proxecto".

Para Macías, mergullado nun proceso de "refundación" da súa empresa, as pequenas son as que abren camiños para as grandes. Positivas atópase a piques de botar á rúa o novo libro de poemas do brasileiro Chico César, Cantáteis. "Vouno publicar en portugués, teño os dereitos para Galiza. Quero traballar polo achegamento entre Galiza e os países de fala portuguesa". Idéntico camiño encetara a compostelá Candeia Editora cando, en 2005, colocara nas librarías galegas a versión orixinal de Vozes do deserto, da tamén brasileira, pero narradora, Nélida Piñon. Aquela tentativa coincidira coa tradución ao galego d' A república dos soños, que Galaxia situara nos andeis e finalmente tivera máis saída.

Tris Tram naceu en Lugo ao abeiro da libraría Trama. Aberta dende 1994, a casa dirixida por Carlos Coira tiña entre os obxectivos "verquer ao galego relatos breves da literatura universal, pezas de autores como Dickens, Poe, Hoffmann ou Balzac". Co tempo, ofreceu canle a unha antoloxía consultada de poesía galega, organizada polo crítico Arturo Casas, ou a volumes colectivos de narradores galegos. Canda a histórica, e renacida, Alvarellos, son dúas das editoriais máis inquietas da cidade.

Mais tamén entre as outras opcións para a produción de libros existen alternativas. Amastra-n-gallar, que conduce Emilio Araúxo dende Lalín, dedícase á edición non venal de poetas e filósofos contemporáneos de todo o mundo, amais dunha revista trimestral sobre teoría da poesía co mesmo nome. Textos inéditos de Alain Badiou, de Antonio Gamoneda, de Claude Royet-Journoud, ou de Franco Loi aparecen periodica e gratuitamente nos escaparates da man de Araúxo. Nas marxes - posición ás veces aceptada, ás veces eventual- do campo editorial continúa a haber movemento.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_