_
_
_
_
_
Reportaje:COUSAS DO 'IRMÁN DANIEL' | Luces

Pertinencia de Castelao

A obra do rianxeiro aínda suscita consideracións críticas entre os intelectuais

Kill your idols, escribiron hai uns anos os Aduaneiros sem fronteiras so o rostro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A ironía posmoderna da outrora popular web enfrontábase á icona galeguista sen ningún reparo, se cadra no acto final dun proceso de desbeatificación que, a dicir dos intelectuais consultados nesta reportaxe, non pode máis que prestar un servizo benéfico á vida e a obra do rianxeiro. "O que non podemos é conservalo en formol, conxelalo", asegura o ensaísta Antón Baamonde, "precisamente Castelao foi calquera cousa menos un tipo conxelado". A fundación ao seu nome, presidida por Avelino Pousa Antelo, e a Consellaría de Cultura anunciaron o mes pasado a compilación e dixitalización do legado de Castelao, espallado por máis de oito países.

Para Axeitos, "o Castelao pintor negouse á vangarda voluntariamente"
"Construía os relatos de 'Cousas' como partituras", di Helena González
As "verdades nómades" de 'Sempre en Galiza' expoñen a chave
"É vixente para nós, pero non para os Borbóns", ironiza Outeiriño

Se o tópico do poliedro atopa aplicación entre a plana maior da cultura galega, o autor de Sempre en Galiza resulta un dos principais candidatos a termar del. Humorista gráfico, pintor, narrador, dramaturgo, axitador de masas, deputado, ministro ou mesmo músico de tuna e coral, a innegábel versatilidade do "irmán Daniel", como o alcumaban os camaradas do Partido Galeguista, posibilita un enorme abano de ópticas de achegamento. "De onde sacaría tempo este home para facer tantas cousas e tan ben?", preguntábase Pousa Antelo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Mais a unanimidade sacra arredor da figura Castelao rachou hai tempo. Méndez Ferrín avisaba, nun libro de conversas con Xosé Manuel Salgado e Xoán Manuel Casado, do conservadursimo estético do Castelao pintor. "Pero o caso do Castelao pintor é unha mostra clara de renuncia voluntaria ao vangardismo", opina o académico Xosé Luís Axeitos, "por fidelidade a un proxecto político". Axeitos fala de "voluntarismo" porque, dende a viaxe en 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña, Castelao coñecía o que se cociñaba nas avanzadas da arte europea. "O seu galeguismo consideraba o mundo rural no centro do país", sinala Axeitos, "e iso impediulle entregarse ás vangardas". Porén, a actitude refractaria do rianxeiro é explicitada nos diarios do seu periplo europeo. "[...] mais agora atópome cuns artistas que pechan os ollos á tradición pra pensar que así chegarán primeiro a un fermoso futuro. Eu vou tendo moita desconfianza das revoluciós... feitas por homes de gran cibdade", relataba un 22 de febreiro en París, logo de visitar o Salón de Artistas Independentes.

Da faceta gráfica de Castelao, Axeitos rescata a súa "posta en circulación do linóleo, que lle permitiu divulgar eficazmente o seu traballo". Tan eficazmente que a súa obra na prensa da época, aquelas "cousas da vida", chegou a entrar na linguaxe popular. "Iso sonche cousasdavidaporcastelao", dicía a frase feita. "Castelao dominaba como ninguén a liña clara, a expresión con catro raias", declara a profesora e crítica literaria Helena González que, malia a non considerarse "experta" no tema, afirma: "O Castelao visual non se me cae, segue a ser perfectamente operativo".

Camilo Franco reivindicaba recentemente Cousas de Castelao como libro pioneiro do microrrelato. Para Helena González, a construción desas mesmas cousas semella "unha partitura musical" e ao Castelao dramaturgo, o de Os vellos non deben de namorarse, "hai que revisalo frecuentemente, unha idea compartida con Ricard Salvat ou Xesús Alonso Montero, que a defendían xa na década dos 70". O traballo literario do de Rianxo, que Axeitos cualifica de "case un deber político para o propio Castelao", atravesou épocas de extensa popularidade entre lectores e escritores, mais, a dicir de González, "está un pouco deixado de man". "Atopámonos nun proceso de revisión nacional da obra de Rosalía de Castro, e cómpre facelo con Castelao, dende unha posición menos resistente e máis actual", indica. Curiosamente, Rosalía e Castelao comparten, amais da súa condición de símbolos "nacionais" e supraliterarios, a inexistencia de cadansúa biografía canónica. Helena González apunta a "capacidade de inmobilización que teñen as obras completas" que, neste caso, apareceron nos 90. "Hai que facer de Castelao un pandeiro, no bo sentido", conclúe.

Mais o Castelao que continúa a provocar disensións, debate político, apropiacións opostas, é o ensaísta. "Isto é o que hai / Castelao, Nelson Mandela / e Álvaro Pino que comprou unha Vespino", cantaban en 1986 Os Resentidos, empeñados en arrimar o facturador de Sempre en Galiza a movementos de liberación nacional de todo o planeta. "A Hespaña con h, iso é o que resulta perfectamente vixente do Castelao político", afirma contundente Antón Baamonde, "a pertinencia da tríade democracia, república e federalismo". Baamonde opón ese federalismo republicano ao proxecto de "renacionalización da España de Mariano Rajoy e o seu partido". "Nese sentido, Castelao, e a súa obra teórica, segue a ser obvio e oportuno", di.

A visión de Manuel Fraga repartindo medallas a esgalla co nome de Castelao representou, durante anos, a materialización do uso espurio do rianxeiro. Velaí a imaxe que, se cadra, ten na cabeza o profesor de comunicación e ensaísta Manuel Outeiriño ao diferenciar lectura de "sobreinterpretación" dos textos. "Mais os grandes libros, e aí atópase Sempre en Galiza, son para todos e para ninguén", explica, "a gran e magnífica testemuña dun home esforzado, un galeguista e un antifascista". Segundo o catedrático de Ciencias Políticas Ramón Máiz "os libros non son propiedade de ninguén; o problema reside na credibilidade de quen se apropie del".

A disputa pola herdanza do "irmán Daniel" adquiriu estatus gráfico, en directo na Televisión Española, na repatriación dos seus restos mortais en 1984, 34 anos logo da súa morte e enterro en Buenos Aires. Mentres o goberno de Xerardo Fernández Albor (Alianza Popular) conducía o cadaleito ao Panteón de Galegos Ilustres, a policía nacional cargaba contra os manifestantes nacionalistas que pedían o cumprimento da vontade de Castelao. "Só voltarei cando Galiza sexa ceibe", parafrasaban ao rianxeiro.

Pero son, en palabras de Manuel Outeiriño, "as verdades nómades" de Sempre en Galiza as que expoñen a chave do pensamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O volume que durante anos foi coñecido co epíteto de "biblia do galeguismo" -eis o substrato católico dunha forte póla do PG- constitúese, para Antón Baamonde, "nun libro conmovedor pola forma, polo fondo e polas circunstancias, que sintetiza a dor e a esperanza do galeguismo derrotado". Na derrota, xustamente, recoñece Ramón Máiz o punto fundamental: "O texto serviu de elo, de conexión, dunha cadea que se rompera na Guerra Civil e que se enmarca no republicanismo e en certa esquerda".

No elaborado discurso de Baamonde sobre o libro asoma unha puntualización aos conceptos de nación que manexaba Castelao. "Trátase dun concepto escolástico, metafísico, mais non era propio del, senón que formaba parte do imaxinario colectivo", afirma, "e hai que reformulalo, debe ser un concepto máis débil, empirista, que se exprese alén do nacionalismo. Estou a referirme ao Partido Socialista de Catalunya". Nesa fenda procura situarse Ramón Máiz, que se responsabilizou da edición crítica do Sempre en Galiza promovida polo Parlamento: "Tres aspectos do Castelao teórico e político seguen en vigor. Primeiro, o federalismo plurinacional, que España debe asumir. Segundo, a reformulación da propia nación española como encontro de nacións interiores. E terceiro, vincular estas posicións ao republicanismo democrático, que foi o lugar último onde chegou".

O escepticismo de Manuel Outeiriño respecto da teoría política do rianxeiro agacha tensións humorísticas. "Castelao ten vixencia plena para nós, por suposto", asegura, "pero se cadra non para os Borbóns, que se poden asustar, porque el postulaba a República Federal. Oxalá o concerto internacional das nacións, a xeopolítica, evolucionase atendendo a eses principios federalistas". E engade: "A vixencia consiste en saber se podemos pensar ao rego de, e pensar ao rego de resulta perfectamente fértil no caso de Castelao".

Segundo datos de Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da fundación, só fican tres persoas vivas na Galiza que tratasen ao de Rianxo, Avelino Pousa Antelo, Francisco Fernández del Riego e Mariví Villaverde, a viúva de Ramón de Valenzuela. E malia a que un personaxe de Polaroid (Suso de Toro, 1986) propugnaba, en tonalidades punk, facer "croquetas co cadáver de Castelao", o respecto crítico polo traballo e os días do rianxeiro excede o cuestionamento. "A vixencia de Castelao", non dubida Outeiriño, " demóstrase abrindo Sempre en Galiza pola derradeira páxina, onde fala do mesmo que o último Wallerstein ou o último Sloterdijk, a globalización": "a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de Hespaña. b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal. c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea. d) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_