_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

'Curtocircuito' medra e faise máis internacional

A cuarta edición do festival de curtas estrea director e aposta polos novos talentos

Os procuradores de talentos cinematográficos teñen unha cita ineludible a vindeira semana en Santiago co inicio da cuarta edición do festival Curtocircuito, ao que se presentaron nesta edición preto de 2.700 curtas que equivalen á metade da produción mundial nun ano. O certame cinematográfico compostelán dará nesta edición un salto cualitativo e cuantitativo cunha decidida aposta por internacionalizarse que comeza coa elección do británico Tim Redford coma director e tamén se reflicte coa presenza de realizadores de 35 países entre as 137 curtas que foron seleccionadas para a sección oficial do festival.

Entre os países de procedencia dos finalistas destaca a participación de 35 curtas francesas, 20 españolas (9 delas galegas), 15 británicas e 13 de Alemaña e do Reino Unido. A nota exótica poñerana curtas de países coma Burkina Faso, Corea do Sur, Sri Lanka, Australia, Kirgizistán ou Xapón.

Redford destaca o labor desenvolvido pola equipa de Curtocircuito para realizar a selección de fitas. "Foi un proceso moi complicado porque na sección oficial inclúense un 5% das películas que se presentaron pero foron elixidas democraticamente por doce persoas", sinala Redford, quen cre que as curtas seleccionadas son "o mellor do mellor". O criterio fundamental para elixir as películas foi a súa calidade pero tamén se tivo en conta un dos aspectos que distinguen a Curtocircuito: a innovación. "Valoramos moito a capacidade de innovación das curtas, tanto en aspectos técnicos como de estrutura de guión", explica Redford.

O director británico estréase na dirección de Curtocircuito despois de traballar durante sete anos nun dos festivais de curtas máis prestixiosos de Europa, o que se celebra na localidade francesa de Clermont-Ferrand. Entres as cousas que o levaron a aceptar a dirección do festival están as posibilidades dun certame que xa é coñecido por curtametraxistas de diversos países e que conta con "moitos apoios" na cidade, tanto públicos coma privados. "Santiago é unha cidade onde hai moita xente nova interesada polo cine e que conta cunha importante vida cultural. Polo tanto, Curtocircuito ten un gran potencial para seguir medrando", indica.

Redford apunta que o proceso de internacionalización "imparable" que está a experimentar o festival non vai a impedir que ao mesmo tempo se apoie aos realizadores galegos. "O noso obxectivo é que Compostela sexa percibida noutros países coma unha cidade aberta ao mercado internacional de xeito que se poidan descubrir neste festival non só novos talentos galegos senón tamén doutras latitudes. Santiago pode chegar a converterse nunha capital do cine".

As proxeccións de Curtocircuito comezarán o vindeiro martes e prolongaranse até o vindeiro día 20. As proxeccións das curtas da sección oficial realizaranse en versión orixinal subtitulada no Teatro Principal. Haberá catro pases diarios con entrada gratuita. Na edición deste ano introdúcese coma novidade un premio á mellor curta galega, que terá unha dotación de 1.500 euros. Os galardóns con maior dotación económica seguen sendo os que se concederán ás mellores curtas de ficción e animación, que recibirán 3.600 euros cada un.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

As posibilidades para ver curtas non se esgotan coa sección oficial xa que haberá proxeccións na sede da Fundación Caixa Galicia, con ciclos de curtas de temática homosexual, aos vídeos musicais ou á cinematografía latinoamericana. As pantallas da cidade encheranse coas curtas do todo o mundo.

Unha cita para ver e mercar

Curtocircuito tamén ten un espazo reservado para facer negocios xa que o apartado comercial é un dos piares fundamentais do sector audiovisual. A Fundación Torrente Ballester acollerá entre o 18 e o 20 de outubro a segunda edición do Mercado Internacional de Curtametraxes, no que se presentará un catálogo con preto de 2.900 curtas que estarán a disposición do cento de profesionais que están acreditados para asistir a esta cita.

Redford considera "esencial" que o festival conte cun apartado máis centrado nas transaccións comerciais porque unha cita destas características é moi atractiva para os que rastrexan na procura de novos talentos do cine. "É moi bo que dentro de Curtocircuito teñamos un espazo no que poidan reunirse creadores e productores. O mercado é unha parte inseparable do festival", apunta o director. A cita de Santiago é a única de España cun mercado audiovisual destas características xunto co festival Cinema Jove que se celebra en Valencia. Grandes distribuidoras españolas coma Kimuak ou Freak presentarán en Santiago de Compostela os seus catálogos.

O festival complétase cunha serie de obradoiros nos que os profesionais do sector audiovisual poderán atopar unha variada oferta formativa.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_