_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

O futuro urbano do idioma

O profesor Gabriel Rei-Doval analiza o estado do galego nas cidades

O profesor Henrique Monteagudo advertiuno na presentación, onte en Santiago de Compostela, de A lingua galega na cidade no século XX, o libro de Gabriel Rei-Doval (Mugardos, 1967): "No ámbito urbano é onde se vai xogar o futuro do idioma". Rei-Doval puntualizouno durante a súa intervención: "A situación do galego é homoxénea no rural, mais nas cidades, a situación difire entre unha e outra".

O profesor mugardés da Universidade de Wisconsin, que elaborou o seu volume a partir de datos do mapa sociolingüístico da Real Academia Galega, explicou que "a situación en Compostela, a cidade con máis presenza do galego, non é mesma que en Ferrol, onde o galego está menos visíbel". Rei-Doval sitúa, logo de Santiago, a Lugo e Ourense. "Pontevedra atópase no medio, cun gran contraste entre a periferia, galegofalante, e o centro, castelánfalante". Vigo e A Coruña completan a listaxe.

"Só o 51% das persoas escolarizadas en galego sabe ler nese idioma", asegura o autor de A lingua galega na cidade, "así que algo non se fixo ben". O profesor de sociolingüística expresou o seu apoio "alto e claro" a un decreto, o de Educación, "que resulta cualitativamente importante, porque iguala os dous idiomas". Para Rei-Doval, Galicia vive "un proceso de substitución lingüística" con epicentro nas consideradas sete cidades.

Malia a que o editor de A lingua galega na cidade, Manuel Bragado, cualificou a obra de "novo informe dramático", en referencia ao libro canónico de Xesús Alonso Montero en 1973, Rei-Doval matizouno. "Non se trata dun libro dramático, mais si que chama á reflexión". O autor cre que non é un "reto imposíbel" que a poboación urbana adquira o galego. "A distancia entre dúas linguas románicas, como o galego e o castelán, é pequena", indicou.

Gabriel Rei-Doval realizou na presentación compostelá un áxil repaso á evolución histórica do galego urbano, que estuda a fondo no libro. "Datei o intre no que se perde a transmisión do idioma entre pais e fillos nas cidades galegas". A década dos anos 30 e, sobre todo, a dos 40, foi o tempo no que os nenos nados na cidade comezan a aprender a falar en castelán. A conxuntura política, coa vitoria franquista na Guerra Civil, atópase no cerne da cuestión. "Arestora, a desgaleguización resulta evidente; o galego non se transmite entre pais, que o recibiron dos avós, e fillos".

Na mesma presentación, Henrique Monteagudo referiuse á importancia do mapa sociolingüístico da academia galega, que utilizou Rei-Doval. "Serviu de revulsivo na conciencia social do idioma e das ameazas que sufría, logo de dúas décadas de política lingüística ultralight". Monteagudo falou, na mesma liña, da condición de "libro alerta" de A lingua galega na cidade no século XX. "Un libro de historia, descrición e mesmo prospección que resulta un apoio para a política lingüística no ámbito urbano".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O profesor Monteagudo interveu, tamén, para amosar o seu rexeitamento á estratexia do Partido Popular respecto do decreto de educación en galego. "Se esta maneira de actuar do PP ten continuidade e non é froito dun lapso", dixo, "enfrontámonos ao feito de que a principal forza política da oposición en Galicia pon en cuestión un alicerce da autonomía recollido no Estatuto". E concluíu: "O PP transformará o galego en pólvora política de segunda ou terceira orde".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_