Pop para o verán
Quant, Colectivo Oruga, Triángulo de Amor Bizarro e Carlos Valcárcel debaten sobre o estado do xénero na estación dos concertos
"Nós editamos os nosos discos en CD-Rom, se cómpre", di Óscar Quant, "non se trata de sacar discos". In it for the fun, a quinta maqueta do grupo ferrolán, foi unha das sorpresas dun semestre vizoso para o pop galego.
Á de Quant, dispoñible de balde na Regueifa, cómpre engadir os debús de Nouvelle Cuisine (Autodictado), Igloo, Ataque Escampe, Colectivo Oruga e Triángulo de Amor Bizarro, amais de Hablaremos del miedo, segundo longo dos grovenses Nadadora. Só estas dúas últimas bandas, en Mushroom Pillow e Jabalina, tiraron de discográfica.
Algúns dos grupos destacados falan do estado da cuestión. Do pop galego, que xa deu en 2006 traballos brillantes coa cantarela pop gravando estilo: Como un maldito guisante (Niño y Pistola), Far from perfect (6 pm), o EP de The Homens ou Baixo os eucaliptos, de Projecto Mourente, son algúns exemplos dunha música galega que calla con normalidade nas escollas do Festival Internacional de Benicàssim, o Contempopránea ou o catálogo de Bon Vivant Records. Case todos eles coincidiron no disco homenaxe a Andrés Dobarro editado por Falcatruada. Non é doado conseguir alfaias como Todo sigue intacto (Foehn, 2002), dos ourensáns Apeiron, pero o pop galego produce agora regularmente, escena á parte.
"Pódese tocar sen terlle respecto a nada", di Rodrigo Caamaño, guitarrista e cantante de Triángulo de Amor Bizarro, cuxo debú mereceu epíctetos abouxantes en España. A variedade é outra das cuestións de partida. A TAB poderíalle acaer a etiqueta posroqueira, mais en Quant poden ecoar as harmonías vocais dos Shins. "Polo das voces [colabora con eles Boy Elliott] ás veces dinnos que nos parecemos aos Beach Boys", bromea Óscar.
Para Iago Martínez, baixo, guitarra e sintes dos ponteareáns Colectivo Oruga, "o pop ten agora o apoio que debía ter hai bastantes anos". Na súa saída fóra de Galiza apunta outro problema: "Aínda que teña repercusión nos medios tradicionais e na Rede haxa unha morea de grupos galegos, á parte de Nadadora ou TAB apenas producimos novas fóra". Na fineza da súa aposta de debú, Ricos modernos, Colectivo Oruga forma no ronsel de grupos educados na escoita de electrónica impura, de Massive Attack a Portishead.
Sara Atán, cantante de Nadadora, resúmeo así: "Hai que ter máis fe na xente que na escena". "Quizais falta un pouco de historia", insinúa, en referencia á cultura pop doutras latitudes. A xente pide máis pop ca nunca, "pero igual estamos un pouco inmaduros, coma no resto de España". Carlos Lens, de Nouvelle Cuisine, comparte o aumento de vida pop con respecto ao pasado e malia os problemas da escena. "A escena pasa pola solidariedade entre os grupos", di. Nouvelle acaban de tocar en Ferrol con Quant e na Coruña cos barceloneses April Fool?s Day, aos que lle devolverán a visita. Porén, o ancheamento de perspectivas en selos como Falcatruada é unha mostra de que se está "a apostar polos grupos galegos", segundo Lens. "E estes tamén perderon o medo a tocar".
Da perda do medo fala o filólogo Carlos Valcárcel, artista responsable de Projecto Mourente. O seu disco Baixo os eucaliptos é ata o momento a única experiencia completa do idioma galego no mundo do pop electrónico. El faino desde a súa casa "cun PC, un micro e uns programiñas". "Animaría á xente a facelo porque hai un público galegofalante que o demanda", di, "e tamén non galego falante". "Recibín correos ata de Austria", conta.
Con ironía e humildade, Valcárcel demanda "unha mirada máis crítica sobre o que fago, que son cousas moi trizadas fóra". "Como canto en galego e está tan sacralizado...". A lingua, a música e as letras de Como os caranguexos ou Mais heteros (que os heterossexuais), unha resposta á música que el consume, de Erasure a Fangoria, situárono nun dos espazos ata agora baleiros do pop galego.
Á parada impositiva do verán -hai que tocar- só se resisten algunhas presentacións. Jacobo Paz (Mario Bronx) adiantou o martes na FNAC da Coruña Chico de marca, o seu segundo disco, no que colaboran Ángel Venancio (guitarrista de Manolo Tena) e, no videoclip, o actor Daniel Huarte. A banda con máis bolos no verán ha ser Lamatumbá, que chegará a Berlín. Os discos de Magín Blanco, Uxía Senlle e Silvia Penide chegarán contra o outono.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.