_
_
_
_
Reportaje:POTENCIA CREADORA | LUCES

Os poderes da creación

As industrias culturais suman xa o 2% do PIB galego malia o estancamento do sectores coma o libro

Nun cálculo "moi conservador", segundo especifica Alberto Meixide, director do Centro de Actividades Económicas y Financieras de Caixa Galicia, o peso da cultura no PIB galego supera o 2% sen computar o turismo, fronte -por exemplo- ao 0,26% da transformación leiteira.Estes son datos extraídos de anuarios estatísticos, directorios empresariais, informes universitarios e dos primeiros estudios transversais sobre a situación do tecido cultural do país: o 10,7% das empresas de edición, o 10% das audiovisuais e o 1,3% das que traballan na reprodución de soportes gravados en España están en Galiza. Das 63.004 empresas culturais do conxunto estatal, 2.925 son galegas (o 4,6% do cómputo galego fronte ao 2% estatal). Aquí traballan na cultura 25.000 persoas, o 4,9% sobre a porcentaxe española. Cataluña e Madrid concentran máis da metade dos empregos culturais e dos rexistros empresariais.

"Temos que aceptar cómo somos e amar as nosas contradicións", di Xavier Alonso

Os informes, pioneiros até o punto de ter que inventariar o existente, coma no caso da música, cadran no tempo co proxecto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A axencia, que entrará nos orzamentos de 2008 coa estrutura, sede e os cartos do actual Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), dependente de Cultura, pero que prevé constituírse co tempo nun "órgano de coordinación de todas as políticas culturais", en palabras de Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural. Centro Dramático e Coreográfico, integrados na Fundación Cidade da Cultura, "pasarán ao Espazo Obradoiro en 2012", sinala Miguel Martín, director do Igaem.

No consello directivo da Agadic, que conta entrar en funcionamento no primeiro semestre de 2008, convivirán catro directores xerais, de Cultura (dous), Industria e Economía, cunha representación do sector en forma de consello asesor. O rango da axencia, organismo "necesario" segundo a totalidade dos consultados, será debatido nos vindeiros meses, sobre todo no avolto mundo do audiovisual galego. "O reparto é intelixente e xeneroso", considera Martín. "O que provoca interferencias é que esteamos competindo coas producións que subvencionamos".

Mais antes conviría aclarar que entendemos por industrias culturais en Galiza, tendo en conta que só 38 empresas superan os 50 empregados dunha mínima produción en serie. Para Xan Bouzada, encargado do esbozo xeral das políticas culturais no informe multisectorial que patrocina Caixa Galicia, "medir a importancia económica das industrias culturais é tan difícil como medir os seus límites". "Como se miden os efectos identitarios e de actuación socioeconómica dos contidos simbólicos?", pregúntase. Postos a acoutar, convén que no caso galego

"os sectores máis sólidos son prensa, libro e as industrias que gravitan arredor da TVG". A paralaxe da ditadura en termos de xestión cultural quizais outorgue no caso galego as vantaxes do papel en branco.

"Moitos países están incluíndo dentro das industrias creativas a produción de software ou o deseño gráfico", lembra Bouzada. Esa división prolóngase agora en Cataluña, na vangarda peninsular, coa creación do Consell de la Cultura i de les Arts (CCAC), que complementará con axudas á creación a dimensión industrial do vello Institut Català de les Indústries Culturals (ICIC), case exclusivamente centrado no audiovisual, a música e certos proxectos de edición. ""O risco aquí son as tensións internas", di Bouzada. "Está claro que o que funciona é o sistema público-privado, pero hai que dar co modelo galego".

A respecto do audiovisual, e segundo datos do informe que prepara Manuel González, responsable do departamento en Cultura, un panorama podería ser o seguinte, excluíndo os termos comparativos (Cataluña multiplica por seis o noso orzamento en produción): das 145 empresas de produción audiovisual que hai no país, o 50% son unipersoais. Hai 147 empresas de servizos, mais só unha vella referencia viguesa, Emilio Baños, traballa distribución, á marxe do circuito alternativo. "O panorama é moi parecido ao estatal", lembra González. A suma dos orzamentos dos proxectos presentados a subvención en 2007 supera os 94 millóns -a Axencia Audiovisual cubriu o 30% das peticións e o 5% dos orzamentos-. O que adica a TVG a mercar produtos galegos supera os 42 millóns de euros. Entre as fórmulas de consenso, o convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as sociedades de garantía recíproca anuncia un fondo de financiación de 15 millóns anuais para producións audiovisuais, que permitirá axilizar mediante axudas automáticas as producións máis industriais.

"Tamén cómpre un fondo de investimento que garanta os apoios", di Antón Reixa, de Filmanova. Para Reixa, a futura colaboración entre Industria, Economía e Cultura é "o máis esencial" da futura Agadic, que tamén debería dotarse, segundo di, "dun instrumento que apoie mercadotecnia e distribución". O director d'O lapis do carpinteiro ten un relato persoal do "confuso momento" do audiovisual galego: "Dividir produción e promoción deu respectivamente nunha marcada tendencia indie e na mestura entre promoción e organización de cócteles". Para María Bouzas, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, "unha política unitaria é necesaria incluso desde o punto de vista cidadán". A presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, que agrupa a 38 empresas, comparte o azougamento. "Para que serve o Consello Galego do Audiovisual? O Consello das Telecomunicacións existe, pero a penas se reúnen", di Dolores Ben. "20 anos traballando dun xeito non son doados de revirar, pero a Xunta debe establecer dunha vez as regras do xogo".

"Debe haber comunicación entre produción, promoción e TVG", di Suso Iglesias, director da canle autonómico. Entroutros fíos abertos, a opción da segunda canle permitirá, a mediados do ano que vén, pensar en cómo darlle saída aos formatos avanzados. "A Agadic, ata agora un borrador que terá que ser ou non matizado, é un paso adiante en relación co Igaem desde o punto de vista da industria", di Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación.

Música e edición teñen outros problemas. "Temos unha gran potencia creadora", di Xavier Alonso (Nordesía), "pero aínda non aproveitamos a relación coa diáspora nin as pontes co ámbito lusófono". Como debilidades, "a desestruturación e a tendencia a traballar no ámbito interno". Fala Alonso de "aceptármonos como somos". "Existen moitos nacionalistas que teñen o galego como segunda lingua, e españolistas que case só saben falar galego", di. "Estas contradicións tamén hai que amalas". Á recente creación da Asociación Galega de Empresas Musicais, con 20 membros polo de agora, hai que sumar a ampliación da Asociación Galega de Fonografistas, que xa conta con sete membros. Ao seu responsable, Eloi Caldeiro (Sons Galiza), encargáronlle a parte musical do informe de Caixa Galicia. Aínda está facendo inventario, como Marcos Lorenzo, director desde a consultora E-Burbulla do estudio sobre a música galega do Igaem, no que as partidas específicas para a música chegaron en 2005.

Desde o sector máis identificado coa marca de país, Manuel Bragado (Xerais) fala dun certo "estancamento" da edición en galego, 1.826 exemplares en 2005. "Mantemos a tirada porque o 50% da edición xira arredor do paraescolar", lembra. A Xunta segue sendo a primeira editorial en número de títulos (468), menos da metade en galego. Unha política para a lectura? Ese sería o "soño industrial", di Bragado. "Que entendan que a primeira institución comunitaria é a biblioteca", resume. E remata cun apunte: "Non sei nada da Agadic, e levo 17 anos na edición".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_