_
_
_
_
Entrevista:XOSÉ LUIS FRANCO GRANDE | Académico Aínda que matiza as súas controvertidas afirmacións sobre a escasa calidade da literatura galega, o académico Franco Grande defende o esencial da súa tese e carga tamén contra os críticos predispostos a sacar "o botafumeiro" | Luces

"Non favorece á literatura dicir que vive a idade de ouro"

Nunha autobiografía na rede fala de varios libros pendentes de escribir, pero o académico Xosé Luis Franco Grande móstrase remiso a falar de proxectos. "Sei de onde nacen pero non como rematan", explica. Confésase entregado a un traballo ensaístico que "quere ser unha formulación moderna do galeguismo e das responsabilidades na política galega". Franco Grande (Tomiño, 1936) leva tempo sostendo unha actitude distante da literatura galega máis contemporánea, pero a contundencia das súas máis recentes manifestacións provocou duras reaccións, como unha recente resposta de Manuel Rivas (Luces, 21 de decembro).

Pregunta. "Non me estraña que non se lea libro galego nin literatura galega en xeral", afirmou nun recente artigo e despertou unha pequena caixa de trebóns.

"Aquí tírase moito do botafumeiro. A crítica tende á pedantería"
"O nivel é anodino, as obras son pouco orixinais e moi semellantes entre si"
"A obra principal de Méndez Ferrín e Casares é de hai máis de 30 anos"

Resposta. Unha afirmación un pouco forte porque o que quixen dicir é que de 30 anos para acá a literatura galega baixou en calidade, é menos orixinal. A experiencia que teño coa xente é que se aburren coas cousas que se lle dan a ler. Iso complícase coa persistencia da mercadotecnia e os premios, que forman parte dela. O que hai hoxe máis orixinal na literatura galega estaba feito nas décadas dos 50 e os 60 e nas tres décadas últimas non vexo nivel.

P. Pero no seu artigo hai aseveracións moi fortes, como a de banalización e falta de nivel intelectual no mundo literario.

R. Sempre me refiro a un tempo recente, porque vexo pouca seriedade e moita impostura. Sendo un lector intensivo son incapaz de rematar as cousas que empezo, porque me dormen. Por iso apuntei a posibilidade de traducir libros doutras linguas, de calidade contrastada, algo ao que algunhas editoriais xa están prestando atención. A calidade literaria sempre é relativa e de difícil medida, pero pódese facer unha escolla en función da difusión e da crítica. Ese é un camiño e outro que a crítica literaria se faga con máis seriedade. Aquí tírase moito do botafumeiro. Estes fenómenos non son exclusivos de Galicia, danse en todas partes e nas culturas cercanas, sexan a española, a portuguesa ou a francesa. A crítica tende á pedantería e a dialogar entre os mesmos críticos cando eu entendo que debe servir para orientar o lector, explicar claves sen dilentantismos e linguaxes crípticas.

P. A polémica parece sinalar o choque de elementos xeracionais, mesmo de gustos e xeitos de entender a literatura.

R. Pode habelo pero non penso, porque non se trata de gosto aínda que este seña fundamental na apreciación da literatura. Hoxe hai unha maneira de escribir típica dos que pertencen ao oficio; saben a mecánica de facer un conto, os seus trucos e iso tamén sucede na poesía, que é onde máis resalta a mentira. Non é de gostos o problema senón de actitudes fronte á lectura que mudaron moito. A xente que coñecín nos anos 50 e 60, e fixeron grandes obras, tomábase moi en serio o traballo literario, e a de hoxe non mantén esa mesma actitude. Moitos son profesores que coñecen o oficio, pero non viven a literatura a fondo.

P. A súa principal afirmación rifa coa realidade: véndese e lese máis libro galego ca nunca.

R. Iso requere acotacións. A primeira que as afirmacións que eu fago son extensíbeis aos ámbitos culturais inmediatos, e o que digo para o libro galego vale para o español. Iso de que se le moito é discutíbel, non xa pola cantidade de libro subvencionado e que entra na cifra de ventas, tamén porque hoxe na libraría ves que se compran obxectos de agasallo, non literatura. Non é malo que iso exista pero non é un fenómeno que nos deba enganar á hora de ponderar as cousas. O problema da lectura é máis xeral e debe preocuparnos como melloralo, porque requere unha disciplina, unha cultura e unha actitude que hoxe está distraída por outros medios que son masivos.

P. É imprescindíbel o choque para que se estabeleza a polémica? Porque semella que o que colisiona neste debate son conceptos diferentes do papel da cultura e da literatura.

R. Non teño interese en polemizar e o que digo ás veces fágoo con mágoa, pero non quero parecer parvo porque as cousas témolas diante e a crítica debe servir para mellorar. Ogallá se vendesen cinco veces máis libros dos que se venden. Tamén pode pasar que estea equivocado. Preocúpame e por iso o digo.

P. Tocoulle unha época na que o voluntarismo formaba parte indisolúbel da acción cultural. Vostede é autor dun dicionario de grande difusión nos anos 70 e encargouse del porque non lle quedou outra.

R. Consideraron que eu era a única persoa con disciplina suficiente para facelo. Naquela época non había posibilidade de profesionalización e, se se quer, era un traballo de patriotismo. Hoxe téndese a esa profesionalidade, unha tendencia desexábel. Mudou o concepto da autoría. O feito que critico é que hoxe o nivel é anodino, de pouca orixinalidade e moita semellanza entre as obras. Non penso que faga ningún favor afirmar, como outra xente da miña xeración, que vivimos idades de ouro literarias. Nin eles mesmos o cren, fano para estar a ben.

P. Nos seus ensaios memorialísticos, Os anos escuros, ademais de recoñecer o maxisterio intelectual de Ramón Piñeiro, tamén se reflexa a necesidade de romper co pai e voar con alas propias. Parece unha marca súa esa brusquedade.

R. Non teño que buscar votos nin dependo de ninguén e daquela digo o que penso con liberdade e por suposto disposto sempre a rectificar se me equivoco.

P. A referencia temporal que vostede fai, 30 e 40 anos atrás, remite a autores recoñecidos con unanimidade, por exemplo Méndez Ferrín ou Casares.

R. Para min a súa obra principal é a anterior e iso levaríanos a falar de por que esa obra baixou de nivel, algo que presinto máis do que aseguro e que daría para un debate diferente.

P. Quen establece o canon?

R. Sempre o lector, que é o que son eu, e tamén coa axuda da crítica. Quizais tamén mudou coa idade a miña actitude, e se con 20 anos les o que che boten hoxe es máis intuitivo e cando arrancas con algo que non che gusta arrómbalo. O gusto tamén varía segundo as épocas. O que non hai que facer é o que fai moita xente nova, moi pagada de si mesma, cando escribe a primeira obra; porque a escrita é como outro oficio, hai que querer facela ben e esforzarse cos cinco sentidos. O olfato dime que hai moito autor que escribe só por dicir que ten un libro, collendo o ton e o xeito de cousas que andan por aí e teñen éxito ou por epatar.

P. A valoración da literatura ten que ver coa expectativa de futuro do idioma?

R. Hai que deixar de pensar con ideas anticuadas. Escoiteille a Ramón Piñeiro dicir que había que ir esquecendo o galego da aldea e pensar no construído polas novas clases traballadoras e medias. E non se está facendo ben a política lingüística, que non é andar con libros complicadísimos senón tomar exemplo de recuperacións exitosas. En Gales, o profesorado procura entusiasmar os rapaces, en troques de asignaturizar rixidamente como aquí.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_