Inmersión lingüística na economía galega
Etiquetas normalizadas para produtos do país
A normalidade do feito lingüístico galego virá polos empresarios, chamados a "converterse nos neotrovadores do século XXI". Neste acontecemento histórico cultural está o Foro Peinador, que procurar achegar o idioma á actividade económica. E están convencidos de que xa é hora de que a língua deixe de estar unicamente nas mans dos políticos, dos ensinantes e dos escritores. "Todos xuntos supoñen unha mínima porcentaxe no PIB da comunidade", argumenta Xosé González, o presidente deste colectivo empecinado en galeguizar "pola vía da naturalidade e non pola vía do conflito".
O proceso desta conversión lingüística natural, o xurdimento dos neotrovadores da empresa, está a empezar pola etiquetaxe. E os empresarios amosan receptividade e empezan a traballar por facer de Galicia "unha marca de indentidade nun mercado cada vez máis global". "Cando llelo explicas en persoa, enténdeno perfectamente; faltaba unha reflexión máis distendida", sobre a normalidade no uso do idioma propio, explica González.
"A galeguización do empresariado é imprescindible", din no Foro Peinador
O estaleiro Vulcano utiliza na web o galego, "a lingua do traballo"
O presidente do Foro Peinador compartiu onte mesa e mantel en Ourense cunha trintena de directivos de empresas galegas punteiras en distintos sectores, gañados polo Foro para a causa da inmersión lingüística en galego dos seus produtos. E non dubidaba en amosar a súa ledicia. "A galeguización do empresariado é imprescindible, porque arredor deles están os traballadores, que son realmente o pobo".
Na xuntanza gastronómica de onte, os emprendedores non estaban sós. Canda eles, algúns dos civís membros do Foro Peinador, como o propio González, o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, e a subdirectora xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal. Foi o preámbulo da demostración posterior, no edificio cultural da Deputación de Ourense, do seu avance.
Adegas, empresas cárnicas, a clásica Carbónicas Landeira (a de Gaseosas La Pitusa), cooperativas lácteas, empresas punteiras en alta tecnología e de alimentación. Incluso compareceron estaleiros, por moito que teñan difícil a etiquetaxe dos seus produtos: os barcos. De momento, empresas como a viguesa Factorías Vulcano S.A., que leva máis dunha década exportando os seus buques por todo o mundo, están a galeguizar a súa páxina web. "O idioma cos nosos clientes é o inglés", explica José Domínguez, director financeiro da sociedade, "pero dentro da fábrica todo o mundo fala en galego; esa é maioritariamente a lingua do traballo dende sempre, así que o que fixemos foi facer oficial o que xa viñamos practicando".
Os buques non os poden etiquetar, pero, en troques, teñen rotulada a fábrica en galego. Domínguez nega a maior. "É que eu non creo que exista conflito lingüístico en Galicia", sinala o directivo cando se lle pregunta se o seu método pode ser un xeito de evitalo.
A boa disposición do empresariado á galeguización queda clara no caso da firma ourensá Aceites Abril. Ten medio século de existencia, pero empezou hai apenas un ano a recuperar a tradición oliveira en Galicia. A segunda xeración da familia prantou hai tres anos 500 oliveiras (agora ten xa 50.000 en terreos que abranguen 25 hectáreas) que este ano darán a primeira produción. Teñen árbores na Rúa, Petín, Barbadás e Feces. Decidíronse a recuperar a esquecida tradición galega en cumprimento "da lenda portuguesa que di que a mellor oliva é a do sur de Galicia". O primeiro aceite producido aquí será, ademais, etiquetado en galego como "aceite virxe extra ecolóxico". Venderano exclusivamente en Galicia porque, segundo asegura o empresario Xosé Manuel Pérez Canal, en 1994 decidiron colocar etiquetas bilingües para o produto que exportaban. "Pero xurdiron problemas loxísticos".
O presidente do Foro Peinador amósase animado. "Se as empresas cren neste proxecto, a nosa economía galeguizarase", sostén, convencido de que é "falso" o argumento da dificultade do idioma. "Non hai máis que botarlle unha ollada ás marcas alemás das cervexas do súper, ou aos viños franceses, ou a todas as delicatessen". Xosé González agarda polo rexurdimento económico lingüístico e que os consumidores "amosen a súa preferencia polos produtos de aquí", mentres anima coa reflexión serea aos neotrovadores do XXI.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.