_
_
_
_
NOTAS A RODAPÉ | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Danos e perdas

Vai para unha ducia de anos, a miña filla maior comezou a ir ao colexio. Na casa falamos galego, e o mesmo facía a cativa. De alí a pouco, deu en castrapear. Os seus pais, por suposto, queriamos que aprendese o castelán, pero non a custa de perder o idioma familiar. Fomos interesarnos á escola, e informáronnos que ensinaban a ler e escribir en castelán. Explicámoslles que a nosa filla tiña dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua, e que non estabamos por renunciar a el. O profesorado non tiña nada contra o galego, aseguraron, pero temía a reacción dos pais contra o seu uso nas aulas (incluso os mínimos legais). Non lles constaba que houbese oposición, pero ventaban que os vellos prexuízos seguían vivos.

Acordamos facer unha enquisa. Resultados: a quinta parte das familias prefería un ensino maiormente en galego, o 15% optaba máis ben polo castelán, e case os dous terzos se inclinaban por un bilingüismo equilibrado. En conclusión, o uso do galego no centro estaba moi por baixo do previsto na lei e o desexado por unha ampla maioría. A partir de aí ata hoxe, avanzouse paseniño, sen problemas especiais.

- A selva dos tópicos

Alberto Núñez Feijoo pretende convencernos de que debe a súa vitoria electoral á campaña pola liberdade lingüística axitada durante os últimos anos. Non tal. A inmensa maioría dos galegos non senten ese problema, a pesar da aloulante pertinacia de determinados líderes políticos, locutores radiofónicos e comentaristas de prensa. Disque a Xunta quere facer unha enquisa nos centros de toda Galicia para que os pais se manifesten sobre os idiomas na escola. Liberdade lingüística á carta, é o último grito.

O que contei antes proba que non teño preconceptos contra ese inquérito. Tampouco, como teño sostido noutras Notas a rodapé, contra un modelo flexible de bilingüismo escolar. Pero cómpre facer algunhas observacións. Primeira, por que os cidadáns non somos consultados sobre outras materias, por exemplo as normas de urbanismo, o código de circulación, ou os horarios dos centros escolares? Todos eles implican severas limitacións ás nosas liberdades: así, facer unha casa onde e como nos pete. Segunda: postos a preguntar, pregúntesenos en que lingua desexamos ser atendidos nos servizos públicos. Que estraña cortesía lingüística é a que nos obriga a ceder sempre aos galegofalantes cando somos usuarios e pagadores deses servizos? Non cortesía, paciencia infinita é o que vimos aplicando. Se a Xunta garantise que imos ser correspondidos no noso idioma nos hospitais e centros de saúde, nos tribunais de xustiza, nas grandes áreas comerciais, de que imos dispor de xogos en galego para os nosos cativos... Albízaras!! Apuntabámonos lixeiros a esa liberdade lingüística. Pero non, a tal liberdade soa a máis privilexios para os que xa tiñan sobexo.

Por certo: por que non se fai esa enquisa nas universidades e se dotan estas dos medios para que os estudantes que escollan o galego reciban docencia no idioma elixido? Os universitarios están en condicións óptimas para ofrecerlles o menú á carta.

Asegúrase que a consulta terá carácter vinculante. Pero seica non van segregar os/as estudantes por linguas, como esixen os monolingüistas. Bo é, pero así a consulta de pouco vai servir, porque non haberá xeito de financiar un operativo capaz de dar satisfacción a unhas demandas diversificadas. Xa se verá.

- A liberdade ten donos?

Cando os afroamericanos reclamaron que se abolisen as prohibicións que os mantiñan segregados nos autobuses, nas escolas, nas piscinas..., os racistas retrucaron esixindo a súa liberdade para manteren servizos só para brancos. Ese uso espurio da liberdade é o mesmiño que vemos invocado agora para promover a segregación idiomática. E o que máis incomoda é que se está a luxar o fermoso lema dos dereitos civís identificándoo con propostas discriminatorias: a loita por eses dereitos é un combate contra a desigualdade, non unha guerra a prol dos privilexios herdados.

A todas estas, se a liberdade lingüística que se predica non é unha impostura, reclámese a derrogación da norma máis impositiva do noso sistema legal: o deber de coñecemento do castelán prescrito na Constitución. E promúlguese a liberdade de idioma entre todas as linguas oficiais da UE nas probas de acceso á función pública de España enteira. Máis ca nada por cortesía lingüistica cara aos outros cidadáns europeos...

Aos que defendemos o galego acúsannos de apropiarnos del. Pero como os mesmos que nos acusan se atreven a apropiarse da liberdade? Moitos de nós fixemos un acto de liberdade (a máis pura: contra corrente, con moito esforzo e renunciando a comodidades) cando decidimos non abandonar ao noso idioma, sendo que todo convidaba a iso. Claro que o noso xesto de lealdade ao idioma do país só nos obriga a nós mesmos. Se propoñemos que todos os galegos aprendan o galego (e para conseguilo, propugnamos o seu uso no ensino), facémolo en nome da igualdade e da convivencia, o reverso da imposición.

Afírmase con grande énfase que son os cidadáns os que teñen dereitos, non as linguas. Érache boa! É que se trata dos nosos dereitos como cidadáns; uns cidadáns que, polo noso idioma, non queremos ser tratados coma se fósemos de segunda categoría. Dereitos iguais para todos, tamén para nosoutros e os nosos fillos.

Os galegofalantes somos todos bilingües por necesidade, os castelanfalantes sono (cando o son) á súa vontade. Pero cando un sector da nosa sociedade fai cuestión de ignorar o galego, o que nos está dicindo é que non quere saber nada de nós, que non desexa que vivamos xuntos. Dóenos, pero non nos queda outra que tomar nota. Iso si, xa me contarán vostedes que convivencia imos construír sobre esas bases...

- Camiño a ningures

Cando se pretende rebaixar o uso do galego no ensino e na función pública, estase abrindo o camiño cara á conversión da súa oficialidade en papel mollado. Se a autonomía se vai desentender do idioma e da cultura galegas, carecerá de espírito e será un cadáver ambulante. Estamos pois ante o primeiro asalto dun combate cara á degradación do autogoberno: as institucións galegas transmutadas nun estaribel burocrático. O obxectivo último da estratexia recentralizadora, o programa final dos neocon. Velaí o fondo da cuestión: non é o futuro do idioma, é o porvir do país o que está en xogo.

Nin sequera iso non é o peor. O idioma galego xa se tornou munición barata para as liortas partidistas e os cálculos electoreiros, con lamentable falta de respecto á súa (e á nosa) dignidade. A estratexia da tensión leva causado un enorme estrago. O clima social estase envelenando. Veremos se a cidadanía, xente común que non é propietaria de xornais nin é socia de clubs financeiros nin está corroída polo resentimento ou entalada nos prexuízos, dá resistido o embate da intoxicación. Veremos se somos quen de esganar a espiral dun conflito que nos arrastra á desfeita. Se conseguimos interpelar á maioría social, con independencia da ideoloxía e do idioma de cada quen, para que reaccione serena e responsablemente en defensa do galego e da convivencia pacífica, da igualdade e do respecto á pluralidade.

Non sabemos como nin cando rematará esta lea pero adiviñamos quen, ao cabo e á conta, acabará pagando a factura dos danos e perdas: o país enteiro. O mesmo a algúns lles saen as contas furadas. Ao tempo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_