A cultura bótase a explorar as empresas
O contexto empurra ós axentes culturais a buscar fórmulas imaxinativas de cooperar con outros sectores
A cultura xa non é o que era. A idea tradicional da cultura apoiada pola Administración e polos patrocinios directos de empresas está a escachar no novo contexto de crise, e os xestores culturais espremen os miolos buscando novas ideas. "Os fondos públicos reducíronse, as grandes empresas que patrocinaban anulan as axudas e dun par de anos para aquí descendeu a cesta da compra do consumo cultural", di o xestor cultural Marcos Lorenzo. Ante este panorama, os axentes culturais precisan sentar a reflexionar e abrir novas vías de creatividade, de negocio ou de simple subsistencia. E aí emerxe unha vía de recente aparición, propiciada polo actual contexto económico: explorar a interrelación entre cultura e empresas máis alá do patrocinio directo. Esta nova busca de "formulas imaxinativas de cooperación" son as que se analisarán no Encontro Internacional de Economía e Cultura os vindeiros 16 e 17 de febreiro na Cidade da Cultura.
Lorenzo: "Na cultura está a se producir unha reconversión encuberta"
A deseñadora Uqui Permui traballa cunha empresa de grupos electróxenos
"Xúntanse dúas crises, a do contexto global e a interna do consumo cultural, daquela estase a producir unha especie de reconversión industrial encuberta que hai que afrontar. É unha idea que se está debatendo en Europa", explica Lorenzo, ideólogo deste encontro e un dos coordinadores xunto co seu compañeiro Alberto García, creador da empresa Novaxestión. Seguindo modelos culturais xa testados nos países nórdicos, en Estados Unidos ou no Brasil, a nova idea que emerxe é que "os creativos poidan ser axentes de innovación rendibles nos procesos de produción de empresas doutros sectores", expón García. Trátase de xuntar cultura con empresas non culturais. "A cultura ten que permeabilizarse", resume.
Disto así todo podería parecer demasiado teórico, pero en Galicia hai varios casos prácticos. Son combinacións que poderían resultar a priori impensables, por exemplo que unha deseñadora gráfica poida facer unha aportación creativa no modelo de produción dunha fábrica de grupos electróxenos. A persoa que mellor pode definir este proceso é Uqui Permui, do estudio Uqui/Cebra. Permui recibiu de Genesal, unha empresa deste sector, un encargo para realizarlles o deseño gráfico. O encargo converteuse nun amplo proxecto e nun exemplo de como unha fábrica de maquinaria reordena a súa cultura empresarial filtrada a través das súas achegas. "Importa tanto a imaxe gráfica como a imaxe xeral que proxectan. Se todos eses factores non se complementan, a imaxe gráfica igual tería servido de pouco", describe Permui acerca do seu traballo con esta empresa, na que está a introducir elementos creativos que a axuden ó posicionamento. O último foron micropezas audiovisuais onde os traballadores falan do seu produto ós clientes nun estilo coloquial.
Uqui Permui exporá o seu proxecto nos Encontros de Economía e Cultura, do mesmo xeito que estará outro deseñador, Juan Ares, que tamén busca conxuntar o seu talento creativo con empresas aparentemente distantes do seu ámbito. "É moi interesante que o sector privado aposte a nivel creativo e vexa que poden acceder a outras cotas de mercado sen variar o seu modelo de produción", explica este creativo de Boiro. No seu caso, Ares creou unha alianza coa empresa de acuicultura Chicolino, que se dedica a elabora redes e cordas. "Propúxenlles traballar no ámbito do deseño e elaborar productos que saian desde as redes, como por exemplo unha liña de lámpadas de deseño", explica este deseñador responsable da firma Espazo Showroom. Juan Ares traballa noutra vía semellante cunha empresa de cunchas de mexilón da Illa de Arousa, neste caso experimentando en ámbitos de investigación que teñen que ver coas propiedades aillantes das cunchas. "Un creativo pode explorar desde produtos aparentemente convencionais dos que viven as empresas, hai que tratar de mesturarse máis", explica.
Nestas novas sinerxias de aproximación entre empresa e cultura tamén se move a empresa viguesa Sinsal. Dedicados desde hai dez anos á promoción de concertos para público escollido e con aforos limitados e moi ben medidos, agora comezarán a desenvolver outra liña. "Estamos nun momento de traballar un intercambio de servizos con outros sectores. Non é un ánimo de lucro de empresas que poñen cartos, senón que este troco beneficie a ambos", explica o produtor Xulio Gómez. Entre esas ideas está a de facer actividades nas instalacións dunha marca de deseño industrial como Sirvent, para facer visible esa maquinaria a través destes concertos. "Estase establecendo un novo tipo de relación, mesmo co pequeno comercio, que pode facer contribucións indirectas", explica Gómez, que puxo en marcha un club de socios de Sinsal, entre os que se sortean agasallos procedentes do pequeno comercio. Ou mesmo utilizando os escenarios de actuacións para dar a coñecer mobles de tendas de deseño, intentando reinventarse "ante as limitacións da Administración e do patrocinio como aportación directa".
Este tipo de colaboracións xa se explorou en países como Inglaterra, a través das Arts and Business, que os concellos poñían en marcha para promover vías de encontro entre artistas e empresas locais, pero Galicia dista do modelo inglés. "As empresas non ven a cultura como industria, daquela non te ven como socio estratéxico. Hai que poñerse á par e falar como socios, podemos xenerar recursos e ó mesmo tempo favorecer unha industria cultural mais libre", reivindica Alberto García. Desde a súa visión como artista e a súa experiencia nun proceso, Uqui Permui aínda cre que queda traballo por facer: "Hai que educar ás empresas neste contexto". E polo que se ve, tanto ten que sexan de cuncha de mexilón como de grupos electróxenos. Contra o que puidese parecer, a experiencia di que este encontro é posible.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.