A chafallada máis grande do mundo
Teño unha fórmula para calcular o valor do Gaiás. A Xunta convidou xestores do Moma, o Barbican, a Biblioteca de Alexandría... para debater o asunto e dixeron que "depende". Iso dío calquera. A nosa fórmula consiste en poñelo á venda e á mellor oferta restarlle o prezo do chan. Se da cifra obtida substraemos 400 millóns obteremos o resultado do investimento. Desalentador? É a mellor opción, como perder unha man é preferíbel a quedar sen corazón.
Aí atrás coincidiron o comunicado de ETA e a paralización das obras na zona cero da Cidade da Cultura. A fin do terror e a fin do horror. Ambas noticias, sendo boas, deixan ao seren dixeridas un regusto agridoce. O que se preguntan en Euskadi e nos mentideiros da Vila e Corte sobre as décadas de conflito armado preguntámolo en Galiza a conto do Gaiás: por que e en nome de quen teimamos lustros na ruína e a senrazón? Ata onde chegou a guerra sucia no proxecto? Hoxe podemos chegar a perdoar, non a esquecer: compre lembrar e honrar as vítimas. Ou pensabades que o noso problema vasto non causara vítimas? O panteón de Fraga é a foxa que na guerra lles mandan cavar aos prisioneiros para que ao rematar teñan onde caer mortos.
O buraco negro da Cidade da Cultura foi engulindo todos os nosos axentes culturais abatidos
O golfiño de Franco fixo prisioneiros e púxoos a cavar. Cando os reos viron as dimensións do cráter preguntaron: "L'o p'a que vén sendo un buraco tan grande?". E o Zapatóns contestou: "Para protexervos mellor". Así que cavaron cantando, convencidos de que o buraco eran os fundamentos da súa casa nova, non merecían seguir vivindo á intemperie ou en pendellos escanastrados.
Como se puido confiar en que o franquista o dése todo a prol dos titiriteiros? É unha boa pregunta. Agora espertamos e vemos a paisaxe de antes que comezase o soño. Iamos para Guggenheim ou Grand Palais e fomos dar no paradigma da nosa arcutrectura dos setenta: a casa a medias co tixolo sen recebar, cancela de metálico, roupa tendida entre os piares e un monte de entullo diante da porta.
Ocorreu o peor: estabamos atordados e o que xulgabamos pesadelo era real. O buraco negro da CdC foi engulindo os nosos axentes culturais abatidos: actores, técnicos, salas, bibliotecas, asociacións, servizos de normalización, editoras, prensa, ensino, investigación. O buraco fixérase para as medras, cabiamos todos.
Tirando de refraneiro hai quen opina, peloteiros ou despistados, que máis val tarde ca nunca e que chorar sería ladrarlle á lúa. O certo é que o parón chega tarde, mal e arrastro. Din as vítimas de ETA que se a morte do familiar axudou a que cesase a violencia, serviu para algo bo. Co tempo gustaríanos aplicar o dito non hai mal que por ben non veña: o mal xa o temos, polo ben agardamos. A Xunta presenta como decisión política outro tesoirazo, produto de que o eficaz e austero Feijóo xerase a mesma débeda que todos os predecesores. É un tesoirazo porque non varía o modelo e os cartos van ir ao peto dos amigos que especulan coa sanidade, a educación, as infrastruturas ou os servizos sociais. É un tesoirazo pero, como din na TDT, teñen o callo e a facundia (tamén a renartería) de facer da necesidade virtude e acusar ao bipartito de covardía e de alimentar o monstro, coma se o PP apeitase cunha herdanza envelenada na que non tiña arte nin parte, coma se a licitación non a fixese un Fraga derrotado e en funcións, saqueando o futuro antes de darse á fuga.
Mais abonda de ollar atrás. En Euskadi deséñase o futuro, dialógase, hai reunións coas vítimas, con todas. Non estaría mal que a consellería convocase a todas as vítimas do Gaiás, non só os construtores, para recuperar a terra labradía que uns e outros se dedicaron a salgar, non para estercar o seu Palacio da Ópera. É hora de curar feridas e pasma a unanimidade de que tanto a construcción como a continuación das obras foi un erro: tarde piaches. Fixéronnos a picha un lío e agora tiramos a belida, non entendemos para que val e sabemos que a burbulla implosiva nos vai tragar enteiros, mais non se pica a burbulla e nos orzamentos de 2012 leva outra partida de 22 millóns.
A oposición á CdC non viña só do gasto na construción. Ata agora a obra deu perdas e emprego, a partir de agora só trae perdas e un modelo de cultura elitista, ritual, rancio, insostíbel e asfixiante para o tecido cultural de base. Déixase latente o noso Fukushima confiando en que se desactive só e repítese a lilaina: A estas alturas non ten volta, hai que tirar para adiante.
Non vemos todos que unha biblioteca no monte non pinta ren? Que un museo debe ubicarse onde a xente vai a pe? Que para ir exprofeso somos poucos e en teleférico nin che conto. E un museo de que? Como outros nacidos do capricho político a súa función é contar a cifra de visitantes que miran a nada exposta. Expónse a cifra de visitantes de cara aos medios, igual que hai aeroportos sen avións.
Nos setenta os emigrantes volvían de Suíza nun BMW alugado en Zurich, cunha aguia no capó, alerón traseiro, dous escapes e claxon de fantasía que facían resoar en cada verbena e cada voda dicindo que era seu. Pasaba agosto, volvían á fría Centroeuropa e devolvían o coche. Ao Gaiás tamén chegou o frío, abonda xa de claxon, que Centroeuropa non perdoa.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.