_
_
_
_
Reportaje:Luces

Onde está a saída

Seis filósofos responden á pregunta polo presente - "A revolución será 'aneconómica' ou non será"

"A saída é a resposta; a saída imposíbel, a pregunta". A formulación do escritor xudeu Edmond Jabès, inserida na poética da errancia do Libro das preguntas, segue ecoando fóra do seu tempo. Cambiándolle a matriz, seis filósofos novos achéganse, telegraficamente, á pregunta polo presente. De que xeito se podería pensar esta época?

Rosa María Varela. Doutora europea cunha tese sobre Kant e os inicios do idealismo alemán, dirixida por Arturo Leyte e dispoñíbel na Rede, Varela (Santiago, 1972) traballa agora preto de Zaragoza. Na reflexión sobre o presente, recorda o fracaso -e algo máis- da psicopedagoxía. "O aspecto liberador da educación, da Ilustración, era o xeito noutras épocas de saír da caverna. Hoxe iso non é aprezado polos mozos que pasan polo sistema educativo, onde o saber, como produto, tense que servir rápido para o consumo. Se o saber non o conciben como liberador e se, malia á súa formación, non conseguen traballo, que lles queda? Hai saída posíbel fóra da caverna ou xa non, nin dentro nin fóra? Ten xeito esta época?".

Francisco Conde É autor de Unha introdución a Heidegger (Baía, 2007) e monografías como Cosmopolitismo vs Globalización. Unha introdución a Ulrich Beck (en Estaleiro Editora para 2012). Interesado en Nietzsche e no pensamento francés da segunda metade do XX, Conde (Vigo, 1978) decidiu achegarse a el pasando pola fenomenoloxía (máis en concreto, a teoría do coñecemento de Husserl). Logo da súa tese doutoral, centrada no mestre de Heidegger, quixo fuxir "do pensamento do pensamento" e afondar en Lacan. En París VIII rematou un Diploma de Estudos Avanzados cun traballo sobre o capitalismo visto desde a psicanálise. Postos a pensar esta época, o modelo terapéutico é fractal. Este pode ser o tempo "no que un novo movemento político só poderá ser pensado se ten en conta a esixencia do individuo de poder sentirse individuo, de que se tolere ante todo a súa diferenza".

Lucía Castro. Licenciada en Santiago e Diploma de Estudos Avanzados en Madrid, Castro (A Coruña, 1980) é parte do grupo de investigación Filosofía Geopolítica de la Historia. Publicou, entroutros, Lógos y téchne. El lenguaje en la pro-ducción nun volume colectivo sobre o autor de Ser e tempo. "A revolución será aneconómica ou non será", pendura o cartaz. E explícao: "A mediados do século pasado, Heidegger preguntábase se se pode dar o que non se ten. Dúas décadas despois, Derrida contestoulle: de feito un só dá o que non ten; cando dá o que ten, non está a dar. Deixemos que outros xoguen á economía e non desesperemos porque non dean o que teñen. Pensemos no que non temos nós, e artellemos a maneira de dárnolo. Non temos nada que perder".

Javier Turnes. Profesor de filosofía e músico, Turnes (Portomouro, 1976) organiza tamén os Encontros de Filosofía da Costa da Morte. Publicou Spinoza (Baía, 2007) e a introdución, canda Ignacio Castro, da anónima Chamamento (Axóuxere), ademais de diversos artigos sobre filósofos arraizados en Nietzsche. Como o presente non pode ser pensado desde o presente, Turnes achega a pregunta pola orixe: "O presente debe ser pensado dende a pobreza de situarse afóra, na desconfianza das imaxes e da técnica, ante as que só cabe a serenidade. Trátase de pensar a nosa fraxilidade esencial, pensar que actuar non significa producir un efecto". Á "inconsistencia do ánimo" ante o que a realidade devolve, recorda que a filosofía debe axudar a vivir: "A alegría non debe sucumbir".

Rebeca Baceiredo. Autora d'O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, Premio Ramón Piñeiro, na súa tese sobre Deleuze desenvolve unha liña ontolóxica que posibilita "desfacer o suxeito para propor outro tipo de subxectividades". Algo do que fala de xeito menos académico en (repeat to fade), publicado en Estaleiro Editora. No correlato de Baceiredo (Ourense, 1979), o contraste dase entre os corpos destruídos e a obriga de reconstruír os suxeitos. Na actual "materialización progresiva da peor scifi fascista", coida que o único xeito de vivir "con autonomía a respecto da máquina" é unha muda dos individuos. Dos modos de ser e, polo tanto, "de pensarnos e reconstruírmonos como axentes sociais capaces de autoorganizarse". "Non vai quedar outra".

Delmiro Rocha. Tradutor con Cristina de Peretti dos dous volumes de Seminario: La bestia y el soberano, de Jacques Derrida, Rocha (Salceda de Caselas, 1980) é autor de Deconstrucións. Unha volta a J. Derrida (Estaleiro, 2011) e Dinastías en deconstrución, que pronto publicará o selo madrileño Dykinson. Rocha arrima a mirada cara ao 15-M. "Conseguiu algo realmente difícil: ter lugar". Aí recorda a ausencia de lugar dos colegas do Proxecto Derriba [rede sen centro, como a Universidade Invisíbel, centrada en aconchegar persoas e colectivos e na divulgación en Galicia do pensamento contemporáneo], todos licenciados en Santiago. "Todas fomos desterradas da Galiza en busca dun lugar para a filosofía. Na terríbel distancia que esixe o pensamento, Internet foi ese lugar para o noso desexo de filosofía galega". Se o lugar do pensamento sempre foi "virtual, virtuoso", razoa, "no presente roto e desprazado que nos toca pensar esa virtualidade é radicalmente real".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_