_
_
_
_
Reportaje:Luces

As dificultades de pensar á contra

A conxuntura histórica abre espazos para a heterodoxia intelectual, pero transferir o coñecemento individual ao colectivo resulta aínda complexo

Unha xenealoxía apurada do intelectual como figura pública en tempo de crise comeza, probabelmente, no affaire Dreyfus e na tomada de posición do escritor Émile Zola. Eu acuso, escribiu no xornal L'Aurore en 1898. O autor de Xerminal, practicante da novela proletaria, desmarcábase con aquel artigo do antisemitismo dominante na Francia finisecular. O concepto e a súa praxe atravesa despois a grave e violenta cesura da Guerra Civil Europea. Un divídese en dous: os traballadores do coñecemento colócanse a ambos os dous lados, co fascismo ou contra o fascismo. No longo 68, cara adiante e cara atrás, volve emerxer, de novo en Francia, e Jean-Paul Sartre pon rostro ao pensador rebelde. Co refluxo dos movementos progresistas e o avance do neoliberalismo, os tribunos non desaparecen, pero pasan ao campo conservador. Ese é o contexto que implosiona coa caída de Lehman Brothers e a perda de taxa de gaño, que coñece os seus espectros en Galicia. Existe aínda lugar, nunha sociedade onde a comunicación se fragmenta, para reeditar a intervención intelectual nos asuntos da cousa pública?

Villanueva: "A evolución capitalista confirma a Escola de Francfort"
"Na economía fíxose forte o coñecemento funcional ao capital", di Vence
Carracedo: "Unha farmacéutica nunca investigará enfermidades raras"
Do Cebreiro: "A ciencia móvese entre pares, como se transfire?"

"Os tempos son novos, e 140 caracteres non parecen ser o mellor formato para sentar cátedra", respondía recentemente o escritor Alberto Lema (Vimianzo, 1975) a unha enquisa no blog de crítica cultural Quantas letras para um rio, "aínda así, estamos certos de que despois desta crise a esquerda volverá a ter moito que dicir, e non será, abofé, repeating Sartre". Contra esa tese parece reaxir, precisamente, o correo electrónico remitido dende Panamá polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e secretario da Real Academia Española Darío Villanueva (Vilalba, 1950). "Máis que nunca é a función da reflexión crítica deixar a torre de almafí", considera, "pola torre de control dos espazos abertos pola sociedade da información". Cun pé en McLuhan, cuxo popular A Galaxia Gutenberg vén prologar nunha edición universitaria, Villanueva non sitúa na crise a inflexión da función da intelixencia individual no debate colectivo.

"Máis que a crise, a evolución do capitalismo", sinala quen foi reitor da USC, "confirma as prediccións feitas nas décadas dos vinte e dos trinta pola Escola de Francfort". Refírese á crítica á industria cultural e á mediación "economicista" na produción artística, literaria e intelectual despregada por Walter Benjamin, Max Horkheimer ou, sobre todo, Adorno. Pero a desaparición deses espazos de autonomía intelectual á marxe da lóxica mercantil agrávase a partir da chegada ao poder de Ronald Reagan e Margaret Thatcher. O triunfo do paradigma neoliberal non acontece unicamente nas facultades de Ciencias Económicas, senón que se estende até chegar a configurar o sentido común dominante en Occidente. Iso, xustamente, denuncia o catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence (Rodeiro, 1961).

"Na economía é claro o que aconteceu", relata, "fíxose forte un coñecemento que trataba de ser funcional ao sistema capitalista e non á verdade científica". O filme documental Inside Job tamén narra ese proceso que o profesor Vence leva un punto máis alá: "A ciencia económica someteuse ao dominio do capital financeiro e desprestixiouse como ciencia". O catedrático, que non participou dos festexos e xa en 2005 publicou O fracaso neoliberal na Galiza (A Nosa Terra), relaciona a apoloxía do financiarismo e "a desviación metodolóxica" da súa disciplina cos intereses da banca e con quen forzaban as políticas a prol da economía non produtiva.

Manter zonas de sombra para o mercado resulta, ao dicir de Vence, chave. "No público hai outras lóxicas, diferentes da mercantil", sinala, "pero están contaminadas polo privado". O beneficio a toda costa e o valor de cambio sobre calquera outro valor dificultan a investigación á procura de "verdades científicas". A sanidade aparece como singular campo de probas desta contradición: "Nos hospitais aínda non manda o privado e, sen embargo, no farmacéutico si". Sobre ese punto alerta igualmente o director da Fundación Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955). "Os poderes públicos deben detectar que ámbitos de investigación son necesarios socialmente", indica.

É así como na consideración dun dos xenetistas máis prestixiosos de Europa a instancia pública non pode desentenderse da produción intelectual. E pon un exemplo: "As enfermidades raras non teñen interese para as empresas farmacéuticas porque non son negocio; os poderes públicos deben financiar esas investigacións". No diagrama de Carracedo, que tamén se atopa á fronte da área de xenética da Universidade de Santiago, a empresa privada si ten un espazo. "Os poderes públicos, ademais, teñen entre os seus labores o de facilitar a transferencia do coñecemento ás empresas e á sociedade". É dicir, exercer de ponte entre o intelectual e outros segmentos da sociedade. Na súa versión, o coñecemento científico é "motor de progreso" e, en tempo de crise, máis.

"Non apostar por ese sector, estratéxico para competir, é un erro", engade, antes de concluír: "Hai quen pensa que se trata dun investimento a longo prazo, pero se se dan unhas boas e rápidas condicións de transferencia, obtéñense axiña os beneficios". Tamén na universidade, pero na área aínda denominada das Humanidades, traballa María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976). Investigadora da literatura, poeta e ensaísta, a Do Cebreiro impórtanlle igualmente as vías que conectan a produción intelectual e o colectivo. "Por como funciona a estrutura do coñecemento científico, móvese máis en comunidades de pares, de especialistas", explica, "e o problema é como transferir ese coñecemento de pares á sociedade". Non esquece matizar a cuestión: "Pero eu son unha defensora das estruturas de coñecemento públicas e, ao cabo, do ideal ilustrado, a educación universal, pública e de calidade, que debemos ampliar".

Máis centrada na figura específica do intelectual, á autora de Fogar impronunciable (Galaxia, 2011) preocúpalle ese sabio, de presenza mediática continua, "que, no peor dos casos, transforma o coñecemento en espectáculo". Como síntoma dunha maneira diversa de operar nesa función, María do Cebreiro escolle a Pier Paolo Pasolini. "Asume de xeito emotivo e honesto as súas propias contradicións", expón, "e penso que a única maneira honesta de sobrevivir como intelectual é asumir publicamente esas contradicións". Era o Pasolini, cineasta e poeta, que se dirixía a un tempo "ao político e ao poético" na impresionante elexía As cinzas de Gramsci. "El sitúase exactamente nesa intersección, defínese aí". Non todo o mundo acepta, por suposto, a palabra intelectual e ese debate sácao o profesor da Universidade Autónoma de Madrid, ensaísta e activista Carlos Taibo (Madrid, 1956), pero para pechalo: "Non me sinto cómodo coa etiqueta do intelectual, fícame afastada".

Ao interrogante de se a posición do pensador muda na conxuntura histórica presente, os consultados ofrecen respostas diverxentes. Do Cebreiro válese dos mapas sociais de Raymond Williams para distinguir entre "o residual, o hexemónico e o emerxente". "Non percibo alternativas claras", di, sobre a fin de época, "pero se aceptamos o novo, veremos que hai xorden outras prácticas". Ningún traballo, tampouco o intelectual, se fai no baleiro e as voces críticas silenciadas durante os incuestionados anos de ouro do ultraliberalismo existiron. "A crise fainas agora audíbeis". Para Xavier Vence, no campo económico, pasa algo semellante.

"Sempre houbo economistas que se guiaron polo desvelamento da verdade e polos intereses das maiorías sociais", afirma, "somos minoría, temos menos recursos e os circuítos de difusión, académicos e mediáticos, estánnos máis pechados". A brutal parada na acumulación capitalista, iso si, abriu fendas no espallamento monolítico do discurso neoliberal, e a día de hoxe non resulta tan estraño atopar argumentos económicos heterodoxos: "Os economistas dos think tanks das caixas, dos bancos e das aseguradoras hexemonizaban implacabelmente as canles na época en que a economía roldaba, pero agora escóitanse as ideas das escolas críticas dos poskeynesianos [con especial forza], dos marxistas ou dos institucionalistas". O sistema, ao seu xuízo, revélase como insostíbel e o interese polas posturas intelectuais críticas medra.

O profesor Carlos Taibo debate cos acampados o 15 de maio na Praza do Obradoiro de Santiago.
O profesor Carlos Taibo debate cos acampados o 15 de maio na Praza do Obradoiro de Santiago.A. IGLESIAS

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_