_
_
_
_
Luces

A música busca espazos

Decenas de grupos intentan sobrevivir buscando un oco nos circuitos das salas de concertos espalladas por toda Galicia

Sugar Mountain son unha banda de rock pontevedresa que leva unha dúcia de anos buscando ocos para tocar nas salas de concertos galegas. Os Sugar cobran 300 euros por actuación máis o 50% do que se recade na billeteira. "Imaxina que imos de Pontevedra a Coruña seis persoas nunha furgo. Desconta gasolina, autoestrada, cea e durmida e calcula o que queda", debulla Isaac Campos, membro fundador da banda. Sugar Mountain poden ser un bo exemplo para ilustrar o panorama de decenas de grupos musicais que durante o inverno buscan acubillo nos locais de concertos. A cambio de modestos cachés, os garitos do tamaño máis diverso convértense en tobos onde as bandas de todos os estilos buscan refuxio para que non se oxiden os seus instrumentos.

"Hai moitas salas e moitas bandas, pero pouco país", di o cantante de Zenzar

María Xosé Silvar, Sés, é unha das voces emerxentes da música galega e acaba de sacar o seu primeiro disco, Admirando a condición. Con este traballo como carta de presentación, Sés peta nas portas dos locais de concertos de Galicia buscando datas para dar a coñecer as súas cancións. "Ter novo disco significa que hai que dalo a coñecer así que enfócoo como se fose promoción porque cómpre rular", explica esta artista coruñesa. Sés logra con esforzo trazar un calendario de actuacións e adaptarse ás circunstancias: "Os locais non poden pagar a bandas con moitos músicos, co cal facemos un formato acústico de dúas persoas e funciona moi ben".

En Galicia hai regulados 46 locais de actuacións integrados en Clubtura, a asociación de salas de música ao vivo. "Recibimos moitas propostas porque coa crise os concellos contratan moito menos e os grupos buscan nas salas unha alternativa", explica Paco Quintas, dono do Bar Liceum do Porriño, un dos espazos emblemáticos do circuíto de bares. Ademáis de ser o coordinador de Clubtura, Paco Quintas é o presidente da Acces (Asociación Cultural Coordinadora Estatal de salas), que agrupa uns 200 locais de todo o Estado. "Obsérvase un cambio de tendencia e agora os locais somos máis receptores a propostas que programadores ou promotores", reflexiona Quintas.

O Liceum é un dos locais que se nutre das actuacións que ofrece a Rede Galega de Música ao Vivo, promovida por Cultura. A Administración aporta unha porcentaxe do caché dos grupos e a outra parte póñena estes locais, que poden acoller unha media de cen persoas por actuación. Esta Rede creada no 2006 axudou a activar o circuíto invernal, ata ese momento disperso e descoordinado, e calcúlase que o pasado ano promoveronse uns 400 concertos en bares, segundo os datos que manexa Clubtura.

Todo este movimento de grupos, salas e concertos provoca que vaian xurdindo asociacións que recollen as demandas dos diversos axentes do sector. Entre eles están os músicos, que tratan de regularizar a súa situación desde a Asociación de Músicos ao Vivo, formada hai catro anos e na que hai cerca de 200 asociados procedentes dos estilos musicais mais variados. "Temos dado pasos importantes como regularizar a facturación, de xeito que a asociación centralice as facturas e que os músicos poidan estar dados de alta en cada actuación", afirma Max Gómez, músico de jazz e presidente desta asociación.

Gómez é tamén propietario da Salasón, en Cangas do Morrazo, e pode falar con criterio desde a perspectiva de ser músico e propietario dunha sala. "Hai moitas salas pero tamén hai mais grupos que nunca e non temos cabida para todos. A música está moi viva e non vai decaer por moita crise que haxa", opina Max Gómez, que programa entre 10 e 15 actuacións mensuais.

Hai varios modelos de pagamento a negociar cos grupos neste tipo de circuítos. Desde pagar un caché fixo, ou medio caché e taquilla, ou directamente que o grupo aboe un alugueiro pola sala. Hai locais como a Capitol de Santiago, se cadra das mais solicitadas de Galicia entre os espazos de tamaño medio, que traballa co sistema de alugueiro. Según a súa web, a tarifa básica está nos 820 euros, pero a partir desta cifra hai unha chea de extras que os grupos poden solicitar. "Nós non alugamos a sala porque pensamos que así se perde o criterio de programación. Queremos ter unhas liñas e buscar os grupos en vez de ter ofertas para alugar", explica Max Gómez.

"Ao final de onde podes sacar algo é só das copas, porque a veces empatas na taquilla", afirma Paco Quintas, que engade que "podes cobrar entre 5 e 10 euros máximo, e se hai un aforo de mais de cen persoas de pago xa é un bo día". Como sentencia Xosé Bocixa, cantante de Zenzar, veterano grupo de rock en galego, "hai moitas salas e moitos grupos pero pouco país". Un argumento tan contundente como realista.

Onde tocan os novos?

No medio de toda a ringleira de salas que programan e de grupos que tocan de bar en bar, xorde historicamente unha pregunta que ten difícil resposta: ¿onde tocan os grupos novos?. "Hai un gran momento a nivel de rúa e a nivel creativo, pero non se proxecta nin nas actuacións nos bares, nin nas institucións nin no apoio dos medios", critica María Xosé Silvar, Sés, que antes de lanzarse en solitario xa tivo a experiencia de buscar actuacións con Xámelle Xis, a súa anterior banda. "Os grupos novos estaban saíndo porque había unha rede de locais de ensaio e maior promoción de concertos, pero agora dáse unha certa desidia, por non falar da cobertura mediática, que máis ben é tapadura mediática porque os grupos novos non temos onde se fale de nós", denuncia Sés.

"Con tantos grupos os locais fixémonos máis selectivos. Hai oportunidades para os grupos novos pero non vale todo, hai que tocar ben", responde o músico e propietario da Salasón, Max Gómez. "Por moito que che guste programar e que sexas militante da música, podes meter un grupo novo de cando en vez, pero non moitos porque non garanten xente nos locais. É unha cuestión de tanta xente metes, tanto cobras", explica Paco Quintas, que engade un exemplo ilustrativo ao respecto. "Hai uns días tocou no meu bar Antonio Bartrina de Malevaje, un luxazo de músico e unha oportunidade única que chegou a través da rede do Ministerio de Cultura. Había pouco máis dunha dúcia de persoas, daquela iso dá que pensar. Xa non garanten entradas nin os mellores artistas", afirma Quintas decepcionado. Os veteranos aguantan como poden e os novos buscan bolos con dificultade, pero hai sempre un obxectivo que os une, como di Isaac Campos de Sugar Mountain: "Se non tocas non existes e por iso non podemos parar, tocar é a nosa razón de ser".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_