_
_
_
_
NOTAS A RODAPÉ

Martín Códax emigra a São Paulo

O pasado mes de agosto tiven a sorte de asistir no teatro Alfa, prestixiosa sala de São Paulo, á estrea mundial do espectáculo Sem Mim, sobre as cantigas de Martín Códax: unha prodixiosa treboada creativa a cargo do grupo Corpo, o conxunto de danza máis nomeado do Brasil. O galego Carlos Núñez e o brasileiro José Miguel Wisnik recrearon os sons do xograr máis inspirado dos nosos cancioneiros, en vibrante diálogo con músicas populares de hoxe. O coreógrafo Rodrigo Pederneiras plasmou aquelas melodías cativadoras nuns máxicos bailados. Coa escenografía, as luces e uns espléndidos vestiarios, o resultado final é engaiolante. Os catro galegos que nos atopabamos no público escoitamos, arrepuiñados os pelos todos do corpo, escandir "as ondas do mar de Vigo" a voces príncipes da música brasileira (Milton Nascimento, Ná Ozzeti, Chico Buarque), na inesperada compaña das pandereteiras de Xiradela. Ao rematar o espectáculo, a audiencia, enfeitizada, estourou nunha ovación exultante.

"Xa ten delito dedicarse á discordia a conta do idioma", di Códax

Como impulsado por un resorte, debruceime nos camerinos a dar os parabéns ao grande Carlos Núñez, para atoparme con que o noso músico non asistira ao evento. Xa me retiraba, amoucado, cando unha voz misteriosa, saída de ningures, me interrogou: "Queres cumprimentar a Martín Códax?". Desconcertado, respondín que, naturalmente, quería saudar o xograr de Vigo. Aí deu comezo unha conversa abraiante. Vouna contar.

- Os agravios do xograr. O primeiro que lle preguntei ao poeta foi o que lle parecera o espectáculo. "Que me vai parecer? Testísimo. Carlos e Wisnik déronlle unha volta ás miñas cantigas e insufláronlle novos bríos. Os bailaríns de Corpo fan maghas, como din na túa terra. A capacidade de Pederneiras para fusionar o clásico, o popular e o vangardista é portentosa, como sabe medio mundo que o aplaude". Códax latricaba un galego sorprendentemente vivaz. Pero na súa fala había un pouso de amarguexo: "O triste é que teña que saír da miña terra para conseguir este recoñecemento".

Ao ver que eu torcía o bico, o xograr púxose moito: "Decidín liscar de Galicia porque estou ata o curuto daquel ambiente irrespirable... Como pode o país confiar o seu futuro a un partido empezoñado de antigaleguismo, que non dá un peso pola lingua e a cultura de noso? Quen atura oír a unha concelleira de Cultura da mesmísima Coruña despotricando contra cousas 'demasiado gallegas'? E que mal lle fixo o galego ao alcalde, que anda encirrado contra el coma se fose unha alimaria? Eu véñome para este país, que afinca orgulloso nas súas raíces para afrontar con forza os retos do futuro. Aquí me queren, aquí teño lugar, aquí respiro. Na miña terra non".

- Recortando o noso futuro. Ademais de parrafear que daba xenio, o xograr estaba a par da actualidade política que metía medo: "Que me contas dos recortes en todos os ámbitos, incluíndo a cultura e a política lingüística? Saímos dun souto para meternos noutro. Xa ten delito dedicarse a sementar a discordia a conta do idioma. Pois, veña, medida tras medida, empéñanse en degradalo: nun par de anos, de cooficial baixou a semioficial, e de aquí a pouco quedará en quasi oficioso. Se teñen que meter a tesoira, que a metan por onde menos doe, que non deixen ao pairo os servizos municipais e os equipos de normalización dos centros educativos! Entre o clima social que a dereita fomenta contra o galego, a crise económica desbocada e os resultados electorais que anuncian as enquisas, non quero quiñón!".

Ía dicir algo, pero Códax non daba baza: "Xa te oín o outro día debatendo na radio coa líder de Galicia Bilingüe. Só sabe esbardallar, pero tenche moita ghavota! Será polo pulo que lle deron algúns medios de comunicación, co Partido Popular detrás. Manda truco coa prensa de Galicia!!! De onde lles virá esa teima contra o galego? Por certo, estamos a quedar sen medios na nosa lingua. Moita culpa tena a Xunta, xaora, pero fallaron máis cousas: malia o inmenso traballo dos xornalistas, cometéronse moitos erros, desde a xestión das empresas ata o produto final, e o mercado non respondeu como era de esperar. Aprenderemos a lección desta vez? Non imos ter medios en galego como é debido se non se ofrecen produtos ao xeito, feitos por profesionais competentes. Cómpren iniciativas independentes e plurais, abertas ás distintas audiencias".

Eu escoitaba regalando os ollos: "A cultura galega precisa públicos e os públicos hai que captalos con ofertas atractivas e cribles! Coñézoche a máis de un que badúa a eito polos recortes das subvencións da Xunta, e despois pasa de mercar unha publicación en galego, de ver os filmes galegos, de asistir aos espectáculos dramáticos e musicais... Profesores e mestres hai moi galeguistas que encargan os libros de texto das editoras de fóra no canto de apoiaren as nosas".

Nestas, púxose moi serio: "O peor é que carecemos dun horizonte de país e acabamos presos no provincianismo localista. Para iso, a cultura e a lingua de noso están de máis. Velaí tes o Alberto Feijóo, que comezou o mandato cheo de vento, batendo no galego en nome da liberdade e o cosmopolitismo, e arestora recolle velas. Será que a xente ventou que o cacarexado neoliberalismo cheira a calote que alcatrea. Pois na mesma trela vai o invento da imposición del gallego. A verdade é que o idioma foi e é sacrificado nos altares do centralismo altisonante de determinados círculos madrileños e do madrileñismo imitativo de parte das elites de Galicia. Altares en que oficia, por certo, Mariano Rajoy. Os desacordos que existían podíamos resolvelos nun diálogo sereno, querendo. Pero había que explotar o invento, mallando sen dó no idioma".

- Existe o pobo galego? Códax proseguiu case sen alento: "O pobo galego non existe: o que hai son xentes, xentiñas e xentallas. Quen pode facer país non quere e quen di querer non dá conta do recado: os donos dos cartos miran para o teito, os líderes políticos van ao deles, os intelectuais desisten, aborrecidos do desprezo polo pensamento que está de moda. O pobo anda a velas vir. Nadar a contracorrente acaba cansando. Por unha parte xa ti sabes e por outra, que queres que che conte?".

E rematou o desabafo: "O primeiro é termos claro que queremos a lingua como cerne dunha identidade orixinal. O idioma e a cultura galegas debían ser factores de unión, a súa normalización un desafío colectivo no que afortalármonos como sociedade segura de si, dinámica e creativa. A instrumentalización política, a curteza de miras e o afán monopolizador son nefastos, ademais de groseiros. Ás veces, os mesmos nacionalistas parecen non entendelo, e actúan como se fosen propietarios preferentes dun ben común. Pero que un partido de goberno fomente o desapego polo máis valioso do patrimonio público, iso é suicida. Queres un símbolo da desfeita? O desleixo do Códice Calixtino".

Os aplausos enmudeceran. A sala quedara deserta. As amoestacións do xograr zuníanme nos oídos. Asaltáronme as preguntas: o día de mañá, lembrarase de Martín Códax a terra que o viu nacer? Os nosos netos falarán a lingua en que cantaron os trobadores? Pasarán á historia os dirixentes de hoxe como responsables principais de esganar o noso futuro? E a máis punxente: u-la alternativa?

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_