_
_
_
_
Reportaje:

No Courel coa parte maldita

Reeditado 'Roxe de Sebes', o libro escrito polo filósofo Ignacio Castro durante o seu retiro de mil días na montaña luguesa

Fronte á negatividade abstracta que triunfa, como se non se puidese cambiar nada, "abrir a ferida". Se o pensamento non se pode representar, coller os marcos da propia singularidade e intentar entender a vida dun "nos momentos xerminais, iso que é case inefábel". Ultrapasada a Transición, a comezos dos 80, o filósofo Ignacio Castro (Santiago, 1959) ficou so, segundo escribe, "ao ver cómo boa parte dos camaradas podían cambiar a revolución, que eu vivira dun xeito místico, por un posto progresista no medio profesional e político".

No idioma deleuzián, o filósofo decidiu facer un movemento. Reconstruíu un casoupo do lugar de Roxe de Sebes (parroquia de Soldón da Seara, en Quiroga) ata "case facer un loft", con baño e todo, e illouse alí entre novembro de 1983 e decembro de 1989. O "lugar sublime" que buscara percorrendo as serras do Estado atopouno na cabana do Culán, paisaxe de Novoneyra -ao que coñeceu despois-, entre abelurias, xanzás, tollemerendas e outras flores da montaña de uz e carqueixa, enterrada pola neve en inverno. Ao primeiro, os veciños que o vían subir libros a pé ou en carro pensaron que aquel home traballaba para as pizarreiras que furan o monte. Castro viviu alí en tempadas de dous a catro meses, baixando cada quince días ao pobo para coller provisións ou tomar un whisky.

"Serviume para aceptar o mundo en fame; a mortalidade, tal e como é"

"Hoxe non podería facer nada parecido", convén no prólogo, "pero naqueles anos un saía adiante alá arriba con toda a forza dunha violenta necesidade, a propia de quen ten todos os outros camiños pechados". O libro, Roxe de Sebes, publicouno Noitarenga en 2001 grazas á teimosía de Emilio Araúxo. A Fundación Luís Seoane vén de reeditalo agora, no ronsel do ciclo Cabañas para pensar. Aquel proxecto quería explicar a relación de once creadores, de Wittgenstein a Virginia Woolf ou Dylan Thomas, cos seus espazos de creación. No que lle toca a Castro, no Courel sandou "aquela necesidade patolóxica de recoñecemento propia de quen non se recoñece no mundo". Entregándose directamente ao propio, como Heidegger, pero crendo, aínda, na posibilidade histórica de comunidade.

O libro, dividido en catro partes, as dúas últimas miniensaios (Mil días e Clima e acción), empeza co diario autobiográfico Caderno de intres, a xeito de monólogo místico, arrandeando entre o aforismo e a nota a rodapé -"bosques devoradores de tempo". Segue na sección Cartas dende a cabana, que funciona como "botellas que se botan ao mar". Sen resposta, dirixidas á familia e, nun dos casos, a Domingo García-Sabell. Como filósofo que libera a Marx dende Nietzsche e Deleuze, Castro aínda respecta ao reaccionario autor de Paseata arredor da morte.

Como tamén se relata no mito do retiro, a montaña acabouno botando fóra. "Penso que Roxe foi asumir que non hai revolución que nos libre do mundo", resume, tamén a través da cita de Rilke que introduce o libro: 'Quen fala de victoria? Sobrepoñerse é todo". A viaxe serviulle para aceptar "o mundo en fame". "A mortalidade, tal e como é". Ao pouco de volver a Santiago, antes de ir a Madrid, morreulle o pai, comprobou que non se pode vivir da escrita e opositou. Naqueles "votos de pobreza" cuñou o plano informativo da súa obra posterior. Tras Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia (Mínimo Tránsito, 2007), Ignacio Castro está a piques de publicar en Melusina Sociedad y barbarie.

Do "deplorábel Otero"

De 1986 e 1993, sobre Valle-Inclán e Dieste, son dúas das principais anotacións de tema galego incluídas no Diario anónimo -sen índice onomástico- de José Ángel Valente (Ourense, 1929-Xenebra, 2000), recén publicado en Gutenberg-Círculo.

Na segunda menciona unha lectura do autor d'A fiestra valdeira. Na primeira, cumpríndose o 50º aniversario da morte de Valle, separa a Castelao de Otero Pedrayo. "Ningunha das figuras que agromou fóra foi tan leal ao espírito do país", di Castelao sobre o arousán, ao que Valente engade o retruque do -escribe- "deplorábel don Ramón Otero", para quen o mellor de Valle "é o que ten de galego ao seu pesar, pero é home falso, malo, perverso".

Para Claudio Rodríguez-Fer, mantedor en Santiago da Cátedra Valente de Poesía e Estética, é factíbel -e algo inxusto- considerar que Valente sería industria cultural de nacer, por caso, en Cataluña: "A maior autoestima e riqueza permiten máis altura de miras". Arrimar ao poeta do silencio -"realista", engadía el- á cultura galega non ten a ver con desapegalo da súa literatura, a española.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_