Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Quen dixo eu?

A humanidade necesitou séculos para chegar a producir discursos sobre o eu. O camiño, ademais de ser lento, foi errático. Por moito que confiemos na universalidade dos sentimentos, non hai termo de comparación entre unha mensaxe de móbil e aquilo que Cicerón chamaba sermo intimus. As Confesións de Santo Agostiño, tal vez o primeiro exemplo de literatura do eu, son literalmente impensábeis en formato blog. Se cadra só Michel de Montaigne, capaz de asumir con naturalidade a súa incerteza, sería quen de sobrevivirlle a Facebook.

O impacto da literatura do eu nos últimos anos resulta indisociable dos procesos que definen o estado actual do capitalismo. A socióloga Eva Illouz ten analizado con perspicacia a imposición progresiva dun modelo social baseado na expresión dos sentimentos e no uso profisional das relacións afectivas. Nunha caste de ditadura sentimental, a instrumentalización das emocións favorece a emerxencia de produtos culturais tan diversos como as entrevistas de traballo, os reality shows, os libros de autoaxuda, as páxinas de contactos ou as redes sociais.

Os novos medios talvez cuestionen a teima estruturalista da morte do autor A voz en baixo continuo de 'Adiós, María' merece unha posición de honra

Neste océano da libre confesión, a medio camiño entre o exhibicionismo sentimental e o chico busca chica, hai quen cre asistir a un novo paradigma literario. Na segunda metade do século XX, o intelectualmente avanzado era postular o desprestixio da noción de autor ou a insignificancia dos axentes fronte ás estruturas. Era o tempo no que Barthes probaba os rigores do método estrutural no devalar da moda parisina. O tempo no que Foucault remataba As palabras e as cousas dicindo que o ser humano non era máis que unha pegada na area dunha praia. Quen os vería agora navegar entre mares de autocompracencia, armados coa luz precaria da súa intelixencia, desprovistos dun método co que poñer a proba un mundo tan escuro coma o noso.

Ao cabo, é comprensible que a posmodernidade escollese a vía tecnolóxica para esfarelar en milleiros de tuits o problema da representación do eu. Poida que os novos medios estean contribuíndo a cuestionar a vella teima estruturalista sobre a morte do autor. Baixo o imperio do eu, o único que a escritura electrónica consegue ditaminar é a morte da obra.

Ultimamente a única tentativa de dotar de profundidade a representación do eu parece ser a literatura testemuñal, moi vinculada á rememoración de traumas históricos como o terrorismo de Estado ou o Holocausto xudeu. Pero o problema da narrativa testemuñal é que cando acerta como narrativa adoita fracasar como testemuño. E viceversa.

Dende esta perspectiva, a escaseza dunha literatura do eu galega pode non resultar tan mala cousa. Mais neste incerto conxunto, hai obras merecentes dunha posición de honra. Entre elas, as cartas de Rosalía a Murguía, destruídas ou mutiladas, e por iso un símbolo precioso da súa (e da nosa) resistencia. A voz en baixo continuo da protagonista de Adiós, María de Xohana Torres. As evocacións d'O libro dos amigos de Otero Pedrayo, que demostran a importancia da amizade na formación intelectual dos escritores. Ou, chegando ao presente, os dietarios de Baixeras, sen dúbida o exemplo máis acabado desta forma no campo cultural galego.

Pero as fronteiras do eu non son estables. Podería alguén negar que en De Pondal a Novoneyra, ao tempo que debuxa un mapa da poesía galega contemporánea, Méndez Ferrín está a falar de si mesmo? Nun brillante aforismo, Nietzsche escribiu que criamos en Deus porque aínda confiabamos na gramática. Dende Oriente, outro deus predicou o carácter ilusorio do eu. Non fai falta ser deus para saber que a identidade é unha construción de escaso valor empírico e que moi a miúdo a primeira persoa é un erro da gramática. Desa intuición partiron sempre os escritores hábiles. Así o fixo o mellor autor galego do xénero que nos ocupa, cando nunha camisola estampou Eu nunca serei yo. Do que non se debe falar, mellor calar.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 7 de octubre de 2011