Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Benvidos ao planeta Antón Reixa

O CGAC abre hoxe unha exposición con pezas videográficas inéditas dun artista que tivo un papel sobranceiro na irrupción do audiovisual na arte galega dos oitenta

"Máis que nada considérome un poeta que utiliza o vídeo para ilustrar as súas palabras". A definición que da de si mesmo Antón Reixa pode levar a algúns a pensar que nos atopamos de novo fronte ao típico artista moderno que quere darlle unha aparencia seria ao seu xeito de gañarse a vida. Pero neste caso a cousa semella diferente. O primeiro que resulta raro é que a faciana de Reixa como videoartista non teña aparecido nos últimos anos. Agora é máis coñecido pola súa faceta de empresario ao fronte dunha produtora audiovisual ou como director de cine. Sinte a necesidade de volver a facer poesía cos seus vídeos se ten outras ocupacións? O non como resposta semella obvio.

A explicación ofrécea o propio Reixa: dende moi novo tivo claro que o que desexaba era escribir poesía, o problema é que os versos non dan de comer e por iso se dedicou a outras cousas. Pero a vena poética seguía presente en todo o que facía. Agora, 30 anos despois dos seus primeiros traballos audiovisuais, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) presenta a primeira exposición monográfica sobre a obra recente e pasada do que fora cantante de Os Resentidos. O planeta Reixa aparece en toda a súa dimensión na planta inferior do museo.

"Parto da perplexidade e fascinación que me produce a realidade"

Reixa redefine o concepto do absurdo e convértelo nun ben común

A mostra leva por título Lección de cousas e fai referencia ao primeiro manual do mesmo nome publicado en 1855 por E.A. Sheldon. É un sistema de educación intuitiva que se rexe polo principio "da cousa á palabra e da palabra á idea". O papel do mestre limitase a dirixir e a propoñer cuestións. Trátase de motivar e estimular a curiosidade do alumno. O que se propón Reixa coas súas pezas é algo semellante: ofrecerlle ao espectador imaxes audiovisuais e obxectos que induzan a unha percepción intuitiva de fragmentos de realidade. "Parto da perplexidade e a fascinación que me produce a realidade. Deíxome levar pola dialéctica do desconcerto e tamén traballo co concepto básico do estruturalismo, que di que pensamos coas palabras", explica. Pode semellar unha contradición mais o certo é que Lección de cousas está chea de imaxes. E debaixo de todas elas atopamos o influxo da palabra.

O público que visite a mostra atopará pezas nas que o propio Reixa aparece realizando unha performance e outras nas que se vale doutro tipo de imaxes para transmitir mensaxes do máis diverso. "Existe a felicidade inmobiliaria?", pregúntase no vídeo Brick. "Por qué berran os nenos e as nenas / É a infancia un paraíso perdido?", é o interrogante que se lanza ao espectador na instalación audiovisual Parque infantil. A provocación e a ironía que caracterizan a traxectoria artística de Reixa aparecen por todas partes nas oito pezas novas que forman o núcleo da exposición e tamén no repaso ao resto da obras realizadas hai máis tempo que poden verse no auditorio do CGAC. Alí ensínanse pezas moi representativas da súa obra coma Salvamento e socorrismo (1985) ou Ringo rango (1992).

Malia a diversidade de temas e elementos utilizados nos vídeos, unha das conclusións ás que se pode chegar é que Reixa redefine o concepto do absurdo para convertelo nun ben común no proceso da construción identitaria e social. O artista vigués aplica nas súas instalacións audiovisuais a teoría de que todo é cuestionable e ata as situacións aparentemente máis serias poden ter aberta unha ventá para a aparición do humor. Así ocorre, por exemplo, na peza vídeografica A solución Bukovski ou o barbeiro de Sadam, onde Reixa toma un elemento da realidade como foi a captura de Sadam Hussein para convertelo nun sainete no que acaba aparecendo un barbeiro galego.

O comisario da exposición é o propio director do CGAC, Miguel von Hafe, quen non coñecía a obra en vídeo de Reixa aínda que era consciente da súa importancia no panorama cultural galego. "Interésame a súa obra porque é unha figura que está máis alá dun artista plástico en sentido estrito. Ademais, é importante que no CGAC aparezan formatos diferentes aos habituais. A mostra que lle dedicamos serve tamén como complemento da exposición sobre o mundo da televisión que abrimos hai algunhas semanas", explica Von Hafe.

O comisario destaca a importancia que vai ter o catálogo da exposición, xa que nel se incluirán tres poemarios inéditos de Reixa, que ademais serán traducidos ao inglés, o que pode contribuír a espallar o seu traballo poético alén de España. "O que sustenta o seu traballo é a palabra e máis alá dos medios que utilice hai unha creatividade primordial coa que pode seguir diferentes camiños", sinala o director do CGAC, quen considera a Reixa o exemplo dun artista que dende un discurso moi enraizado no local é quen de facer obras cunha dimensión global.

En realidade, Reixa non se considera a si mesmo como un artista plástico. "As artes plásticas", advirte, "parten dunha habilidade que eu non poseo. O único que teño é unha certa habilidade coas palabras". O que recoñece Reixa é que na atmósfera cultural dos anos 80 había unha mestura de "frivolidade e tolerancia" que favorecía a interrelación entres as linguaxes artísticas, mentres que agora a vangarda artística se atopa "absorbida polo mercado".

Como voz autorizada para falar da industria cultural, porque traballou en ámbitos e posicións moi diversas, Reixa sinala que un dos maiores problemas ao que ten que enfrontarse agora a cultura en Galicia é que o actual Goberno autónomo non cre nun modelo de industrias culturais como o que comezou a agromar na etapa anterior do bipartito. "O problema é que Feijóo non cre que a industria cultural sexa unha industria, pero penso que debería entender que a cultura pode xerar riqueza, empregos e cohesión social", conclúe.

Sobre a Cidade da Cultura, o artista vigués considera un acerto a decisión do Goberno actual de paralizar as obras nos edificios do monte Gaiás que aínda non se atopaban nun estado de execución avanzado. "Seguramente isto era algo que debería terse feito con anterioridade. Está claro que é un proxecto que quedou desfasado, pero agora hai que darlle un uso racional. O que creo é que non debe ter un carácter prioritario e que queden sen atender outras áreas importantes", opina.

O artista fala destas cousas con coñecemento de causa, mais sen querer sentar doutrina. Reivindica a palabra "depende" como resposta fronte aos que tratan de convertela nun estereotipo que reflicte o peor do carácter dos galegos. "Para min dicir 'depende' é moito mellor que responder 'si' ou 'non', porque iso sempre ten algo de autoritario", razoa.

Seguramente a maior contribución que lle recoñeza a historia a Reixa sexa a de conseguir ter demostrado que o humor e a ironía galega non é tan estraña como algúns cren. Foi capaz de converter nun fito da música galega aquel Fai un sol de carallo, e foron moitos, dentro e fóra de Galicia, os que souberon entender a ironía poética desa frase. Ao final, vai ser verdade que o poder da poesía é máis forte do que cremos. Dende logo, Antón Reixa semella pensalo así.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de junio de 2011