Unha morea de museos na procura de senso
A proliferación de centros dedicados á arte contemporánea non se corresponde coa demanda do público
Antes de que remate o ano está prevista a apertura do Museo de Galicia na Cidade da Cultura. En principio esta sería unha moi boa noticia, xa que permitirá á comunidade autónoma contar cunha nova infraestrutura para achegar cultura aos cidadáns. Porén, máis alá do eterno debate sobre a funcionalidade do complexo do Gaiás, o novo museo fai aflorar outra discusión: é necesario e saudable seguir abrindo centros de arte e museos en Galicia cando os que xa están abertos semellan non ter os contidos necesarios para atraer ao público?
A cuestión cobra aínda máis importancia en tempos en que os recortes orzamentarios están a afectar gravemente a todos os ámbitos da cultura e tamén, por suposto, aos museos e aos centros de arte. Hai algúns anos, case todo o mundo coincidía en sinalar que Galicia aínda contaba cun importante déficit de infraestruturas no eido cultural. Agora o debate mudou e a pregunta é se existen ideas e espectadores abondo para unha morea de centros de arte, museos e pequenas salas espalladas polo país. Quizais o modelo de contedores sen contido que neste momento ten a súa máxima representación na Cidade da Cultura non sexa totalmente novo en Galicia. Tampouco é unha novidade no país o modelo de multiplicar infraestruturas para non quedar atrás respecto do veciño. Non hai que ver máis que proliferación de aeroportos que converteu a Galicia no lugar con máis quilómetros de pista de aterraxe por habitante do mundo. Outra cousa é que non haxa moitos voos. Algo semellante aconteceu no terreo da cultura.
O modelo de contedores sen contido non é novo en Galicia
O CGAC e o Marco desenvolven unha estratexia "errática", segundo Penelas
A fusión das caixas tamén puxo de manifesto as duplicidades existentes en canto a centros culturais, coleccións de arte e políticas expositivas. Durante os vindeiros tres anos, as fundacións de Caixa Galicia e Caixanova seguirán existindo como tales. E, entrementres, emprenderon un proceso de fusión que deberá enfrontar problemas coma a convivencia de dous modelos de programación cultural moi diferentes e a existencia de moitos centros culturais e espazos artísticos. No caso de Santiago, por exemplo, a nova caixa conta cun total de catro espazos destinados á cultura e non será doado dotar a todos eles dunha programación que achegue cousas distintas ás que xa se fan noutros espazos culturais da cidade.
O director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea, amosase optimista e apunta que todos os centros expositivos da caixa contan cunha programación pechada "a medio prazo" e non teñen previsto, polo momento, reorganizar o uso dos espazos cos que conta a entidade. Ao seu xuízo, o complicado intre económico tampouco vai ser un obstáculo insalvable: "Estou convencido de que os fondos para as exposicións serán abondo para os obxectivos que nos marcamos".
En todo caso, semella moi difícil que volvan os tempos en que a antiga Caixa Galicia organizaba grandes eventos, como o que supuxo a mostra de Frida Kahlo en Santiago ou a de Tamara de Lempicka en Vigo. O recente patinazo ocorrido cunha mostra da caixa en Vigo e Santiago, con obras de arte da colección Zanchi que resultaron non ser auténticas tamén indica que hai que ser moi coidadoso co que se fai. Unha boa reputación leva anos construíla, pero pode destruírse en poucos días.
Brea explica tamén que a política da entidade nos vindeiros tempos seguirá sendo a de ofrecer unha programación de exposicións de calidade e, ao mesmo tempo, non perder de vista a promoción dos artistas galegos a través da organización de mostras e da súa divulgación. Ademais, a entidade conta agora cunha gran colección de arte froito da fusión das dúas xa existentes. "É unha colección viva, en permanente crecemento e estudo, cunha vertente divulgativa que tratamos de fomentar continuamente", engade.
As dificultades orzamentarias son especialmente preocupantes no caso do que ata o de agora ten sido o principal referente da arte contemporánea na comunidade autónoma, o CGAC. O seu director, Miguel von Hafe, é contundente ao sinalar que, se continúan as restricións financeiras, que nestes momentos afronta o centro (redución do seu orzamento nun 50%) haberá que "mudar o perfil" e "deixar de seren o referente nacional e internacional que é hoxe en día". O director explica que o CGAC nestes momentos non está cumprindo coas súas obrigas financeiras e "acumula unha débeda por retraso nos pagamentos de actividades realizadas no 2010 verdadeiramente preocupante". A falta de fondos vai camiño de se converter nun atranco moi importante para o futuro da institución.
No Marco de Vigo a situación semella mellor. O seu director, Iñaki Martínez, sinala que tamén sufriron os recortes pero mantense a aportación do Concello de Vigo que supón mais da metade dos seus ingresos. De todos os xeitos, a crise nótase en cousas como que a recente mostra retrospectiva sobre a obra do fotógrafo Virxilio Viéitez se mantivo nas salas do museo durante máis meses dos inicialmente previstos. O museo abriu recentemente unha mostra sobre o traballo do artista británico Martin Creed, un proxecto que levantou certa polémica xa que diversos críticos consideran que o que pode verse en Vigo é unha obra moi menor de Creed. Martínez apunta que, entre outras cousas, a exposición está permitindo traer ao museo a un público adolescente que non acostuma visitar estes espazos. Ademais, salienta o reducido coste de produción dunha mostra que consiste nunha instalación que enche de globos a planta baixa do museo.
O crítico de arte e comisario independente Seve Penelas explica que o panorama fragmentario que presentan os museos e centros de arte en Galicia correspóndese coas peculiaridades sociais e culturais do territorio. "Igual que temos tres aeroportos nun territorio moi pequeno, contamos cuns 25 centros artísticos relacionados coa contemporaneidade en apenas sete cidades", indica. Ao seu xuízo, o CGAC e o Marco desenvolven unha estratexia "errática" e ás veces con proxectos que se preocupan pouco polo público e van dirixidos máis ben ao "mundillo" da arte contemporánea. No caso da citada exposición de Martin Creed no Marco, por exemplo, considera que é "unha coladera de libro. Temos cousas en Galicia que son infumables, pero tamén as hai entre as que veñen de fóra".
Penelas non considera que os novos artistas galegos teñan especiais dificultades para presentar os seus traballos nos espazos existentes na comunidade autónoma porque "en xeral os artistas saben procurarse a vida moi ben". De todos os xeitos, sorpréndelle que pasen cousas coma que un artista portugués de escasa transcendencia internacional teña nestes momentos unha instalación no CGAC e non se reserve este tipo de iniciativa para artistas galegos. "Tampouco entendo que na última exposición sobre pintura celebrada no CGAC non houbese ningún artista galego. En Galicia temos moitos pintores e seguro que algún deles podería estar nesta mostra que, ademais, me pareceu unha das máis planas que se fixeron no centro nos últimos anos", sinala o crítico. O Marco prestou máis atención aos novos artistas galegos nestes últimos anos. En 2011 exporán no museo vigués Loreto Martínez Troncoso, Amaya González Reyes e Rubén Grilo, dentro do ciclo Entrar na obra. No CGAC a presenza galega neste ano limítase á próxima exposición sobre os traballos de vídeocreación de Antón Reixa.
Aparte dos espazos aos que xa fixemos referencia hai que resaltar a existencia doutros centros e institucións de referencia en Galicia que contan cunha programación estable de arte contemporánea. O Macuf da Coruña, a fundación Luis Seoane tamén nesta cidade e as sedes de A Coruña e Vigo da Fundación Barrié de la Maza son os máis representativos.
As súas liñas de actuación son moi diversas e por iso bótase en falta unha maior coordinación entre eles. Ás veces coincide a inauguración de dúas exposicións ao mesmo tempo nunha mesma cidade e, noutras ocasións, pasan semanas e incluso meses sen que haxa un evento destacado. Seguramente a Fundación Barrié é a institución que mantivo unha liña expositiva máis coherente nestes últimos anos xa que a maioría das súas exposicións se centraron no deseño e a fotografía. Quizais sexa o exemplo a seguir.
Incógnitas sobre o próximo espazo do Gaiás
Sobre o Museo de Galicia, que abrirá as súas portas antes do final deste ano, de momento sábense poucas cousas. Algunhas persoas que tiveron a oportunidade de visitalo por dentro comentan que o seu deseño interior é espectacular, pero que vai a resultar difícil realizar exposicións porque non é un espazo que reúna unhas condicións especialmente boas para iso. Semella que o arquitecto Peter Einsenman non se interesou demasiado polas cousas que preocupan aos artistas no momento de expoñer as súas pezas.
Nunha comparecencia no Parlamento galego, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela,explicou que o museo vai a estar baleiro durante algúns meses para que se poida apreciar axeitadamente a arquitectura do mesmo. Despois terá lugar a primeira mostra que repasará a historia da pedra na arte galega. A partir dese momento, o único que se sabe é que o museo albergará cada ano "unha exposición de referencia", segundo explica a Consellería de Cultura.
Non está claro que tipo de mostras vai albergar o centro. Tampouco se sabe nada sobre a proposta que fixo o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Miguel von Hafe, para que o museo do Gaiás poida abeirar a colección do centro. O propio CGAC non conta cun espazo suficiente para exhibila axeitadamente. O que ten claro Von Hafe é que o novo museo non pode asumir unhas funcións semellantes ás do CGAC. A biblioteca da Cidade da Cultura xa acolleu unha mostra de arte contemporánea e a posibilidade de que estas prácticas se estendan resulta moi preocupante para o futuro do CGAC, xa que quedaría moi relegado se as grandes mostras se trasladan ao Gaiás.
O crítico Seve Penelas considera que se o novo museo vai a abeirar grandes exposicións temporais de elevado orzamento, isto vai a acabar prexudicando ás políticas culturais que se poidan facer dende a Xunta. "Agora vai resultar que o importante é a Cidade da Cultura e imos esquecer a traxectoria do CGAC. O que me parece ben é que a colección do centro vaia ao Gaiás. Pode ser unha boa alternativa para darlle visibilidade", comenta.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.