Country soul en tempos duros
Ataque Escampe enfocan a música negra no seu terceiro disco
En Galicia es una mierda (2008) describiron a decepción tras a queda do fraguismo e con A grande evasión (2009) decidiron que aquí non se podía vivir. Todo enredado en vimbios acústicos, aire americana e letras de alta gradación sarcástica. Pero os tempos mudan e a resposta estética a eles, tamén. "Vai vir unha época de moita violencia", sinala Samuel Solleiro, "violencia en sentido sobre todo negativo. Este é un disco feito en tempos difíciles". O guitarrista e operador de banjo fala de Violentos anos dez, o elepé co que Ataque Escampe se renden á tradición musical afroamericana e transitan un mundo de incertezas e opresión estrutural.
"Os discos anteriores eran demasiado irónicos, demasiado sarcásticos", considera Solleiro, "este resulta máis comprometido, máis emancipador". Non máis escuro, porén. Na terceira incursión fonográfica da banda, o soul de finais dos sesenta tinxe arranxos, progresións de acordes e mesmo poética. "É curioso, o noso título máis político é á vez o máis alegre", expón, "e pasou de maneira natural". Existen, segundo Solleiro, razóns obxectivas para esta síntese: "Coincidiu que os cinco membros da banda nos puxemos a escoitar música negra, sobre todo soul. E no soul dun certo momento hai unha tradición política de protesta relacionada coa alegría".
Curtis Mayfield titulan a canción adianto de Violentos anos dez. Con préstamos da poeta Xiana Arias constrúen unha música arrimada, violíns e puntuación de coros femininos mediante, aos experimentos country soul de, por caso, os estadounidenses Lambchop e homenaxean así ao autor de Superfly. "Si, Lambchop ou cousas de Yo La Tengo é o máximo soul ao que podemos aspirar", concreta, "salvando as distancias en canto a pericia musical, por suposto". A electrificada Misión de audaces -a paisaxe western continúa ao fondo- tamén encaixa nesas coordenadas. "Non hai onde ir / nos anos dez a vida é así [...] cun sorriso de rinoceronte e os acordes de Search & Destroy", canta Álex Charlón, xusto antes de citar, literalmente, ás Supremes. Festa malandrómica é a transmutación neofolk do hip hop de Malandrómeda, unha aposta arriscada resolta con mestría.
"Quero que soe a madeira". Esa foi a palabra de orde do técnico que rexistrou os dez cortes de Violentos anos dez. Logo de traballar con Marcos Paino en A grande evasión, foi Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro, de Friol, quen se puxo aos mandos. "Aínda que non foi o produtor do traballo, eses fomos nós", sinala Solleiro, "implicouse máis alá do seu papel de técnico e foi moi positivo. Cando dixo aquilo da madeira, non sabiamos se era bo ou malo. Finalemente era bo".
Da man de Vaquero, Ataque Escampe parecen abandonar a súa propia autodefinición xenérica, o rock de serie B. "Dende que descubrimos o termo sempre intentamos abandonalo", ri, "pero xogamos adrede coa idea de rock de serie B para explicar os noso erros, algúns voluntarios, outros non".
Violentos anos dez estará nas tendas, con licenza creative commons, a comezos de maio.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.