Cultura na sala de estar
Concertos en pisos ou exposicións no recinto onde vive o pintor - A crise e a Rede empuxan á xente cara a modos pequenos de relacionarse a través das artes
Nun piso de Vigo, varios artistas plásticos reúnense e deciden montar a exposición Viejóvenes valores para mostrar as súas creacións ocupando cociña, váter ou salón. Moi cerca deste piso, o músico Nicolás Pastoriza comezará en breve un ciclo de actuacións na terraza da súa casa. En Santiago, os singulares concertos da Habitación de Felucas son, logo dun ano, un dos espazos creativos mais orixinais da cidade, e o actor Rubén de Marina busca saídas a súa peza teatral Bruxismo, representándoa a domicilio nos salóns de casas particulares. Son algúns exemplos de como, en tempos de interminables debates sobre o xeito de encher de contidos megaespazos como a Cidade da Cultura, paradoxalmente, xorden grupos de artistas que reivindican o microespazo doméstico e demostran que hai outro xeito de enfrontarse ás accións culturais. Son minieventos orixinais, indiferentes ante o vaivén das subvencións e cun obxectivo claro por enriba de calquera outro: ganas de expresarse e dar a coñecer as súas creacións, aínda que o aforo só dea para -unha ou dúas ducias de persoas.
A estes minieventos, o vaivén das subvencións élles indiferente
"O público está saturado do prefabricado", di o artista Pintos
Para Xavier Valiño, "estas cousas móvense moi ben nas redes sociais"
En Madrid, os espazos dedicados ao microteatro causan furor
"Queriamos montar un evento e facelo nós de principio a fin. Non pararse a pensar nunha sala de exposicións, porque xa tiñamos unha casa, e apetecíanos traballar no reparto de espazos e organizala", explica o artista Germán Pintos, que nestes días expón as súas instalacións nun antigo piso na zona de Churruca, unha das zonas de copas mais concorridas de Vigo. A exposición Viejóvenes Valores, reúne a nove artistas, entre os que hai fotógrafos, escultores, pintores ou ilustradores, que "tomaron" coa súa obra todos os espazos deste piso ó que decidiron bautizar como o Falcón Milenario. Desde a cociña ata o corredor, e desde o váter ao salón, toda a casa foi invadida coas obras destes artistas, que andan nos "trinta e tantos", bromea Pintos. A pesar de que a casa só se abre os venres, de 20 a 23 horas (Rúa Cervantes 18, 1º), a iniciativa está a ter un éxito que está desbordando ao propios organizadores. "Inauguramos hai unha semana, e houbo tanta xente e espertou tal expectación nos medios que xa nos están pedindo para facer mais cousas a posteriori", explica Germán Pintos, que o mesmo día da inauguración chegou tarde e tivo que esperar na rúa debido á xente que ateigaba o piso.
Por que unha exposición colectiva nos espazos dun piso lle interese tanto á xente? "Paréceme que o público está saturado do prefabricado, do consumo masivo e dos hipermercados culturais. Eu non renego deles, pero ese aspecto mercantil quítalles frescura e autenticidade, xusto o que ofrecemos na nosa exposición. É como falar de fast-food e de slow-food, e isto é para degustar con calma", teoriza Pintos, ao tempo que explica como "este tipo de iniciativas en Europa están a orde do día".
En Holanda naceu Live in the living (Ao vivo no salón), unha destas iniciativas de pequeno formato, que hai uns meses tivo a súa extensión galega. Ao músico Rick Treffers, líder da banda Mist, ocorréuselle dar concertos en salóns de casas particulares, onde non entraran mais de 20 persoas. Empezou en Holanda, e logo expandiu a súa idea a Alemaña, e posteriormente a Madrid e Barcelona. Coñecedor da idea, o crítico musical Xavier Valiño contactou co músico e cedeu para o evento a súa casa do concello coruñés de Teo. Valiño convidou aos grupos galegos Nadadora e Nouvelle Cousine a tocar na súa casa, para un máximo de 40 persoas, tocando sen micros nin amplificadores, volvendo á esencia da música. "Isto non é para facer todos os días, pero a moita da xente que veu gustoulles a idea e xa querían facer algo semellante", explica este crítico musical lugués colaborador de Ruta 66 ou Mondo Sonoro.
Valiño ten a súa teoría sobre o fenómeno dos microeventos: "As multinacionais musicais xa non son o que eran, e estas cousas minoritarias móvense moi ben nas redes sociais e espállanse con facilidade. Asisten poucas persoas físicamente pero pode ter tanta repercusión e promoción como algo moito mais grande". Nesta mesma liña está a opinión do sociólogo Xosé Ramón Nóvoa, responsable de distintos proxectos de comunicación, como o blog de tendencias hellogalicia.com. "Está habendo unha volta mais de parafuso, que ten moito que ver coas redes sociais e co xeito de amplificar as cousas pequenas, como se fose o alternativo do alternativo", explica Nóvoa, coñecedor e seguidor de canto proxecto orixinal se move en Galicia.
"Ante todo hai unha necesidade de expresarse e actuar nun salón dunha casa é un xeito diferente de mostrar o teu traballo", di Rubén de Marina, actor galego que nestes momentos representa en Madrid a obra Bruxismo, que el mesmo escribiu. Co seu compañeiro Alvar Zarco e a súa compañía Fotosíntesis Teatro, De Marina representa a súa obra en pequenos espazos teatrais, ao tempo que explora con gran aceptación un novo e orixinal circuito: os salóns das casas particulares. É o seu particular xeito de abrirse camiño no difícil mundo da interpretación.
"En vez de facerlle a alguén un agasallo dun anel ou un reloxo, pois agasállano cunha obra de teatro na casa, e xúntanse 20 ou 30 persoas no salón vendo a obra", explica este actor do Porriño que xa leva cerca dunha decena de representacións en diversos domicilios da capital. En cada representación só precisa dun sofá e dun equipo de música, e a obra ten un prezo duns 300 euros. A mediados de xuño poderase ver Bruxismo no Teatro Ensalle de Vigo, cidade onde xa pechou dúas actuacións en casas particulares, ademais doutras ofertas que está a recibir para actuar nese mes en diversas cidades de Galicia. En Madrid, os espazos dedicados ó microteatro causan furor nos últimos meses, con casas dedicadas por enteiro a representacións teatrais, sempre inferiores a 15 minutos, ás que un grupo reducido de público vai asistindo de cuarto en cuarto.
"Como actor é unha experiencia incrible, de expoñerse moito, porque a xente está aí pegada a ti, dentro da túa historia, seguíndoa moi preto e igual é xente que habitualmente non vai ao teatro. Entras na casa sendo un actor e saes sendo un membro da familia e só por iso paga moito a pena vivilo", explica sobre a experiencia persoal deste formato que naceu de xeito espontáneo, ensaiando no propio salón da súa casa.
Esta mestura de público, entre cálida e extraña, que se da neste tipo de microeventos, ten algunhas variantes: a veces, o espazo é tan reducido que só dá para convidar aos colegas, como pasa coa Habitación de Felucas en Santiago, unha habitación sen mais, na que o seu propietario, Félix Casteleiro, Felucas, se dedica a convidar grupos a tocar no seu dormitorio, para logo colgar os videoclips na rede. "Isto facémolo como un xeito de compartir unhas birras, compartir a música que se está facendo e tratar de dalo a coñecer a outra xente", explica Felucas, resumindo a filosofía do seu inclasificable habitáculo, co cal leva axitando a escena musical hai xa cerca dun ano.
"Agora xa se fixo demasiado coñecido e xa sabe todo o mundo onde vivo, o peor é que tamén se enteraron os veciños e só hai show unha vez ao mes", bromea Felucas. Por esta habitación pasaron punkis como Novedades Carminha, hip-hopeiros como Malandrómena ou ye-yés como Los Chavales, cuxas actuacións están colgadas na web opachavales.com. "Como non hai medios nin cartos para promocionar certas cousas, a xente fainas como pode e así saímos adiante. Hai xente que segue o nos proxecto en Estados Unidos ou Corea e iso xa nos satisfai", comenta o promotor deste singular espazo ubicado no casco histórico de Santiago e que acolle aproximadamente a unha ducia de persoas en cada actuación. "O mellor de todo é que os grupos aluncinan coa experiencia e o público marcha moi contento, é un concepto diferente", explica Felucas, nunha opinión que comparten tamén outros dos organizadores deste tipo de minieventos.
"Dá a impresión que se fixésemos Viejóvenes valores nunha sala de exposicións normal non viría a xente que veu visitar os espazos do piso, e seguramente está a ter moita mais repercusión do que tería noutro sitio", explica Germán Pintos no que se refire ao caso da súa exposición colectiva. Non é o caso das actuacións musicais. Para o crítico Xavier Valiño, detrás da emerxencia deste tipo de pequenos espazos existen outros problemas. "As salas de concertos están a cobrar alugueiros moi elevados, daquela é mais doado e igual mais efectivo facelo no salón da túa casa. Total, hai concertos en salas grandes nos que somos 30, case igual que nun salón, coa diferencia de que o salón aínda é máis cálido e máis cercano", ironiza este crítico musical. O sociólogo Xosé Ramón Nóvoa aporta outra peculiar teoría á moda de facer actividades en pequenos espazos. "Isto é como se che gusta moito un artista que non é coñecido, e de repente entra nos 40 Principales e vólvese moi masivo. Cando o escoita todo o mundo a ti xa non che interesa. No fondo encántannos as minorías, que teñen como un punto de exclusividade", explica este especialista en tendencias. Nóvoa remata cunha irónica sentencia: "Claro, estas propostas tamén levan a etiqueta de cool, que iso vende moito". Se teñen un salón, unha boa terraza, unha habitación ou un espazo singular, xa o saben, a súa case pode ser unha factoría cultural en potencia.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.