Galego, científico e cineasta
A descuberta de parte do documental 'Galicia' devolve ao primeiro plano a figura de Carlos Velo, figura chave da arte fílmica e da cultura galeguista e republicana
Todos os ciclos vivenciais de Carlos Velo ábrense e péchanse en Cartelle, referente insustituíble e metáfora do país de pertenza. A súa vocación entomolóxica medra arredor de Coto Novelle, e alí ten a intuición de que o cine é un instrumento válido para a comunicación científica, defendendo a súa tese de doutoramento en Ciencias Naturais cunha película, a primeira que realizou, sobre as relacións das abellas no interior da colmea. Volve a esa vila ourensá para rodar unha parte de Galicia, consciente da necesidade de urxir unha transformación radical do sistema de traballo na terra. Esconderase nela con Marylin, a súa primeira muller, aos poucos días do golpe militar do 36. É alí onde comeza realmente o seu exilio, cando está a punto de ser descuberto por falanxistas que o buscan por terse significado como republicano e líder estudiantil. "Fuxe, que nos comprometes", escoitou doorido en boca de seu pai.
Como dirixente estudiantil, tiña fío directo co ministro Fernando de los Ríos
Súas son as primeiras mostras de cine educativo e científico en España
"Fuxe, que nos comprometes", díxolle seu pai tras o golpe do 36
A través dos irmáns Lourenzo entrou en contacto con núcleo da Xeración Nós
Chega con papeis falsos a Sevilla, pasa a Marrocos enrolándose nun equipo de Cifesa que traballa na película Yebala, e aproveita para escapar a Francia, onde deixa a Marylin, para reincorporarse de seguido en Barcelona ao Servicio Cartográfico do exército republicano. Acabou no campo de concentración de Saint Cyprien, embarcando pouco despois no Flandre, unha embaixada flotante de exiliados aos que México e o seu presidente Lázaro Cárdenas recibiron cos brazos abertos.
É a Teoría do nacionalismo galego, de Risco, o que intelectualmente incentiva de primeiras a un estudante que se prepara para entrar la universidade. A través dos irmáns Xusto e Xocas Lourenzo ten acceso ao núcleo ourensán da Xeración Nós. Aínda non avanzaba a doutrina política do galeguismo propostas sociais, pero deses contactos deriba unha inicial toma de conciencia da súa condición de cidadán galego. Nunca se desprendería dela, nin sequera cando as ideas risquianas perden valor para el ao confrontalas coas teorías marxistas que absorbe cando chega ao Madrid universitario e republicano. Nesa ruptura pesan tamén as teorías científicas dos seus profesores de Mediciña -dous anos- e de Ciencias Naturais -Bolívar, Janet, Varela e o vello Cajal, entre outros-, ao confirmar que a teoría do galeguismo non é suficientemente rica e dúctil para confrontar as súas propostas co cambio social que urxía Galicia.
Todo iso abre un tempo de crise na súa vivencial e radical esixencia permanente de volta ás orixes, e asume con todas as consecuencias un compromiso estable cos postulados republicanos. Tras entrar na FUE (Federación Universitaria de Estudiantes) de Ciencias, axiña os dirixentes da Institución Libre de Enseñanza o escollen para que recorra as universidades españolas movilizando aos estudantes co seu discurso a prol dun ensino laico, e en contra de que accedan a cátedras os profesores que proceden dos centros que os xesuítas teñen en Deusto e Areneros.
O periplo acabou dándolle o control da asemblea xeral das FUE españolas, saíndo dela elixido presidente da nova UFE (Unión Federal de Estudiantes de España), e como tal, un interlocutor directo co ministro Fernando de los Ríos. Ese protagonismo universitario, así como o seu activismo na institución e máis tarde nas Misións Pedagóxicas, maduran o seu compromiso político, científico e artístico.
Faino sen deixar os estudos de Bioloxía, ciencia da que posteriormente será profesor no Museo de Ciencias Naturales, e abríndose ao coñecemento das vangardas cinematográficas a través do Cine Club Universitario, que contribuíu a fundar contando co apoio de Buñuel e demais habitantes da Residencia de Estudiantes. Vaise encargar el mesmo de viaxar a Francia para programar en Madrid o cine social e artisticamente máis comprometido. Axiña se sentiu seducido pola forza transformadora das imaxes e pola funcionalidade da montaxe nas películas rusas de Duvjenko, de Pudovkin e moi especialmente de Eisenstein, pero tamén polas formas de narratividade e capacidade comunicativa captadas na ensamblaxe fílmica dos documentalistas ingleses, na eficacia compulsiva da obra do holandés Joris Ivens, na poética antropolóxica que achega o cine de Flaherty.
Con esa ferramenta avanza procesos de creatividade ligados co ideario republicano e co seu afán por divulgalo e explicalo. Velaí os documentais La ciudad y el campo, Felipe II y el Escorial, Castillos de Castilla e Almadrabas. As primeiras mostras de cine educativo en España. Pero tamén Infinitos, a primeira mostra de cine científico. Galicia é caso aparte. A película, desaparecida e reaparecida en fragmentos, foi produto da necesidade vital que tiña de volver a reencontrarse coas súas orixes despois dun prolongado e tenso distanciamento -"Bóveda reconcíliame co galeguismo", confesoume naquela inolvidable viaxe a Cartelle, en 1977-.
Tempo de exilio: mestre e creador
O que veu despois reproduce en Carlos Velo ese caleidoscopio de personalidades, pero en México, a súa forzosa aínda que gozosa patria de adopción. Como profesor de Ecoloxía, tendo como alumno a quen máis tarde sería presidente Echeverría, primeiro, e máis tarde como documentalista e fundador de centros de formación para o cine e a televisión, nos que se formaron varias xeracións de cineastas e creadores audiovisuais, acabou sendo un referente nos ámbitos intelectuais, culturais e profesionais do país azteca. Puxo en marcha os Noticieros, entregas semanais de xornalismo cinematográfico que se proxectaban nas salas comerciais. Ata que Barbachano Ponce, o verdadeiro patrón na produción do cine mexicano, o asocia a Tele-Producciones para encargarse da realización de Telerevista. E retoma as curtametraxes -Homenaje a León Felipe, Universidad comprometida, a serie que sobre as Brigadas Internacionais lle encargaría nos oitenta a Filmoteca Española-, formato no que foi un recoñecido mestre ata os últimos días da súa vida. Sen abandonar nunca a súa vocación científica, que se manifesta en numerosos documentais cinematográficos e televisivos, algúns deles inspirados nos traballos de Jean Painlevé.
Co docudrama Torero, do que dixo Sadoul que fora realizado "cun material que rebasa ao toreo e aos matadores", Carlos Velo entra na historia do cine. Acode a Cannes para recibir o premio e o aplauso unánime da crítica internacional. Outra película, Raíces, tamén premiada noutra edición dese certame, leva a súa marca, acabando de dirixila e de editala ao deixala a medias Benito Alazraki. Con Pedro Páramo, a película baseada na novela do seu amigo Juan Rulfo, contando cos tamén amigos García Márquez e Carlos Fuentes na elaboración do guión, Velo desafía distancias e culturas para interpretar esa historia de trasuntos e almas en pena en clave valleinclanesca, galega. En momentos de crise económica, veríase forzado a aceptar varios proxectos comerciais, dos que sempre renegou.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.