"Facemos o que podemos"
As agrupacións arxentinas tamén se preocupan pola situación da lingua
Traballar pola cultura dun país é a miúdo labor duro e solitario, sen satisfaccións concretas. En Buenos Aires existen actualmente unha morea de entidades e asociacións que teñen coma tarefa principal difundir a cultura dunha terra que se atopa a 10.000 quilómetros de distancia. A preocupación pola situación da lingua entre os máis novos e os desexos por fortalecer os vencellos con Galicia son algunhas das cuestión sobre as que falan María Barbeito, presidenta do Instituto de Cultura Galega de Buenos Aires, Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos, Patricia Alonso, membro do grupo Herbas de Prata, e Gustavo Fernández, presidente da fundación de cultura galega Xeito Novo. As catro entidades traballan, case sempre de balde, por manter vivos aspectos da cultura da súa terra de orixe.
Fernández: "Non se nos pode pedir aos netos o mesmo que aos avós"
Alonso: "É difícil atopar libros en galego e iso é ben preocupante"
Pregunta: Goza de boa saúde a cultura galega en Buenos Aires?
María Barbeito: Vexo un rexurdimento duns anos para acó. Sempre se poden facer máis cousas, pero o que resulta moi positivo é que se dá paso á xuventude e hai moitos netos de emigrantes que fan traballos de investigación relacionados con diversas áreas da cultura galega. Sería boa unha maior colaboración entre nós mesmos para facer máis cousas en común.
Gustavo Fernández. A segunda xeración da emigración afastouse de Galicia por diferentes razóns e a terceira volvemos achegarnos. Non se nos pode pedir aos netos dos emigrantes que teñamos o mesmo sentimento que aos avós. Temos outro. Por exemplo, na nosa fundación traballamos cos bailes e músicas tradicionais e misturámlos con outras culturas. Iso tamén é enriquecer a cultura galega.
Patricia Alonso. A min gústanme os cantos e danzas que lles gustaban aos meus pais, pero tamén os novos. Os primeiros fillos dos emigrantes padeceron a dor da emigración, nós xa o vivimos doutro xeito. Tamén houbo fillos de galegos que tiñan vergoña da súa orixe. Eu non o vivín na miña familia pero coñezo moitos casos. Á nosa asociación, creada en 2007, chegaron moitas mulleres que contaban como lles daba vergoña falar en galego na súa casa, aínda que era a lingua na que escoitaban falar aos seus pais. Agora vexo un rexurdimento da cultura galega e fanse esforzos por manter as tradicións culturais, a lingua.
Graciela Pereira. Arxentina é un país privilexiado polas condicións que reúne para que entren en contacto grupos étnicos diversos. Nós ás veces atopamos máis facilidades para desenvolver actividades nos centros doutras colectividades que nos propios centros galegos.
P. Como son as relacións con institucións públicas ou entidades privadas de Galicia?
P. A. No noso caso hai moita colaboración e mesmo xente de Galicia nos axudou a crear a nosa entidade.
G. F. Temos moito contacto con grupos dalá e cando veñen por aquí vémonos, tocamos xuntos e facemos un asado. A nosa asociación cada vez ten máis integrantes nados en Arxentina e por iso non nos interesa tanto o que vén de Galicia como o que podemos facer aquí. Nós defendemos que o noso folclore é arxentino, aínda que tomamos as raíces galegas. Non pedimos nada para nós, as cousas que pedimos son para os nosos maiores porque eles tiveron que marchar de Galicia e na maioría dos casos non foi pola súa vontade.
P. Hai interese pola lingua galega entre os mozos da colectividade?
G. F. Nós tiñamos cursos de lingua galega en Xeito Novo pero ao final chegamos á conclusión de que é mellor espertar o interese pola lingua doutro xeito. Por iso o que facemos agora é organizar eventos para dar a coñecer aspectos históricos do galego e relacionalo con outras linguas. O interese dos mozos por este tipo de actividades é moito maior.
P. A. Hai cousas preocupantes como as dificultades para atopar libros escritos en galego en Arxentina. Isto ocorre, por exemplo, no club de lectura que existe no café Tortoni. Hai problemas para conseguir os libros e sería bo que alguén amosase interese por editar eses libros aquí. O que pasa é que quizais non resulte rendible.
P. Pode converterse Buenos Aires no epicentro para difundir a cultura galega en América Latina?
G. F. Se houbese unha estratexia para facelo, eu creo que sería posible e podémolo comprobar co interese que espertan iniciativas como os nosos cursos de gaita ou de zanfona. Vén xente dende distintos puntos de Arxentina para asistir a eles. Nós traballamos conxuntamente con diversas colectividades e resulta moi interesante facelo porque se crean estéticas novas. A cultura galega podería ter unha penetración semellante á que ten a irlandesa, por exemplo.
G. P. A verdade é que ás veces que nos xuntamos varias asociacións para facer algo xuntos non tivemos moito éxito de público. Nós temos 350 socios, moitos deles non pagan e sobrevivimos case que sen ningún tipo de axuda. Nestas condicións resulta moi difícil pensar en grandes estratexias. Facemos o que podemos.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.