Todo o que cae na Rede é peixe
O único xeito de defenderse a natureza en Galicia é permanecer na maior invisibilidade posíbel. Un sempre pensou que o que melloraba a protección era a visibilidade. Por iso o obxectivo en moitas causas era facerse visíbel. A ocultación e o silencio favorecían as discriminacións, o maltrato, as inxustizas e as desfeitas. Mais hai que comezar a revisar esa teoría, polo menos no que atinxe ao medio ambiente en Galicia. Estar protexido, oficialmente, é hoxe un perigo neste país onde, en expresión de Ruyard Kipling, o poder que goberna é "o poder sen responsabilidade".
Pensabamos, por exemplo, que a inclusión na Rede Natura era unha garantía para salvar e protexer territorios e os espazos da biodiversidade. Aí, delimitados no mapa. Coas coordenadas en documento oficial. Ben pintados, ben á vista. Nas rúas de México DF, en fincas sen construír, un pode ler este aviso municipal: "Prohibido el paso a los materialistas". O simpático sinal non pretende pechar o paso aos ateos. Os materialistas, en creativa precisión mexicana, son os que tiran "materiais". Os que estragan o lugar con lixo e cascallo. Pois iso era o que pensabamos cando un anaco do territorio entraba na Rede Natura: "Que ben! Agora xa non poderán meterlle o dente os materialistas".
Non se goberna para mellorar as cousas, senón para validar como natural a anomalía
- O lugar ten boa vista, pero está desadornado de edificios. Fáltalle skyline!
- Aí construía eu un acosados caralludos!
- Dise adosados, ho.
- Pois iso. Uns pareados de carallo.
- Mágoa que estea na Rede Natura.
- Todo o que cae na rede é peixe!
Esa é a alucinante filosofía materialista que está a propagar o actual Goberno do "poder sen responsabilidade". A rede Natura non significa un salvoconduto para a natureza nin un linde para a desfeita. Pola contra, ter esa condición de espazo de biodiversidade pon ao territorio na diana. A Lei do Solo que veñen de aprobar os políticos materialistas non progresa na protección dos espazos naturais senón que instaura a permisividade no caso de violación. En Oseira, no medievo, cando chegaba a Coresma e estaba prohibido comer carne, os monxes tiraban de cando en vez un porco ao río, pescábano con rede... e papaban a troita descomunal sen remordemento. A xente do pobo foise queixar ao abade e este respondeu: "Amiguiños, todo o que cae na rede é peixe!".
Ese debería o verdadeiro preámbulo da nova Lei do Solo de Galicia: "Todo o que cae na Rede Natura é peixe!". Así, o cabo Touriñán, espazo mítico, verdadeiro fins terrae, é probábel que algún día se converta en vangarda da acuicultura coa inauguración dunha xigantesca piscifactoría porcina.
Mais Touriñán non deixa de ser o "cabo expiatorio".
O mapa de Galicia é hoxe un mapa de feridas. Veño de facer un percorrido por todo o litoral. Remato o itinerario xusto cando no Parlamento autónomo aproban esa reforma que é unha demostración obscena do que Walter Benjamin denunciaba: moitos documentos de aparencia legal son en realidade documentos de barbarie.
A máis grande obriga da democracia e a autonomía era a ordenación integral do territorio. Porque ese era o xeito de garantir o benestar humano, o constituír Galicia como un modelo posíbel de empatía entre a xente e o medio. Recursos habíaos e hainos. Mais en lugar de ser referente exemplar, imos camiño de ser unha vergoña: o modelo de entropía egoísta, destrutiva.
Na gran mitoloxía clásica, a empatía aparece reflectida no personaxe de Pigmalión, rei de Chipre. Un mito que dá que pensar a calquera persoa, e en especial ao gobernante que practica "o poder sen responsabilidade". Pigmalión era tamén sacerdote e escultor. Andaba á procura da muller máis perfecta e non a encontraba. Entón púxose a facer esculturas de fermosas femias. Até que se namorou dunha delas, de Galatea. Afrodita, o desexo, axudouno a que a estatura acadara a condición de ser vivo. En Galicia, vivimos o proceso inverso. Os Pigmalión negativos o que fan é transformar en estatuas o que estaba vivo e logo facelas cachizas. Non pasarán moitos anos en que as xeracións vindeiras mirarán con noxo cara este tempo feo, provocado por un "poder sen responsabilidade".
Porque ese é o trazo, a irresponsabilidade, da política dominante. Non se goberna para mellorar as cousas, senón para validar como natural a anomalía. Se hai miles de construcións ilegais, non se cambian as construcións, senón as leis. E todos aqueles que foron legais, co seu proxecto, co entorno, coas taxas, todos eses poden ir oíndo a providencial cantilena: "Todo o que cae na rede é peixe!". E así para o resto. Se é o galego o que está nunha situación de anemia e perigo de supervivencia, o natural non é sandalo senón axudalo a que espiche. Non hai moito, unha amiga tivo unha situación de dor cómica cando explicou que lle doía un xeonllo e o médico, un auténtico Pigmalión, non facía máis que mirarlle o nocello. Mesmo o Valedor do Pobo, verbo da lingua, actúa como un Valedor do Poder. Do poder sen responsabilidade. Outro Pigmalión.
As Nacións Unidas declararon o 2010 ano da Biodiversidade, e non por facer festa senón por dramática urxencia. E o que urxe, como proclama Jeremy Rifkin, un dos mellores maxíns do planeta, é o espallamento dunha "conciencia empática universal" para evitar a crecente destrución planetaria. O autor d' A economía do hidroxeno e agora d' A civilización empática interpreta dun xeito novo a causalidade da actual gran recesión económica. Tería, segundo Rifkin, a súa primeira orixe no colapso que provocaron os prezos do petróleo (lembran? 147 dólares o barril en 2008) ao que seguiron os incrementos desproporcionados dos produtos alimentarios. Ese colapso estaría conectado co seguinte: o da crise financeira causada polas hipotecas e as subprimes.
O que nos vén dicir Rifkin con toda a razón é que son os recursos enerxéticos, e o esgotamento dos combustíbeis fósiles, os que están no centro do sismo. O mundo necesita outra revolución. Unha revolución mental: o que el chama a "lente empática" para deixar de interpretar a historia do progreso en función do dominio e explotación dos recursos, sen valorar a máis importante ferramenta de mellora: a empatía entre os humanos con conciencia do sufrimento dos demais e do respecto ao fogar que vivimos e ao medio que partillamos cos outros seres da natureza.
Como se está a celebrar en Galicia este importante ano da Biodiversidade. Pois, simplemente, non existe. Ou talvez si. Talvez a aprobación da reforma da Lei do Solo e o propósito de invadir a Rede Natura é un xeito indirecto de celebrar o ano da Biodiversidade. Así a Xunta poderá dirixir a ocupación de Touriñán co berro revolucionario dos monxes de Oseira: "Todo o que cae na Rede é peixe!".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.