_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Vida e fugas de Álvaro Cunqueiro Mora

A imaxe que nos ofreceu Álvaro Cunqueiro de si, un varón responsábel e formal vestido de traxe escuro, é o enmascaramento dun rapaz soñador desenganado pola vida. A última imaxe que nos deixou de si, un bon vivant enxebre que posaba con cunca de viño ou queixo de tetilla é a última máscara para pasar desapercibido no mundo adulto.

Un artista coa inocencia necesaria para que, sendo un poeta altísimo, dubidase sobre o seu traballo: "Que quedará de todo isto?". Nos días últimos: "Non sei, teño a sensación de ter vivido para nada, de que perdín o tempo. Pasou a vida, qué enorme despilfarro, puiden facer moito máis. Qué quedará da miña obra?". Referíase á obra literaria máis complexa e profunda na nosa lingua desde Follas Novas.

Pasou de galeguista de esquerdas a escribir sonetos a José Antonio
Foi un golpe de gracia literaria, a alma dun rapaz co don do poeta

A vida, é sabido, obriga a facérmonos homes e mulleres, levantados sobre os escombros da infancia, sobre o cadáver do neno, da nena. O neno Álvaro deveceu toda a súa vida adulta por permanecer fiel a si propio, "seriamente falando/quero quero volver a pór a miña gorra mariñeira/ aquela gorra dos oito anos/ cando entre o meu sono i-eu cantaba a luz." Aquel señor grande e redondeado era un home moi fráxil.

Cunqueiro foi un golpe de gracia literaria, xuntouse nel a alma dun rapaz que por non saber renunciar á infancia conservou o don do poeta co coñecemento dun escritor formado na tradición literaria europea. E fundou a súa propia patria, o mundo da súa infancia transformado en literatura. A resistir á vida. Ese meniño de dez anos desafía a vida coa literatura, escribe na galería da súa casa de Mondoñedo unha noveliña de vaqueiros, os vaqueiros falan castelán e os indios galego. Gañan os indios, a literatura quere reparar as feridas da vida real, da historia. Abandona o val encantado e vai estudar bacharelato a Lugo, onde coñece a Correa Calderón e a Ánxel Fole, outra cabeza condenada á infancia perpetua. Vai a Santiago estudar Letras. "Así que llego a Santiago, me quedo asombrado, absorto. Aún hoy en día, cada vez que entro en la ciudad llego como un bobo..." Canea as súas rúas, le o seus libros, fala nos faladoiros intelectuais, escribe en galego poemas e algunha peza teatral, milita na esquerda do Partido Galeguista, promove as revistas Galiza e Papel de color, e toma xa ese camiño do xornalismo. O golpe dos militares nacionalistas sorpréndeo en Mondoñedo. O seu pai era o boticario e fora alcalde, sálvao dos que asasinaron a outros compañeiros seus. E aquí temos que pararmos a imaxinar que, alén do medo a ser asasinado, algo lle ocorreu a Álvaro.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Cunqueiro tivo dúas duras e amargas leccións que lle partiron a vida. O golpe e a guerra foron a primeira lección: os límites da realidade, o peso grave da historia. Aquela machada decapitou á súa xerazón. Morreron ou fuxiron exilados os indios, e Álvaro para sobrevivir fíxose vaqueiro. Para aprender esa dura lección tivo que perder algo, non sabemos o qué, nese tránsito, nesa reviravolta da identidade. Sabemos que no ano 1938 xa é un vaqueiro, gasta camisa azul fascista, correaxes e bota alta e brillante. Por eses anos escribe en castellano Historia del caballero Rafael, coñece aos seus novos camaradas da Falanxe cultural, os cataláns que fundan a revista Destino ("En América se habla castellano. Las espadas de nuestros capitanes se han encargado de ello. La raza ha cumplido su misión. Para salvarla el jóven césar y capitán cristiano Franciso Franco nos llamó a todos."). Ese grupo evolucionará na posguerra ao culturalismo catalán e o editor Josep Vergés editará a Cunqueiro na Editorial Destino.

¿Qué tan falanxista foi aquel mangallón, "longo, grande, delgado, pálido", que até uns meses antes era galeguista e esquerdista? ¿Que sabe que os seus compañeiros na Terra están agachados, exilados ou fusilados? ¿Como puido facer para integrarse nos intelectuais falanxistas que cantaban á guerra? Cando escribiu a Corona de sonetos en honor de José Antonio -"¿que tu boca sin sed, de tierra llena, responde a nuestro amor y enorme vida?- cómo non había pensar nos seus compañeiros asasinados? Só é explicábel nun rapaz desvalido que precisa acubillo nunha irmandade intelectual, e que o encontra nesa xeración de camaradas bébedos de historia e de fascismo: Laín, Ridruejo, Tovar, Manuel Machado, Luis Rosales, Eugenio Montes, Pemán, Torrente Ballester, Leopoldo Panero, Eugenio D'Ors, Martín de Riquer...

Superada a lección da guerra, no Madrid dos vencedores vai recibir a segunda grande lección: a autodestrución. Volve vivir a vida alegre cun certo poder, un cargo na prensa falanxista, e demostra até que punto é persoa incapaz de vivir os xogos dos adultos. "Bohemio, desordenado e informal", así é visto polos seus amigos. Para el a palabra é a ensoñación, o reino da liberdade da imaxinación. Incumpre os compromisos, carece da palabra dun home feito e ven a caída: acaba denunciado por un editor, polo embaixador francés, abusa da confianza de amigos. As súas imaxinacións para os demais son mentiras e calotes. A Falanxe quítalle o carnet de xornalista e perde o traballo. "Me encuentro confuso, torpe, desarraigado, y cierto ánimo de huida que tengo siempre, llega a imponérseme".

A que aprendeu os límites da historia e os límites de si propio, volve derrotado ao seu val e encérrase na casa da infancia. "Ahora tengo en los ojos toda la melancolía y en el oído todo el silencio de Mondoñedo." Así é como comeza, na metade da súa vida, a segunda vida de Álvaro Cunqueiro, a que nos é máis coñecida e na que escribiu a meirande parte da súa obra. O que era un desterro naquela súa casa resultou unha viaxe ao centro de si, a infancia en Mondoñedo. Cando reaparece como xornalista tamén aparece un novo Cunqueiro escritor, máis Álvaro que nunca. O xornalista ten que brigar co tempo histórico no que vive, incidencias sociais e políticas, a vida crúa; o escritor Cunqueiro foxe desa realidade para outra máis íntima e verdadeira: o mundo daquel meniño que escoitaba historias e lía libros, aquela patria de silencio, neve, reis antigos e encantamentos. A súa obra non custiona a historia: négaa. Nega a historicidade, afirma que a vida é unha soa cousa e inmutábel, un único soño persoal. Mais a afirmación de si é a afirmación do seu país: " Se a miña obra ten un sentido, teno no meu desexo profundo, (...) en algo polo que eu daría a vida, que é que a nosa lingua continúe, que Galicia siga".

Achegarse a Cunqueiro leva tempo, nunca se dá achegado un ben, pois repártese por moitas vereas distintas: teatro, tradución de poesía, xornalismo, ensaísmo literario, ficción... Porén, a chave da súa obra toda é a poesía, como unha bola de vidro que encerra un pequeno val e neve (Rosebud).

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_