_
_
_
_
Entrevista:VICTORINO PÉREZ PRIETO | Teólogo | Luces

"Non reivindicar a Prisciliano é suicida para Galicia"

Poucas figuras tan controvertidas como a de Prisciliano, o líder espiritual executado por herexe a finais do século IV e agora ben máis reivindicado que moitos santos oficiais. En Galicia, católicos como Otero Pedrayo, Castelao ou Risco reclamaron a súa importancia. A súa figura e a súa historia protagonizaron obras de teatro, novelas, e mesmo onte como quen di, un tema de Tonhito de Poi. Algo debe ter alguén capaz de influír á vez nos guieiros da Xeración Nós e nun rockeiro sen pretensións intelectuais. Victorino Pérez Prieto, un cura galego nacido en León (Hospital de Órbigo, 1954), cunha longa traxectoria como ensaista relixioso, vén de debullar ese algo en Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (Galaxia, 2010).

"Un dos 'crimes' que lle imputaron era que rezaba descalzo"
"Santiago non estivo aquí, pero Prisciliano sí, e o seu culto durou séculos"
"Foi un asceta que quixo reformar a Igrexa e volvela ás súas orixes"
"Os intolerantes de hoxe asáñanse cos cristiáns progresistas"

Pregunta. Despois de escribir sobre galeguismo e relixión, ecoloxismo e cristianismo, ou contra a desesperanza, por que escolleu facelo sobre un heterodoxo bastante remoto?

Resposta. Sempre me fascinou, a súa historia e el como símbolo. Foi un home fascinante, non só foi un defensor da igualdade entre home e muller, senón tamén un precursor da reforma da Igrexa, do que Lutero quizais colleu aspectos como a paixón pola Biblia. O capítulo que escribiu Otero Pedrayo sobre Prisciliano é precioso, Portela Valladares tiña moita información sobre el... Un dos momentos históricos máis fecundos da cultura galega, mesmo antes de que xurdira o idioma, foi precisamente o priscilianismo. Nunca tanto Galicia estivera no mundo, porque do século IV ao VI boa parte do debate intelectual era priscilianismo ou antipriscilianismo. Non reivindicar a Prisciliano é un suicidio para Galicia.

P. Nin sequera está claro que nacera aquí...

R. Tampouco nacín eu [rise]. Posiblemente nacera na provincia romana da Gallaecia, ou non, pero o que está claro é que o seu rabaño pastoral estivo en Galicia, os que o defenderon foron os bispos galegos, tivo a sorte de que o acolleran ben, que conectaran coa súa honestidade e a súa sinceridade. O monacato, que nacía naqueles tempos, onde máis se estendeu foi en Galicia e posiblemente foron psicilianista os mosteiros de San Pedro de Mezonzo e o do Couto, no que tamén había monxas. A onde o trouxeron de morto foi aquí, e entre nós foi onde máis tempo sobreviviu a súa doutrina.

P. E por qué ese recoñecemento, mesmo de católicos máis que practicantes, a un líder relixioso que foi condenado por herexe, habendo como hai santos galegos, probadamente santos e probadamente galegos? A aposta polo perdedor unha vez máis?

R. Non hai raíces sen símbolos e mitos. E Prisciliano é un símbolo que percorre toda a cultura galega. A pegada popular que tivo aquí pode ter que ver cunha das características dos galegos: somos submisos, pero non aturamos inquisidores. Prisciliano respectaba á xente, non impoñía, e vencellábase ás crenzas precristiáns de conexión coa natureza. Un dos crimes que lle imputaron era que rezaba descalzo, conectado coa nai terra...

P. Qué tiña de herexe, como se dixo, ou de druída, como se di?

R. Hoxe a etiqueta de herexe é positiva, atrae, pero Prisciliano, aínda que se enfrontara á institución, non o foi. Foino oficialmente durante moitos séculos, desde Santo Agostiño a López Ferreiro, pero esa visión está xa superada e hoxe é unha figura rehabilitada non soamente como un líder, senón como un gran teólogo. Os bispos, Idacio e Hitacio, que provocaron que Prisciliano fose decapitado en Tréveris acabaron excomulgados e mesmo o emperador que, para congraciarse coa Igrexa, mandou executalo, que se chamaba nada menos que Clemente Máximo, morreu asasinado. Despois de aquilo, San Martiño de Tours dixo que non volvería asistir a xuntanza de bispos ningunha. A súa execución foi un erro monumental e hoxe Prisciliano é un mito, non hai máis que entrar en Google e ver os milleiros de referencias, pero un mito un tanto deformado. Non era un druída, aínda que quizais houbo algo diso na súa aprendizaxe, ou iso puido ter un certo eco en Galicia. Tampouco era un hedonista, nin moito menos un libidinoso. Era, como Xesús, un home libre que valoraba ás persoas, fosen homes ou mulleres. As mulleres seguíano non porque fose un ligón, como se chegou a dicir, senón porque nunha época en que a única maneira de ter unha mínima independencia era entrar nun convento ou casar cun rico, elas tiñan un recoñecemento nas comunidades priscilianistas.

P. E que era?

R. Era, desde logo, un asceta. Un asceta que quixo reformar a Igrexa e volvela ás orixes precisamente cando a Igrexa comezou a súa relación co poder político. O estudo teolóxico profundo do priscilianismo está por facer, e a doutrina de Prisciliano parece que era ortodoxa, pero conflitiva. Elaborouna como podía, nunha época, o século IV, que foi a dos grandes concilios que asentaron o dogma católico, como o da Trinidade. O padre Orbe, que estudou en profundidade a teoloxía prisciliana, aseguraba que era moi creativa e riquísima, máis ca de Tertuliano, e a nivel trinitario, igual ou mellor ca de Santo Agostiño.

P. E sobre a polémica culto priscilianista versus culto xacobeo, mesmo sobre o auténtico ocupante do sepulcro da catedral de Compostela?

R. Eu penso que na arca da catedral non hai nin ósos, nin maneira de comprobar de quen son, caso de que os haxa. O que si é certo é que o Camiño de Santiago é o que seguiron os discípulos de Prisciliano para traer os seus restos desde o centro de Francia, que hai quen di que están enterrados en Santa Eulalia de Bóveda, na capelo dos Martores en Valga, que se o último treito foi por mar ata Padrón, igual que no caso de Santiago... E Prisciliano estivo en Galicia, e o seu culto durou aquí centos de anos, mentres Santiago non estivo nunca, e non hai indicios de culto seu antes do descubrimento do sepulcro. Desde logo, sería un paradoxo extremo que no lugar de culto dun santo estivese un herexe, pero como eu considéroo un santo, non me escandalizaría tanto. E ademais, o Camiño é algo máis que o Xacobeo, é o camiño do encontro da xente consigo mesma.

P. Hai vestixios de priscilianismo hoxe en colectivos como Irimia?

R. Todo ese movemento que reivindica a existencia dunha Igrexa galega con identidade propia, como a Asociación Irimia, a Romaxe de Crentes Galegos ou a revista Encrucillada, afondar no vencello coa terra e coa Terra, e buscar unha Igrexa máis fiel ás súas orixes, teñen un claro compoñente priscilianista. Hoxe Prisciliano estaría aí, creo.

P. Vostede persoalmente está tamén nunha situación chamémoslle priscilianista. É un cura casado ao que dous bispos -non Idacio e Hitacio- reprenderon por misar...

R. Se me acusan de priscilianista, non é unha grande acusación, porque el foi un mártir e un home bo que, pese a ser de clase alta, puxo todo o seu saber ao servizo do pobo, e foi pobo. Idacio e Hitacio eran xente intolerante que non podían permitir que houbese un home libre que entendía a Igrexa doutra forma ca deles. Eu o maior problema que teño neste momento non é coa xerarquía da miña Igrexa. Téñoo cos intolerantes que necesitan insultar, que queren resucitar a Inquisición, que se asañan cos cristiáns progresistas. Se se meten comigo non é porque me casara, que hai moitos curas coma min: métense porque penso libremente e porque estou comprometido con Galicia, co seu pobo. Xente máis papista que o Papa habíaa daquela e haina hoxe.

O teólogo e escritor Victorino Pérez Prieto, na súa casa da Coruña.
O teólogo e escritor Victorino Pérez Prieto, na súa casa da Coruña.Gabriel Tizón

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_