Os partidos do Viño e da Auga Fría
Estes días ben podemos repetir, como mantra curador, o refrán da mellor tradición: "Máis vale viño quente que auga fría". O viño e a cultura foron sempre da man: "Meu amigo feiticeiro, heiche de beber cantando, heiche de cantar bebendo!". E esa viaxe, a da xente galega e o seu "amigo feiticeiro", en expresión de Ramón Cabanillas, é a que nos conta dun xeito engaiolante, co pouso do mellor tinto e coa luminosa elevación dos brancos, sempre con chispa, o historiador Xavier Castro en A rosa do viño (Galaxia).
O título d'A rosa do viño fai referencia aos pétalos que debuxaba nas paredes da cunca o tinto de bo corpo, co sangue da terra, do que xa fala o Cancioneiro medieval: "E aquel viñ'era de vermella coor / e espessa tan muito que ni un tintor / vermello non podería fazer mellor; / e hú caía non o podíam tirar". Así pintaba Lugrís, con esa vermella cor, na mesa das tabernas. E nunha do Barbés, a moza, ao ter que limpar o mármore laiábase non polo traballo senón pola perda: "Mágoa ter que borrar a marabilla!".
Os da Auga Fría queren controlar a esquerda e a dereita, no nacionalismo galego e no españolismo
Cun ollo percorro esta intrahistoria da Galicia gozosa, a da "delicada invención das tabernas" como espazos onde se uniu o maxín da terra e da xente que soubo atopar o segredo dos seus viños incomprendidos, e co outro ollo, o do xornalista, vexo apesarado a enxurrada de informacións que nos amolan como unha chea de "auga fría". Así contan que entraban as grandes fames en Galicia: nadando na auga fría, polas terras anegadas onde podrecían as colleitas.
E por un intre teño a sensación de que na historia hai dúas Galicias, a do Viño Quente e a da Auga Fría.
Nos Estados Unidos os dous grandes partidos, o Republicano e o Demócrata, teñen agora dous movementos afíns que están a expresar de xeito moi arroutado o que os políticos convencionais pensan pero non adoitan dicir. O primeiro en crearse foi o Tea Party, no medio ambiente conservador, moi belixerante coa política do presidente Obama a quen comparan co demo. O activismo en Internet do Tea Party (ou Partido do Té) está a ser moi efectivo, pois conta ademais co soporte brutal, en todos os sentidos, de poderosos medios de comunicación como é a canle televisiva da Fox. Os do Partido do Té (ou do Chá) non só conseguiron danar a imaxe de Obama, que foi viño quente para todo o país, senón que van camiño de acadar o seu principal obxectivo: que a súa infusión reaccionaria anegue a América conservadora, achicando todas as posicións moderadas.
O Cofee Party (Partido do Café) é un intento dende o espazo demócrata para contrarrestar o Partido do Té/Chá, dando voz ás posicións máis liberais. Nos Estados Unidos, ser "liberal" é, na práctica, sinónimo de ser de "esquerda".
Mais cando eu falo da Galicia do Viño Quente e da Galicia da Auga Fría non pretendo un paralelismo co noso eido político, aínda que habelo hai. Estou a pensar máis ben en posicións mentais e nos xeitos de afrontar os camiños do futuro. E o primeiro que necesitamos son sorpresas. Romper esquemas. Na nosa historia cultural, hai xente conservadora que soubo e sabe aledar a existencia con espírito de viño quente, como hai presuntos progresistas (ou supramarxistas) que mesmo deixan apesarada a herba por onde pisan. Coa friaxe que vai, o que fai falta e viño quente.
Unha das primeiras eivas da Galicia de hoxe é ese esquema empobrecedor que quere abranguer todas as vontades e reducilas a posicións sectarias. Os da Auga Fría queren controlalo todo, a dereita e a esquerda, no nacionalismo galego ou no neo-españolismo. Tanto ten o carné que teñan, os do Partido da Auga Fría coinciden na visión apocalíptica, na desconfianza cara ás propias capacidades, na explotación da desesperanza.
Esa sensación de que o país está maioritariamente en mans dos ideólogos e propagandistas da Auga Fría agrándase polo papel dalgúns medios, e aí si que hai unha semellanza coa Fox americana. Hai programas nos medios públicos autonómicos que conxelan a ollada e levan o puro selo neurótico da Auga Fría. Pola contra, un acha animosos signos de Viño Quente cando as conciencias ceibes saltan os valados do curral. Velaí as tomas de posicións de valentía disidente de Rafael Cuíña ou Pedro Puy, dúas voces chamadas a ser referente na imprescindíbel renovación da dereita galega, cando se vexa obrigada a liberarse dos fanáticos da Auga Fría. Como tamén son da estirpe do Viño Quente, fronte á Auga Fría dos dogmáticos, as opinións de nacionalistas realmente anovadores como Xavier Vence e Teresa Táboas, ou de socialistas federalistas como Ramón Maiz, o deputado José Manuel Lage ou o novísimo alcalde de Fene, Iván Puentes.
A enxurrada de Auga Fría non ten ningunha xustificación na Galicia de hoxe. É unha anomalía que está a confundir e atrasar un país como o noso que podía estar a construírse como modelo de convivencia na España da crispación. Pero os da Auga Fría importaron o peor. O peoriño! O desprezo pola lingua e os recursos culturais. A indefensión do territorio e dos espazos naturais. A corrosión das conquistas de benestar social, en sanidade, atención á vellez, e en todos os niveis do ensino, levando a universidade a un estadio de subsistencia. Un irresponsábel revanchismo clientelar, que colocou a Galicia a paso subalterno na enerxía eólica, coa perda de centos de postos de traballo. O baleiro absoluto na política agraria, gandeira e forestal. Agora todos a laiarse de que non se fixera a tempo o Grupo Leiteiro Galego!
O asunto da fusión das Caixas semella unha importante inflexión a respecto da política xeral de deconstrución do actual Goberno. Porque a mensaxe é: Galicia, para ter unha política de desenvolvemento integral, precisa de ferramentas financeiras propias. Podemos desconfiar ou non das verdadeiras intencións, pero este asunto supuxo un xiro óptico, talvez aínda inconsciente.
Falta moito por percorrer. A sectaria negativa que frea a Iniciativa Lexislativa Popular sobre a lingua demostra o calado da imposición do Partido da Auga Fría no actual conservadorismo galaico.
Mais algún día, se cadra non moi lonxe, terá de pasar o que pasou co viño.
Hai uns anos, gran parte dos viños galegos tamén estaban a ser deconstruidos, maltratados e envilecidos por pillabáns con pouco amor e menos escrúpulos. Mais houbo unha sabia resistencia homeopática de xente e vides, unha intelixencia que fermentou nun rexurdimento que fai que os viños galegos sexan prezados polo mundo adiante.
Cal foi o cambio? Hai moitas melloras, pero a verdadeira clave está nunha frase de Álvaro Cunqueiro: "Teñen [os viños galegos] un amor que hai que buscalo". Velaí o segredo: temos un amor, mais hai que buscalo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.