_
_
_
_
_
Entrevista:ANA VALLÉS | Fundadora de Matarile Teatro | Luces

"Censura non hai, pero a corrección política sáeche polo nariz"

"Non aceptar o aburrimento, antes pechar, mellor matarse". Matarile, unha das marcas de vangarda do teatro galego, puxo isto na web para publicitar a súa última montaxe, Cerrado por aburrimiento. E Ana Vallés (Ferrol, 1959), a fundadora canda Baltasar Patiño, a mediados dos oitenta, dixo na Radio Galega que despois contan parar. Afirma estar cansa "do equilibrio constante na corda frouxa".

Pregunta. Primeiro di que Cerrado por aburrimiento ten que ver cun estado de ánimo, e logo fala de desfacer a compañía. Deixa de existir Matarile?

Resposta. Estamos pensando como facelo a nivel de empresa, pero imos parar. É o derradeiro espectáculo coa actual estrutura. Aquí ninguén vive de Matarile exclusivamente. Como é sobrevivir cando hai que pór en xira a 12 persoas? É un equilibrio constante na corda frouxa, sen perspectiva de evolución. Aos responsables culturais non lles preocupa ter un cargo e dicirche "non te coñecemos". Que podemos esperar deles ou da prensa?

"A demanda política impón axenda, temas e comenencias"
"Un erro grande é a cantarela de 'o meu público non está preparado para isto'

P. Inflúe o peche da Sala Galán ou a desaparición do festival En pé de pedra?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

R. Empezamos por pechar a Galán e veu todo detrás. Amósase a viabilidade do proxecto, pero as perspectivas son de involución, e o que non se pode é retroceder. Mellor recoñecer o fin dun camiño.

P. Non val a pena traballar así?

R. Cada vez imos máis por tras da demanda política, en xeral, que nos impón axenda, temas e comenencias. A censura non existe, pero diríxente constantemente. O politicamente correcto sáeche polo nariz. Se non tratas determinados temas, non vendes.

P. Cales?

R. Sabémolo todos, dáme un pouco de vergoña dicilo. O tema da muller, calquera aniversario dos escritores que toquen. Estánse pedindo cousas para cubrir dosieres políticos. Se tes algo para o 8 de marzo, para non sei qué gai tamén, o aniversario que sexa. Cada vez nótase máis.

P. A regresión no teatro márcana só as institucións?

R. A min en xeral o teatro non me gusta, por estar demasiado ancorado no clasicismo. Case todo é de museo. A máxima responsabilidade de todo é de quen o fai, pero falo das institucións, da prensa ou dos programadores que teñen a chave a nivel estatal. Nós non temos un mercado privado, todo está en mans das institucións. As grandes produtoras levan o grande diñeiro do ministerio, ao que nós non temos acceso, con cabezas de cartel como Concha Velasco ou Ana Belén. As obras fanse con esa caste de obxectivos.

P. O risco non é igual para La Carnicería ou Angélica Liddell?

R. E oxalá houbese un cento coma eles... O problema é que falamos de teatro e falamos de todo. Eu falo desde o meu teatro, un teatro que teña sentido hoxe.

P. Cal é ese teatro que ten sentido?

R. Un teatro que parta de nós, non dunhas obras escritas hai tempo.

P. Nin de directores respectuosos co orixinal?

R. Nin dos que se din posuidores dese termo que é teatro. Aos que non facemos teatro teatro, chámannos de todas as formas: que se teatro visual, teatro-danza... Agora somos teatro-posdramático... Pois non: eu fago teatro. Esa xente ficou amarrada ás institucións. O que hai é teatro antigo e teatro que se fai agora.

P. Lonxe da expresión corporal como empezaron, o descubrimento foi Pina Bausch?

R. Ninguén pode dicir que non pasou por ela... Nós empezamos cun taller de construción de monicreques, e o primeiro que fixemos foi aquel Oscar Wilde d'O cumpreanos da infanta.

P. Ata que punto é tanxible a involución respecto ao bipartito?

R. É evidente. O máis significativo que pasara nas artes escénicas foi a creación do Centro Coreográfico. Deu pé a que houbese un marco de desenvolvemento para novos creadores. Cal vai ser a solución para eles agora, á parte de marcharen?

P. Cando o primeiro responsable de Agadic, Miguel Martín, puxo na mesma frase industria e creación para anunciar o Plan das Artes Escénicas, logo celebrado, a protesta foi case inmediata. Denunciar os impagos ás compañías privadas tras as eleccións levou case tres meses.

R. É que é unha profesión a nosa onde as condicións son miserables... Tamén se protestou cando puxeron en tea de xuízo se se ía facer ou non As actas escuras, por uns meses de contrato de vintepico persoas. A min paréceme fatal que esteamos rexidos por algo que deixa de ser Igaem para se converter en Industrias Culturais, cando non hai mercado para absorber esa industria, nin en Galicia nin en España. Está o teatro comercial a tope, e logo a miseria. De que falamos, se nos chamades industrias culturais e non temos onde vender, se vós sodes compradores únicos?

P. Hai xeitos de crear tecido cultural con novas propostas escénicas, malia a todo?

R. A máxima demostración para min foi En pé de pedra, que chegou a medrar moitísimo. Non rebaixamos o nivel das propostas e todo se disfrutaba. Na cantarela esa de "o meu público non está preparado para isto" hai un erro grande. Por que filtras e te consideras por riba do teu público? Nunca vai haber demanda se non hai unha oferta, pero se hai unha pequena oferta, o público fórmase só porque non é tonto.

P. Para o Centro Dramático só dirixiu Illa Reunión, na época de Ánxeles Cuña. Moita distancia?

R. No CDG estivemos 14 anos cun director [Manuel Guede] que traballaba con persoas vencelladas a el, e o resto estabamos fóra. Ánxeles supuxo unha apertura, deume pena que non continuase. Despois non houbo tempo para valoralo, a ver agora.

P. Con Guede xa se representou a Valle en castelán no teatro público, e Cultura non desbotou a idea nada máis chegar.

R. Non teño nada que comentar, é que é penoso. Pero tamén me colle nun momento vital no que examino moitas cousas. Dígollo en Cerrado por aburrimiento a Xan Cejudo: parar para velo todo desde lonxe. É o mellor para non perder a vehemencia do entusiasmo. Se seguimos enchendo para ver La casa de Bernarda Alba...

Ana Vallés, no local da compañía en Santiago.
Ana Vallés, no local da compañía en Santiago.Andréa Fraga

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_