_
_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A pedagoxía da trapallada

Manuel Rivas

O presidente da Xunta anoxouse pola conduta dun membro do Consello da Cultura Galega que, ao parecer, definira como "trapallada" o proxecto gobernamental do que pretende ser novo decreto da lingua no ensino, as chamadas Bases do decreto de plurilingüismo. Considerouno unha opinión inadecuada para quen forma parte dun "organismo consultivo". Non sabiamos que esa condición de integrante dun organismo cultural autónomo, con orzamentos aprobados polo Parlamento, levase aparellada a renuncia á liberdade de expresión e crítica. E aínda que así fose, hai unha cousa á que o galego non pode renunciar nunca, aínda que quixera. Cando ve unha trapallada, do fondo da alma, dese lugar enigmático onde levedan as palabras, sae e aboia unha exclamación admirativa inevitábel: "Que trapallada!". Despois poderá emendar e dicir misa, mais de primeiras, cando un galego se encontra cunha trapallada ten esa cortesía de chamala polo nome.

Todo un pouco do que define o dicionario como trapallada está na contrarreforma lingüística

Éche algo así como un trazo étnico. O que algúns chaman "ter sentidiño" non é outra cousa que ese don especial de ver vir a trapallada. O galego albisca a trapallada. Chéiraa. Recoñécea. E entón olla a trapallada, e a trapallada olla para el. Por iso, de estar no lugar do presidente, desconfiaría do galego que non ve unha trapallada onde hai unha trapallada. E aínda máis do galego que vendo unha trapallada di que por alí vai Gina Lollobrigida ou Cary Grant.

Hai moitas cousas que poden aparentar o que non son, metamorfosearse, enganar a vista. Pero cando sae unha trapallada, pois sae unha trapallada. É o que ten de bo a trapallada. É o seu mérito. Que se parece moito a unha trapallada. En realidade, eu penso que o incomodo do presidente non foi polo que o outro dixo, se é que o dixo, senón polo que el oíu. Ou ao xeito do noso ilustrado Martín Sarmiento: "A elocuencia non está no que fala, senón no que oe". E esa é a razón do desacougo presidencial. Que o seu oído máis elocuente oíu dicir a verdade.

Hai palabras que actúan nun idioma como verdadeiras chaves de aperturas de sentido. Son fundamentais no marabilloso xogo de ferramentas de cerralleiro que esa lingua doa a quen a fala. Ese é o caso, en galego, de trapallada e a súa divertida compaña de sinónimos: chafallada, chambonada, maravallada, zarampallada, cerellada...

A verba trapallada ten moitas acepcións. O máis interesante dela é precisamente a súa polisemia. A precisión non descansa nun só significado, senón na suma deles. Iso é o que permite adornar a fala con locucións que semellan paradoxos. Por exemplo, a moi popular expresión: "Éche unha boa trapallada!". O que se quere dicir non é que a trapallada sexa boa ou benéfica, senón que estamos ante unha trapallada monumental. Mesmo diríamos ante unha trapallada histórica.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Trapallada deriva de trapallo, que á súa vez procede trapo, e que significa "peza de roupa vella". Mais vexamos agora as principais acepcións que foi acadando co tempo en Galicia o substantivo trapallada (dicionario GDXL): 1) Cousa sen valor; 2) Mestura de cousas que están moi enleadas e non se entenden; 3) Cousa mal feita ou mal organizada; 4) Conxunto de cousas inventadas para saír do paso; 5) Diversión improvisada; 6) Peixe de baixa calidade que vén no aparello acompañando a captura principal; e 7) Conxunto do pene e os testículos.

O documento da contrarreforma lingüística ten un pouco de todo o que di a entrada do dicionario, mais eu penso que o punto que mellor lle acae é o sexto. As Bases son un "peixe de baixa calidade que veu no aparello acompañando a captura principal". Os estudos demoscópicos posteriores ás eleccións amosan que ese "peixe de baixa calidade" tivo pouco importancia no resultado. É certo que na campaña ANF anunciou a súa intención de derrogar o decreto vixente, mais nunca se dixo que no seu lugar ía pór un peixe así. Polo menos un terzo, como se irá vendo, é de tamaño ilegal.

Verbo da fusión das caixas de aforro, o presidente declarou esta semana que el defendía "o equipo de Galicia". E engadiu con retranca: "Non sei a que andan outros..." Paradoxos da lingua: falando de equipos, foi este Goberno o que fulminou a selección galega de fútbol. Celebro que estea máis centrado e centrista no asunto dos aforros e mesmo que pacte co maléfico Bloque. Mais en política lingüística, coa teoría esa de que todo o que vén na rede é peixe, volve a caer no extremismo. Na extrema dereita. Ás veces, semella que a Feijoo pásalle o que Harold Wilson dicía do radical Tony Benn: "He inmatures with age". O centro dunha política lingüística democrática e integradora en Galicia ten un nome: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por consenso de todas as forzas políticas, incluído o Partido Popular, no Parlamento galego.

A Goethe se lle atribúe a frase: "Prefiro a inxustiza ao desorde". A verdade é que engadiu: "Porque toda desorde causa inxustiza". A contrarreforma lingüística no ensino ten os dous compoñentes: inxustiza e desorde. Iso si, é unha trapallada moi pedagóxica. Agora todos, tamén o Goberno, sabemos o que non se debe facer.

O cuarto de Isaac.

Verbo de inxustiza e desorde moral, Galicia semella unha sala na que se está a emitir un filme de guión perverso. Isaac Díaz Pardo sempre pensou que estaba vivo de milagre e o acontecer vaille dando a razón. Vemos a Isaac, o minguar do seu corpo engurrado. Vemos como é expulsado do paraíso que el construíu. Vemos como é espoliado. Vémolo como un refuxiado camiño da fronteira, con toda a memoria da dignidade ás costas. O penúltimo escenario foi o cuarto de ermitán onde durmía no monte de San Marcos. Dicía Ernest Hemingway: "Os homes que teñen coraxe son sempre respectábeis". Talvez o máis noxento é asistir, inermes, a un filme no que nin sequera se respecta a un vello con coraxe.

Escaravellos e grilos.

Para Charles Darwin todo comezou coa atracción polas pedriñas e os escaravellos. Cando un se achega a esas xoias que se alimentan de sombra e esterco comprende tal feitizo. Agora estou a ler ao escritor escaravello e o seu diario, de terríbel beleza, fai formigar a pel e tremer os dedos que o sosteñen. Follas de vagar, de Eduardo Moreiras (1969-1970), da Central Literaria A Nosa Terra. Eduardo di que escribe como un escaravello. Que Cunqueiro era un grilo. Fole, un vacalouro. E Pimentel, unha curuxa. Que clase de animaliño será Tom Waits? Hai que oílo na transmigración que fai o portugués Carlos Careca no disco Á espera de Tom. Aquí si que a copia é mellor que o orixinal. Nada de trapalladas.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_