"Feijóo captou a resposta de Galicia cando se sente acosada"
Tras oito anos, a unificación da normativa, un centenario nada fáustico -puido vir o Rei- , o novo dicionario a piques de saír do prelo e unha nova sede pendente da licencia de obra, Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936) deixa hoxe a presidencia da Academia da Lingua. As beizóns vánselle acumulando, pero non lle preocupan os agradecementos: "Sei o que fixen e sei que a semente está aí".
Convertida en empresa cultural e recuperada para a sociedade civil, a Academia terá agora que emitir dictame sobre o decreto do ensino. Faráo na boca do novo presidente, que podería ser -aínda quente o Ano Piñeiro- Xosé Luís Méndez Ferrín. A normalidade é hoxe un froito transversal na RAG: "Temos que ser firmes no que nos atinxe porque é o que nos reclama a sociedade".
"A impronta que lle daría Ferrín á Academia non sería máis que positiva"
"A RAG ten que ser un lévedo da sociedade civil. É ela quen nolo reclama"
"En 1997, para pagar a primeira nómina tivemos que pedir un crédito"
"O Plan Xeral de Normalización non se levou a cabo nin antes nin agora"
Pregunta. Vaise coa sensación de ter conducido a transición?
Resposta. Empezamos Del Riego e eu no 97, as transicións non duran tanto (ri). O que fixemos foi darlle un sentido de empresa que non tiña, antes todo funcionaba a base de vontade. Para iso foi fundamental que os outros catro membros da comisión executiva tivesen responsabilidades concretas e as cumprisen, que non fose algo totalmente honorífico. Cando chegamos á Academia había catro empregados, e agora son 15 só na Coruña.
P. Abriuse a Academia?
R. Era evidente que tiña que abrirse, e iso significa non só traballar pola lingua, que é traballar por todo o país, senón estar presente nas cidades e tamén nas vilas. Cun matiz: nós non debemos estar todos os días na prensa. Ás veces dá a sensación de que son os medios os que marcan a dinámica dalgunhas institucións, e iso si que non. Con todas as prevencións institucionais, hoxe a Academia está presente, xa non está aí agochada.
P. Cando chegou Del Riego a situación era crítica.
R. Era evidente que non se pode conciliar ser delegado do Goberno e presidente da Academia, como era García-Sabell [o presidente entre 1977 e 1997]. Para pagar a primeira nómina, cando era tesoureiro de Del Riego, tivemos que pedir un crédito. Hoxe marcho coa satisfacción de que non se lle adebeda un euro a ninguén. É certo que o arquivo e a biblioteca estaban moi mal, pero neste momento sabemos o que temos, os documentos están rexistrados e ordeados.
P. E aínda hai quen pregunta para qué serve a Academia.
R. Compréndoo perfectamente; e se non nos atacan máis é porque non cobramos (ri). Pero é que hai unha sorte de transferencia de responsabilidades. O problema da lingua non o vai resolver nin a Academia nin o poder político. Se a sociedade non se responsabiliza, o galego irá esmorecendo. Con isto non quero desviar as culpas. Os poderes políticos teñen que manter unha política clara de defensa da nosa lingua e da nosa cultura, e iso non se fai a través de grandes manifestacións, senón a través dos regulamentos.
P. Doéronlle as críticas da Mesa pola Normalización?
R. Claro, pero interprétoas no seu contexto. Unha asociación como a que preside Carlos Callón é necesaria, porque chega onde non chegamos nós. Nunha segunda consideración, o odio ao pai é unha constante en toda a literatura. En Galicia dá xenio ler as barbaridades que escribían os mozos do Partido Galeguista contra Castelao e Bóveda. Todo isto tendo en conta que, ademais, a Mesa é a correa de transmisión dun partido.
P. En Celanova acusou a Feijóo de utilizar a cuestión lingüística para dividir.
R. O que dixen alí é que, cos problemas que teñen os galegos, non se pode iniciar unha lea coa cuestión da lingua porque é un tema, como se adoita dicir, nervioso. Hai temas moito máis urxentes para a sociedade galega, iso é o que lle dixen.
P. Aquel xesto, sen papeis, foi un acontecemento.
R. Falei un pouco a título persoal, pero nun determinado contexto. Indirectamente, sentinme arroupado polo plenario da RAG, e tamén houbo signos positivos no exterior: menos un, que ese día fixo un editorial para ferirme, todos os xornais do país responderon de xeito positivo ao que alí se dixo.
P. Asume as críticas ao Mapa Sociolingüístico 2004?
R. Se estou dacordo con ese Mapa é porque son o presidente e porque o fixemos nós, mais non estou dacordo coa metodoloxía. A súa lectura non pode ser sociolóxica porque se sesgou bastante a base de datos, desde o momento en que só vas ás cidades, cun tramo que só chegaba aos 40 anos. Outro tema é que despois se extrapolasen datos con intereses bastardos dunha beira e da outra...
P. Hai que medir o dramatismo á hora de falar da situación do idioma?
R. O que habería que facer é aplicar o Plan Xeral de Normalización Lingüística, que establecía vencellos con toda a sociedade. Nin o levou ao cabo o bipartito, malia ás nosas presións, nin dá a sensación de que se queira levar adiante agora. Unha pena, porque sería como activar unha especie de presión social, de estremecemento da realidade social onde toda Galicia poida percibir, libremente, que pode ser galeguizada.
P. É a primeira vez que o galeguismo institucional reprende a un Goberno por desprotexer o idioma. Hai que ver o futuro con optimismo?
R. Con respecto ao idioma, o comezo do Goberno Feijóo non foi feliz. Iso é evidente.
P. A primeira angueira do novo presidente será valorar o decreto do ensino.
R. Considero que o tempo de espera que se concedeu Feijóo para resolver o do decreto é síntoma de madureza. Veremos cómo lle sae, pero penso que captou perfectamente a resposta de Galicia cando se sente acosada. As boas intencións tradúcense na lexislación e en apoios explícitos ás institucións que teñen a responsabilidade de coidar do idioma. A nós aínda non se nos consultou nada, por iso estamos agardando que soliciten o noso dictame. É importante que o Goberno teña en conta que, no entanto, a lei vixente é a anterior.
P. Tendo en conta as dificultades de Celso Emilio ou Blanco Amor no ámbito da Academia...
R. ... E as de Uxío [Novoneyra, Día das Letras 2010].
P. O ingreso de Rivas e a posibilidade dun Ferrín presidente teñen moitos significados.
R. Se ao final Ferrín é elixido presidente, penso que escollerá unha executiva continuísta. Coñézoo ben. El habíalle dar a súa impronta persoal á Academia, que non sería máis ca positiva. Sabe onde se mete, e sabe qué o que se pode dicir nun sitio e noutro. Estou plenamente convencido de que, no suposto de que acabe sendo el, non haberá cambios espectaculares. Si afondaría máis en distintas realidades da lingua e na independencia da RAG dos poderes políticos. É un home dun prestixio literario fóra de toda dúbida, e por conseguinte representaría con toda dignidade a Academia.
P. A Academia xa é sociedade civil?
R. É que se estamos desvencellados dela, non se pode facer nada. Ten que ser un lévedo da sociedade civil. Con cautela, moderación e boas formas, pero de xeito firme no que nos atinxe. Porque tamén é o que a sociedade civil reclama.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.