A nova vida de Paulino
A emigración é o grande acontecemento histórico que non aparece na Historia. Mais non falemos de historia e falemos de historias, nas que sempre hai un momento que corta en dous a vida, o momento da partida e a travesía para un mundo novo. Unha vida nova, a nova vida de Pauliniño. O fillo de Juana Posse e Pedro Iglesias Expósito.
Para Paulino, que ten nove anos, o seu irmán Manuel, de seis, e a súa nai, ese momento que parte a vida en dúas, esa emigración desde Ferrol cara a un mundo novo, foi a viaxe a Madrid. Unha experiencia dura dentro dunha vida dura. Camiñan tres semanas baixo o sol da fin do verán de 1859, acompañan a unha recua de arrieiros maragatos. Os arrieiros maragatos son a rede de comunicación para persoas e mercadorías entre Galiza e a meseta. Este é aínda o mundo anterior á chegada do ferrocarril, o autómata que chegaría moito máis tarde anunciando a nova vida industrial. O pequeno Manueliño vai nunha carreta coas poucas pertenzas da familia arruinada e os vultos dos arrieiros. Juana e Paulino van andando. A Paulino esa experiencia apréndelle varias leccións: a lección da miseria total, de estar na vida desamparado pasando da pobreza na que vivira até ese momento ao despoxamento absoluto. Tamén aprenderá que cando un non ten nada é dono de todo o que sexa capaz de conseguir, non tendo nada todo é posíbel; Paulino aprenderá a soñar con imposíbeis. Aprenderá tamén que hai un gozo na liberdade de non estar atado a ningures nin a nada. O rapaz sofre coa tremenda camiñada mais tamén aprende a amar a vida errante polos camiños dos arrieiros.
Emigrar apréndelle a Paulino a lección da miseria total, do despoxamento
Atrás, en Galicia, fica unha vida que se cerrou e á que non quixera vover
Quere saber desas novas ideas que rompen o cárcere dos desamparados
Pablo Iglesias, o tipógrafo madrileño, xa non é Pauliniño, o rapaz de Esteiro
Atrás fica unha vida que se cerrou e á que o Paulino tampouco quixera volver, xa é pasado. Xa é pasado o seu pai que vén de morrer deixando a familia na miseria. Pedro era empregado municipal ferrolán, o axudante do pregoeiro, unha presenza fugaz na vida deses dous nenos orfos. O propio Pedro orfo, un meniño entregado ao hospicio dos Desamparados de Ourense, a cargar con eses dous apelidos que o marcan, Expósito e Iglesias. Juana é unha santiaguesa pobre obrigada a ser forte, casou con Pedro en Ourense e logo foron buscar vida a Ferrol. Alí naceron os fillos. E alí foron escolados na escola municipal, Paulino dos seis aos nove anos. Alí aprende a ler e a escribir e será na letra escrita e na oratoria onde acabará realizándose a súa vida. Mais iso sería máis tarde, noutro lugar, noutra segunda vida.
O rapaz logo de atravesar as cen leguas de montaña e meseta pensa en facerse criado e marchar cos arrieiros. A nai nin quere ouvir tal cousa, imaxina o que sería a vida do rapaz tan desprotexida por eses camiños. Van a Madrid ao pé dun tío de Juana que serve no pazo do Conde de Altamira, el poderá socorrelos. Os nobres galegos todos teñen pazo na Corte, alí gastan o que de aquí levan, malo será que non haxa sitio para outra criada que chega da terra. En chegando a Madrid, os pés e o corpo desfeitos, entéranse de que o tío que traballaba no pazo e que lles había valer morreu. Juana vese con dous filliños nunha situación desesperada, pide esmola na rúa e na porta dunha igrexa. Efectivamente, a vida de Paulino é un conto ou un folletín, un folletín socialista.
Juana conseguiría achegarlle un mandado ao conde de Altamira e este deulle unha recomendación para que puidese meter aos seus fillos, Paulino e Manueliño, no Hospicio de San Fernando. Alí Paulino adoece pola separación da nai e carga coa responsabilidade do seu irmán. A literatura do século XIX infórmanos ben de que a vida dos orfos podía ser moi triste. Enferma do estómago, a súa agonía interior retórcello e toda a súa vida posterior, sempre en tensión, esixente, padecerá do estómago. No hospicio comeza a súa particular guerra por sobrevivir, loitará, aprenderá alí o oficio de tipógrafo, e lerá todo o que pille. Está esfameado de corpo mais el estase a preparar para unha loita, leva dentro unha caldeira acendida e, co que aprendeu, coa palabra, vai comer o mundo. Foxe do hospicio aos doce anos e entra a traballar en imprentas, rebélase contra as condicións salariais, súmase a unha folga. Paulino é un mociño que descobre a vida urbana, afebrada, e que ten unha misión, sabe ben o que quere, quere saber desas novas ideas que queren romper o cárcere que coñece, a dos desamparados; aprende francés e le os socialistas franceses. E niso o seu irmán Manuel morre. A súa vida de desgrazas herdadas non o solta.
Aos vinte anos entra no Consello Federal de Madrid do Partido Socialista acabado de crear. É por esas que Paulino Iglesias descobre que o seu nome legal é Pablo, a súa nai non sabía ler nin escribir e sempre pensou que o nome co que inscribiran ao neno no rexistro civil fora Paulino. Paulino pasa desde entón a ser Pablo Iglesias, o tipógrafo e axitador. Será o editor do xornal El Socialista e comezará a escribir as centos de miles de palabras que foi emitindo durante anos, o sermón dun profeta severo e austero. Disciplinado, rexo, obsesionado, entregado á loita contra aquela vida mísera. Foi preso e foi deputado, viviu perigos, axitacións, viaxou a Francia e recorreu toda España. Viviu como un pobre e en morrendo deixou un sobre con mil pesetas para o partido. A única licencia na súa vida de mártir foi vivir no cariño dunha muller que xa tiña un fillo de seu, que porfillou. Casaron pouco antes de morrer el.
Pablo Iglesias, o tipógrafo madrileño, xa non é Pauliniño, o rapaz do bairro de Esteiro en Ferrol. Algunha vez lle teñen chamado "gallego" con desprezo porque non gasta o que gaña, entrégao todo para o partido, o seu partido. O Partido é a súa empresa e tamén a súa causa sagrada, é a igrexa do socialismo redentor. Non ten xa vencello ningún con aquela Galicia que deixou de neno, aínda que Baroja di que "quizais o seu sotaque tiña un aquel antigo de galego". Temos un aquel antigo, seica. Nos seus percorridos cheos de traballos por toda España pasa catro veces polas cidades galegas para organizar aquí o partido, afronta a hostilidade dos anarquistas que tamén compiten pola alma dese ser moderno, o proletariado. O soño de Pablo é o dunha irmandade universal e el sóñao agora desde o seu Madrid. É o que ten a vida, un vaise e afaise. Iso ten a emigración.
Até 1936 non haberá alguén que ouse soñar ese mesmo soño da irmandade universal dos oprimidos desde entre nós. Iso fíxoo Xoán Xesús González cando fundou por primeira vez en Santiago a Unión Socialista Galega. Por ese e outros soños foi asesinado no cemiterio de Boisaca, esa élles outra historia. Paulino tivo sorte e morreu antes, en 1925.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.