_
_
_
_
Reportaje:Luces

Electrónicos de periferia

Os sons sintéticos mestúranse con elementos autóctonos en novas propostas pop

Xermán Viluba, guitarrista nos míticos Skornabois e agora o cerebro único de Zimmer 103, fai unha composición de lugar contundente: "O que agora está rompendo en todo o mundo é unha electrónica de extrarradio, que bebe de elementos folk sen ningún tipo de reparo". A noción de centro e periferia reconfigúrase para a música á mesma velocidade que a información circula nas redes dixitais. Se unha banda neoiorquina pode situarse no olimpo pop previo saqueo na rítmica africana, a escena galega tamén abebera nos cinco continentes. Na viaxe de volta, a tradición e o folk crúzanse coas novas tecnoloxías, os patróns electrónicos, a estratexia do sampleo ou os aires dance. O son traduce o futuro anterior da música galega. Ao dúo Grupoh, agochados tras o anonimato e máscaras de wrestling, préstalles teorizar sobre a "galitrónica, a música en galego do século XXII".

"A electrónica que rompe en todo o mundo é de extrarradio"

Para Viluba, partidario de botar as cancións de Zimmer 103 en pequeno formato -epé-, bastardizar a electrónica serve, ademais, para gañar independencia. "Fas a canción e distribúela ti mesmo", explica quen descubriu a maquinaria no rock a través de Stone Roses. "Enfróntaste á canción igual ca un pintor ao lenzo, ti só, sen mediación". Hat trick compareceu no netlabel A Regueifa hai xa tres anos. Logo, o seu alcume aparece en numerosos discos compartidos polas máis diversas causas: homenaxe a Andrés Dobarro, apoio ao periódico mensual Novas da Galiza, acompañando á marca de camisolas Caramuxo. "Coa electrónica procuro antes a construción de cancións que o álbum de 12 ou 13 temas; xa non somos os Led Zeppelin".

Zimmer 103 utiliza a sorna para situar o seu proxecto no mapa das músicas sintetizadas. "Podes crear a túa propia etiqueta, iso é outra vantaxe da electrónica. A miña, afrobeat feito na Galiza", ri, "ou electrofolk alieníxena". No monllo de temas que ultima anda detrás do "punto electrónico do etnofolk". Para cumprir obxectivos, emprega discusións rexistradas na aldea, regueifeiros, a oralidade popular recollida do vivo. E non dubida en falar da familia das músicas que lle interesan e que, ao seu ver, a escena galega debera ter en conta. Os angolano-portugueses Buraka Som Sistema en primeiro lugar. "Brutais". O seu kuduro -literalmente cu duro, electrónica doméstica de baile orixinaria de Angola- espállase con xeitos víricos á vez que a estrela do tamil r&b, M.I.A, colabora nas súas gravacións.

Emilio López cadrou con Zimmer 103 nos Skornabois. Logo dunha fugaz experiencia pachanga con Alkarpa -acrónimo de albaneis, carpinteiros e palistas-, constituíu a Safari Orquestra. "Con Skornabois usabamos caixas de ritmos Rolland e, contra o final mercamos dous samplers", lembra, "logo topamos con Arturo Vaquero e todo cambiou". Vaquero rexe os estudios Abrigueiro, en Friol, pero editou as súas ideas electropop co nome de Humanoid. Tamén coincidiu con López e o escritor Santiago Jaureguizar en Elviscristo Furious Machine, a comezos de década.

Safari Orquestra botará en xaneiro Ben deitei, o seu primeiro longa duración. "A nosa base é negra, black music", explica, "pero o termo safari dáche dereito a ser un emperador, un auténtico sen vergoña". Na operación de fusión da orquestra, perpetrada por cinco músicos entre os que se atopan Telémaco, aparecen Massive Attack, o reggae, o trip hop de Unkle ou Antón Reixa. "A electrónica permíteche un son en directo limpo, contundente; non hai comparación", argúe, "aínda que te debes ao xaponés, ao aparello, e cínxeste a el".

Reixa e Os Resentidos, que alá por 1984 amplificaron a pegada da electrónica sucia de Cabaret Voltaire ou Suicide en Vigo capital Lisboa, son tamén referencia para Marcos Payno, ideólogo de GalegoZ. "Hai xa dez anos que traballo cos cacharros, dende a última etapa de Xenreira", fai memoria, antes de recontar as razóns para armar GalegoZ: "Meternos coa Igrexa e co PP". Harmonías estrañas e disonancias xúntanse no discurso musical "marxista-electricista, de ciberverbena" dos seus dous elepés e un epé: Galician Chimpanzee (2006), Revolution dance (2007) e Viñeron da Galiza Interior (2009). O raggamuffin combina co techno e a mestizaxe entendida con retranca. Le Glamour Grotesque deu saída aos fedellos sonoros de Payno -o seu single titulouse Rocco Varela-, quen arestora prepara tecnopunk, coa voz do cantante dos garaxeiros Novedades Carminha, baixo a denominación New Border.

Pero o experimento máis radical é o que trazan en Projecto ['trepia]. "Decatámonos de que a música tradicional procedía con secuencias rítmicas moi sinxelas, ternarias", relata Xandre Outeiro, "semellantes a patróns electrónicos, e decidimos probar a combinalos". O resultado ofrece músicas absolutamente peculiares nas que rebotan a un tempo ecos do folk arcano, Aphex Twin, Mathew Herbert ou o punk industrial. "Reducímonos cada vez máis, tendemos ao minimal e agora metemos sintetizadores", resume Outeiro, quen recoñece débedas de partida con certa Mercedes Peón ou cos fineses Hendingarna.

Projecto ['trepia] transitaron a vía inversa á maioría de coetáneos. A partir das escolas de música tradicional, remataron nun fértil experimentalismo que inclúe videocreación e "deconstrución" da danza autóctona. "Somos un proxecto de investigación; non sabemos cara a onde imos", admite. Polo momento, A Regueifa botou o seu impactante disco curto homónimo e para o verán contan con estrearse en longo.

O diaño e a mona, do zanfonista Xurxo Romaní, as primeiras gravacións de Fanny & Alexander, nas que samplean gravacións folclóricas de campo, Bonovo ou mesmo Emilio José e o seu internacionalmente célebre Chorando apréndese poderían encaixar nunha constelación de sonoridades non completamente analóxicas sen medo a dialogar co propio ancestral.

Dj's sobre o papel

A electrónica máis pura totemiza a figura do disc jockey (dj, ou pinchadiscos). Na paisaxe galega, a revista web Galiza electrónica, integramente escrita en galego, dá conta da peripecia da escena dende hai ano e medio. Dirixida por Alberto Grandal e Lorena Iglesias, vén de tirar unha edición en papel de 1.000 exemplares. "Sacámola en papel como promoción, pero o certo é que tivo un éxito enorme", comenta Grandal.

Galiza electrónica trata, antes de máis, sobre clubes e dj's. "Deixamos fóra as propostas máis vangardistas, ou o hip hop e a escena electropop de bandas como Fanny & Alexander; abranguemos o que podemos", explica, e cifra na falta de medios esa carencia. Amais dos directores, outros tres colaboradores espallados polo país elaboran os contidos da páxina: entrevistas, reportaxes ou recensións. "Non son moi partidario das etiquetas, algo moi propio na escena electrónica na que se fala de estilo dun subestilo, pero na revista tratamos o trance, o minimal ou o techno, a zona máis comercial". E algunha concesión: na sección de descargas de Galiza electrónica figura o último dos ponteareáns Colectivo Oruga, de aire post trip hop, e que Grandal cualifica de "moi, moi bo".

"En Galicia hai unha boa fornada de artistas", considera, "pero estamos moi mal de clubes, hai poucos e o empresario da noite nunca arrisca pola cultura, están ao que están, a vender os cubatas". Pon o exemplo, por oposición, da discoteca Industria Agrícola, en Vilanova de Cerveira (Portugal), "que trae a dj's como Ritchie Hawtin e está chea de galegos". E da xeración propia envorcada na música sintética menciona aos vigueses Subsótano e a ourensá Cora Novoa, residente en Berlín. "Cora empeza a estar moi recoñecida fóra", conta de quen se encadra na "electrónica minimal".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_