Do estaleiro ao 'best-seller' culinario
Un ex sindicalista do naval converte un libro de receitas en supervendas
Tres edicións de 4.000 libros cada unha agotadas en tan só un mes e unha cuarta edición de 10.000 exemplares, da que restan xa poucos por vender. En total, case 22.000 libros despachados en tres meses. "Este libro é un fenómeno sen precedentes. A tirada media dun libro en galego pode rondar os 2.000, pero nunca se vendeu tal cantidade nun período tan curto de tempo", di sorprendido Xosé Soutullo, director de produción de Galaxia. Esta editorial publicou a principios de xullo A cociña de Larpeiros, un libro de receitas de cociña escrito por Benigno Campos, un cociñeiro afeccionado, coñecido en Galicia polo programa de Televisión de Galicia Larpeiros.
A axenda de Campos nos últimos meses, entre presentacións e pregóns gastronómicos, é como a xira dunha estrela do rock. Aínda que xa lles gustaría a algúns rockeiros despachar o que despacha Benigno: en Ferrol asinou 200 exemplares nun día e tiveron que pedir máis ao almacén, e en Carballo botou catro horas e media asinando sen parar, por poñer un par de exemplos. "A televisión axuda, pero tamén ten moito que ver con Benigno como personaxe, e como creador de empatías co público", afirma Soutullo.
'A cociña de Larpeiros' leva vendidos case 22 mil exemplares
A receita estrela, e controvertida, do libro é a coción do polbo sen auga
Antes de que o azar o guiase ata a televisión, Benigno Campos xa era un tipo dunha certa popularidade en Vigo e, sobre todo en Chapela, onde naceu e onde segue a vivir. Criado nunha tenda de ultramarinos, onde "había de todo, como no Corte Inglés", sendo mozo entrou nos estaleiros Vulcano, e aí acabou traballando como delineante nada menos que 39 anos. Converteuse nun activo sindicalista e, nos anos duros do franquismo, empezou a militar clandestinamente no Partido Comunista. "Daquela en Vulcano había uns 1.000 traballadores en plantilla, e tiñamos unha célula comunista de cerca dun cento de militantes", lembra nas instalacións do Náutico de Vigo, cos guindastres dos asteleiros ao fondo.
Campos ten 60 anos e está prexubilado desde hai cinco. Afectado por unha doenza coronaria, concedéronlle unha invalidez, pero pensou que aínda era novo para estar sen facer nada. Apelando ao seu espírito solidario, organizou un curso de cociña para os seus colegas prexubilados. "Estaban desmotivados e había que ocupar o tempo e animalos. Anotáronse 25, máis da metade seguen cociñando e as súas mulleres agradécenmo moito", rememora con orgullo, recén saído da piscina do Náutico, onde nada con regularidade. "Aquí coñecín ao xornalista Tomás Alonso, o que presenta Larpeiros; el deulle a idea ao director Xosé Cermeño e así ata hoxe", explica, para engadir rindo que a súa única experiencia como comunicador fora "facer de speaker nas carreiras de ciclismo".
Semana a semana, Larpeiros converteuse nun dos programas con maior audiencia da TVG. As súas recetas coméntanse nos mercados de toda Galicia, entre elas as moitas que ten sobre o bacallau, o seu prato favorito, "antes comida de pobres porque era barato, e agora comida case de ricos". De entre as 150 receitas que ten o seu libro, Campos calcula que "case un 10% son de bacallau". Ademáis das diversas modalidades de cociñar ese peixe, hai sen dúbida unha receita estrela que xera non poucas controversias: o polbo cocido sen auga. "Un mariñeiro de Bueu díxome que esa receita tiña trampa, e eu díxenlle 'probe a facelo, e xa verá', pero logo comprobou o resultado e deume a razón, o polbo faise na propia auga que desprende", afirma rotundo, ao tempo que aclara a autoría: "Mentiría se digo que é miña, xa que é dunha señora de Panxón".
Os cartaces de Benigno Campos, co seu sorriso afable e o seu mandil promocional, invaden os escaparates das librerías galegas. A cociña de Larpeiros é un dos poucos títulos que logra asomarse entre as moreas de libros da inevitable saga Millenium, a voluminosa triloxía escrita polo finado Stieg Larsson. Empuxado polo éxito, Campos prepara xa un segundo libro con outras 150 novas receitas, e avanza que está en negociacións con varias editoriais para publicalo na súa versión en castelán.
Entrementres, o seu móbil non para de sonar. Unha semana máis, volve ter concertadas outras catro ou cinco entrevistas de promoción, e iso que xa vai para tres meses que anda de xira. Sorrindo, feliz, e cos guindastres de Vulcano ó fondo, a sombra baixo a que pasou case catro décadas da súa vida, sentencia: "Agora son como unha pota de polbo, todo o tempo dun lado para outro".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.