_
_
_
_
Reportaje:Luces

O humor que somos

Reedítase o estudo de Celestino Fernández de la Vega sobre o que foi considerado un dos elementos troncais da alma galega

En 1963, na paisaxe cultural máis que precaria de finais da etapa autárquica do franquismo, e no ermo que era o ensaio filosófico, cando máis en galego, apareceu un libro insólito. O segredo do humor, de Celestino Fernández de la Vega, un funcionario de provincias, era un sólido estudio sobre unha das facetas menos estudada e máis curiosas da personalidade humana, o humor. A pesar de ser unha árbore frondosa crecida no deserto, non espertou apenas atención, nin sequera nos ambientes intelectuais españois, quitado no reducido círculo de persoas preocupadas pola reconstrución ideolóxica de Galicia. Estes días, Editorial Galaxia vén de publicar a terceira edición (a segunda foi en 1983) daquel libro seminal, unha boa ocasión para reflexionar sobre a vixencia do contido.

A retranca serviu de defensa ante as preguntas con respostas perigosas
O humor galego ten semellanzas ó doutros pobos que foron dominados

A maiores do valor intrínseco do ensaio, a reedición aproveita a actualidade do coautor intelectual d'O segredo, Ramón Piñeiro. Como conta no prólogo da segunda edición o homenaxeado do Días das Letras deste ano, o libro concibiuse como parte da estratexia fundacional de Galaxia, a de acometer unha nova refundación de Galicia mediante o estudio "dos temas fundamentais da cultura galega". O primeiro publicado foi un tema colectivo sobre a obra de Rosalía de Castro (é dicir, sobre o lirismo), o segundo foi dedicado á saudade e o terceiro, á paisaxe e cultura. Que o humor fose elixido por aquela confraría de gardiáns das esencias que pilotaba Piñeiro como o cuarto ingrediente do que chamaban a alma de Galicia non deixa de ser chamativo naquela época cando menos alicaída, sobre todo sabendo que non era doado. Segundo Piñeiro, deseguida acordaron que De la Vega, O Cilistro, "era quen de levar a cabo con éxito esa difícil aventura intelectual".

O resultado daquela aventura que acometeu o Cilistro comeza coa dedicatoria á súa muller e "para que os nosos tres ledos cativos medren e comprendan un pouquiño da ledicia e da tristura do seu pai" e remata co ensaista recoñecendo que "o tema, sen dúbida, non queda esgotado, quen queda esgotado é o autor". As duascentas páxinas que hai no medio son un traballo exhaustivo, como demostra a amplitude e variedade das fontes bibliográficas que usou. A súa intención non era desvelar o segredo, a clave do humor, senón salientar que "o humor ten un segredo, acubilla a súa esencia, gusta de se disfrazar". Entre as conclusións que o autor quita, está a de que o humor é un produto da cultura occidental e da idade moderna, a cultura e o tempo no que se produciu a separación entre o suxeito e o obxecto. O humor sería a visión distanciada e irónica do obxecto, do mundo exterior. "Celestino era estrañamente culto para a época. Esa apreciación baséase na filosofía de Heidegger. Heidegger comezou a facerse popular en España a finais dos 80, e hoxe dás unha patada a unha a pedra e sae unha presada de heiddegerianos, pero daquela moi pouca xente coñecía e lía a súa obra, como facía el", sinala o filósofo Antón Baamonde, autor do prólogo da escolma de traballos de De la Vega, Ensaios a proba do tempo?que Galaxia está a piques de publicar.

Para De la Vega, o primeiro humorista moderno foi Cervantes, a pesar de que "o problema do humor apenas ten cabida no horizonte mental dos españois". "Cervantes tivo moi pouca fortuna cos seus intérpretes españois, obsesionados pola figura de Don Quixote e da súa presunta condición de clave, cifra ou símbolo do español". Entre os moitos exemplos desa incapacidade hispana para o humor, n' O segredo aparece desde a definición do dicionario da RAE de entón, no que a primeira opción é "cualquier líquido del organismo animal", ata a consideración intelectual que se lle outorgou ás Humoradas de Campoamor (do tipo: "¡Es la esencia mejor de la belleza/el olor sin olor de la limpieza!"). A pesar da encarga, n' O segredo do humor non hai demasiadas referencias ó humor galego. "Se se pensa en Valle-Inclán, en Xulio Camba, en Castelao e na ascendencia galega de Cervantes e de Eça de Queiroz -case os únicos humoristas peninsulares- pódese chegar a sospeitar que o humor debe ter algo que ver coa alma galego-portuguesa", é unha das poucas. "Os dous apelidos coñecidos de Cervantes son galegos, e desde logo o humor do Quixote é galego", afirmou Gonzalo Torrente Ballester en 1992. "Atopamos o humor tanto nas expresións populares como nas creacións cultas, xa desde os cancioneiros medievais. Se pensamos nos pais da patria norteamericana, Washington e Jefferson, eran plantadores ou avogados, pero o noso, Castelao, era un humorista. Buscando no ADN do galego, a fórmula sería I+M, ironía máis melancolía", asegura Manuel Rivas. O escritor, que reivindica que o humor atravesa toda a súa obra, recorda que o cineasta ruso Sergei Einsenstein establecía "unha irmandade entre Charlot e Dostoievski porque xuntaban melancolía e humor". Xa o propio Fernández de la Vega apuntaba a esa maridaxe un tanto paradoxal ó asegurar que o humorismo "é un sutil xogo de relacións e relativizacións". "Para non sucumbir á dor non hai nada mellor que rir dela, para non enlamarse no riso, non hai cousa mellor que buscarlle o lado triste". E os creadores de Tiempos modernos e de Crime e castigo tamén aparecen como exemplos de humoristas n'O segredo do humor. "Claro que existe un humor galego. É o que ten moita carga de ironía, máis que comicidade, é de ida e volta, deixa as cousas para que as remate o receptor", asegura un dos seus practicantes, o debuxante Xaquín Marín, fundador do Museo do Humor de Fene, que apunta que "en moitos sitios, de Brasil a Venezuela, quedaban sorprendidos porque pensaban que en España, como moito, había a comicidade andaluza".

"Todo pobo ten o propio sentido do humor, forxado polas circunstancias históricas. Os pobos dominantes tiran cara á comicidade ofensiva da mofa sarcástica, como por exemplo a guasa madrileña; nos pobos dominados dáse o humor defensivo e irónico. O humor caracteristicamente galego é a retranca, que naceu no oprimido pobo galego como unha arma defensiva contra as temíbeis autoridades, unha maneira de non dar respostas a preguntas perigosas. Agora que as autoridades son algo menos de temer, a retranca é unha fina e ás veces case imperceptíbel ironía empregada máis para o elegante pracer estético e intelectual con que enriquecer a conversa, e tamén como reafirmación a nivel persoal da identidade nacional galega", asegura o hispanista británico John Rutherfod. Sen embargo, o recén xubilado profesor do Queen's College da Universidade de Oxford sempre desmentiu a semellanza entre o humor prototípico, o inglés, e o galego. "Haina co doutros pobos historicamente dominados, como o irlandés e o xudeu", asegura.

Se o humor naceu como arma defensiva popular, mantense agora que xa non hai esa relacións de dominación e mesmo menos uso do idioma no que foi creado?. "Ese sentido do humor tíñao a xente de antes, agora vaise perdendo", lamentaba Torrente naquela entrevista do 92. "Aínda se mantén, pero máis ben na xente maior e nos campesiños, é unha especie ameazada de extinción", concorda hoxe Rutherford. "O humor está ligado ó idioma, ó clima, á paisaxe, e está morrendo porque todo iso cambiou", confirma Xaquín Marín. O máis pesimista é Antón Baamonde: "Pásalle igual que a outras moitas cousas, que se viu afectado pola sureñización de Galicia. Antes non ían galegos ós programas de corazón, e xa van. O sentido do humor dos rapaces é o da televisión, cada vez ten menos peso a familia. Un país que nos últimos 30 anos está acabando co seu patrimonio, co idioma e con case todo, por que ía conservar iso? Unha mágoa, porque como dicía Celestino de la Vega, 'a falta de senso do humor encheu os campos de concentración".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_