Un escritor na fronteira
Xelís de Toro explora o relato de aventuras en 'Riofero'
A barcaza diríxese cara ao horror. Pero cara a ese horror metafísico que atrapara ao coronel Kurtz na selva do Congo. A bordo viaxan un escritor na procura de historia, unha pianista de variedades e un forzudo de cabaré. O leme vai nas mans dun cativo mariñeiro fluvial. "Sabía que ao facer unha novela de río, a sombra de Conrad estaría aí, pero asúmoo", explica Xelís de Toro sobre Riofero, o seu retorno á edición logo de dez anos. Precisamente unha cita de Richard Hoggart explicita as débedas co Corazón da escuridade no pórtico da novela. "Non me interesa a orixinalidade á hora de escribir", di, "senón traballar unha materia común, que é de dominio público; iso é a cultura".
Nun escenario tropical, que remite ao Fitzcarraldo de Werner Herzog, Xelís de Toro constrúe un relato de aventuras que dá en rebentar costuras xenéricas. "O meu desafío foi realizar unha novela a partir dun material que eu non inventei", apunta, "con esa metáfora, a do río, que todos coñecemos, é colectiva". A canle fluvial como o discorrer da vida. "Facelo á miña maneira era a dificultade". O Riofero remata por conformar o centro da obra e rivaliza, como personaxe, con Marqués, o escritor en busca de algo para contar que navega xungla adentro.
"Non me interesa a orixinalidade ao escribir, senón a materia común"
Nos 80, a cultura galega pexaba de "moi litúrxica, demasiado seria"
"Máis ca escribir unha novela de aventuras, explorei o que é unha novela de aventura", teoriza. Riofero, editada por Xerais, recolle códigos e repertorios do relato clásico. Pero De Toro xoga nas lindes, deixa o terror en suspenso e estabelece como contradición principal a tensión entre a realidade e a necesidade de apreixala. E a fotografía, lembra, "ese intento de acoutar o real, deixar constancia do que non se pode perder". O escritor da ficción manexa, amais do caderno, a cámara fotográfica.
Para arribar a Riofero, Xelís de Toro (Santiago de Compostela, 1962) percorreu catro novelas. "Asomeime ao abismo con Terminal e retrocedín". O obxecto Terminal indagaba "nos límites do que é unha novela, incorporaba fotografía e xogaba coas tipografías e con escritos sampleados". Na rúa co selo Edicións Positivas, a obra, outra volta ao lúdico na literatura, pasou sen facer ruído. "Ninguén o leu, nin se vendeu, só tivo unha recensión", lembra o escritor. Non se tratou exactamente de frustración, mais si de mudanza da súa propia percepción como autor. Seis cordas e un corazón (1989) e Non hai misericordia (1990), os primeiros de Xelís, vendéranse "como best sellers, para a literatura da época".
A estrea no campo literario do autor d'Os saltimbanquis no paraíso (1999, premio San Clemente) debérase a "unha novela negra por casualidade". Seis cordas e un corazón escribiuise á calor de Absolute beginners (Colin MacInness, 1959) e A conxura dos necios (John Kennedy Toole, publicada en 1981) e só por azar desembocou na esmorecida colección noir de Xerais. "Era unha parodia urbana co obxectivo de divertirme moito". De Toro enfrontábase a unha cultura "moi litúrxica, demasiado seria". Nese traballo de dinamitar a quietude non só entraba fabricar libros que enlazasen con Rompente, senón tamén editar, recitar, facer revistas. Ronseltz operaban na Coruña cun programa semellante.
De Toro participou, nos últimos 80, na posta en marcha de Positivas. Canda Paco Macías, que segue na empresa, a editora abriu fiestras para airear lugares comúns e impulsou prácticas logo adoptadas polas casas grandes da edición. "Non separabamos os galegos e as traducións", describe, "e traducimos cando non se facía". O autor de Riofero desvinculouse da editora, e da súa banda de rock Os Quinindiolas -influencias de Iggy Pop, The Jam e The Clash canda Fran Pérez, agora Narf- ao tempo que se autoexiliou na Gran Bretaña.
Fraga Iribarne viña de se facer coa Xunta e esa non foi razón menor para marchar. "Abríase un panorama escuro; saíume a oportunidade de ser lector de galego en Inglaterra e aceptei", rememora. A súa opción valeulle, amais, para reafirmar ao escritor perante o axitador cultural: "Era un conflito grave que non daba resolto, estar escribindo e por outra banda editando". Primeiro Birminghan e agora Brighton, De Toro traballa de redactor xefe en revistas editoriais. E segue, dende unha osixenda distancia, a literatura galega "por dentro e por fóra". "O escritor máis impresionante entre os novos é Samuel Solleiro", considera.
Dá proba da súa atención ao que acontece aquén mar a antoloxía de conto galego contemporáneo que editou a asociación boca2mouth, animada por De Toro. Pintores, videoartistas, músicos e escritores traballan en "performance multimedia". E o escritor de Santiago experimenta agora coa música improvisada, onde naceu o "proxecto sonoro Riofero". A Regueifa Plataforma e o laboratoro.net/riofero acubillan a experiencia.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.