"Foi unha lexislatura perdida para o libro"
A finais deste 2009, haberá 30 anos da existencia de Edicións Xerais, centrada nas manifestacións literarias galegas e comprometida coa modernización da cultura. Nos últimos tres lustros a maior empresa editorial galega ten á fronte a Manuel Bragado (Vigo, 1959). A produción anual de Xerais supera os 300.000 volumes, ao tempo que atesoura o fondo de lingua galega máis numeroso, nove millóns de exemplares. A través das súas colaboracións en medios de comunicación e das anotacións no seu bretemas.blogspot.com, este mestre en excedencia é un dos comentaristas máis vizosos dos asuntos culturais, sociais e políticos.
Pregunta. O sector editorial galego está tamén en crise?
Resposta. Nos últimos dous anos produciuse estancamento da produción e encollemento da presenza do libro galego no mercado interior. Iso coincide cunha esperanzadora proxección exterior, máis como interese que como mercado, tamén produto da visibilidade nas feiras internacionais. Pero se botamos a ollada catro ou cinco anos atrás, esta foi, desgrazadamente, unha lexislatura perdida para a lectura en Galicia e para os problemas estruturais do libro. A pesar da aprobación da Lei do Libro, o modelo do PP non se modificou e o impacto da modalidade de gratuidade dos libros de texto tampouco foi valorado, aínda que tivo efectos brutais sobre a facturación dalgunhas empresas. Non o refiro por afán de lucro desmedido, senón porque o libro de texto supuña o 40% da edición anual e o 60% de venda, o que nos permitía despois aumentar a oferta noutros eidos. O Goberno galego desentendeuse do futuro do sector editorial e é decepcionante, porque había moitas espectativas en que esta Administración apoiase a lectura non como acto individual, senón como acceso ao coñecemento para toda a cidadanía.
"Culturgal demostra que o éxito pasa porque vaiamos todos da man"
"É vergoñento o abandono no que o BNG deixou a Ánxela Bugallo"
"As políticas da lectura deben formar un 'corpus' coas de normalización"
P. É de decepción o seu balance da lexislatura xa concluída?
R. Houbo acertos, como a creación dos Premios Nacionais, e Culturgal, que demostra que o futuro pasa por que vaiamos todos da man. No mercado interior é onde boto en falta máis enerxía. Non houbo coraxe para crear institucións que xestionasen a estratexia de país que necesitamos, que non é asunto exclusivo só dunha consellería, senón algo compartido entre administracións, sectores profesionais e autores. Con escaso éxito, defendín que, se non había orzamento para un organismo de difusión da lingua e da literatura galegas no exterior, canto menos se organizase unha oficina de promoción internacional. A necesidade de políticas transversais no Goberno galego segue aí. Isto non exclúe a vergonza que me produce o abandono no que os membros do seu partido deixan á conselleira nos últimos meses. Laméntoo por Ánxela Bugallo, a quen admiro polas súas posicións valentes en temas tan complicados como a Cidade da Cultura. Se a xente do seu partido non as comparte, os cidadáns deberiamos sabelo.
P. Vai asistir á Feira do Libro da Habana este ano?
R. Non, igual que fixen o ano pasado. Pero o libro e os editores estarán presentes coa mesma humildade de sempre. Ao deputado do PP Ignacio López-Chaves coñecino cando era un pésimo concelleiro de Cultura en Vigo. Agora leva unha campaña vergoñenta contra un evento ao que fomos convidados como cultura e ao que respostamos coas nosas mellores galas.
P. Cal é a gran materia pendente para o próximo Goberno?
R. As políticas do libro e da lectura deberían formar un corpus coas políticas vencelladas á normalización lingüística e non estar repartidas como resultado dun Goberno bipartito. Nesta lexislatura houbo avances como nunca se deran co decreto do galego no ensino e coa asociación de lingua, lectura e novas tecnoloxías, onde xurdiron algunhas das cousas máis fermosas, como todo un ecosistema de mediadores formado por voluntarios pola lectura que cristalizan en iniciativas exemplares como blogs e clubes de lectores.
P. Vostede é optimista nos resultados do diálogo entre as formas culturais tradicionais e as novas tecnoloxías.
R. É un momento de entusiasmo: asistimos a un cambio no modelo de comunicación cultural, do impreso ao electrónico. Esta transformación da cadea de valor tradicional do libro impreso produce desconcerto en editores e en creadores, cando abeira enormes posibilidades para ambos os dous. Esta fase de incerteza supón un reto que a cultura galega pode afrontar en magníficas condicións.
P. Pode ser este o ano do despegue do libro electrónico?
R. Xerais publica cada ano 30 títulos en CD ou DVD para o profesorado, textos que poden ser impresos ou manipulados. O libro galego estará presente no contexto electrónico, un soporte relativamente accesíbel, no mesmo prazo de tempo que en España onde, por certo, están aínda moi retrasados neste eido. En Francia podes atopar 44.000 títulos e na tenda española Leer-e apenas 600. É unha batalla nos próximos anos.
P. Que revelan as listas de vendas?
R. As novidades teñen dificultades para superar os 3.000 exemplares vendidos, que son os dez primeiros postos. A existencia dun fondo editorial é o músculo que nos mantén vivos. O libro galego non está mediatizado pola publicidade nin polos suplementos literarios e carece das características de novidade que permiten que outras publicacións estean na vitrina dous ou tres meses. Temos que conquistar un espazo propio.
P. 2009 é unha data moi significativa para a editorial.
R. Celebraremos 30 anos sen grandes festexos. No noso programa figuran catro grandes acontencementos: o centenario de Iglesia Alvariño; o de Cabanillas; a figura de Ramón Piñeiro e o bicentenario da Guerra da Independencia en Galicia. Impulsaremos a tradución cunha colección de pensamento e coa incorporación de autores doutras linguas. E publicaremos o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, O sombreiro chichiriteiro, ilustrado por Patricia Castelao.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.