OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Quintana, Espartaco e os romanos

"O imperio está moi preocupado polo que está pasando na provincia galaica...". O imperio parece que anda estes días máis preocupado por outras imaxes, as da espionaxe fratricida do poder madrileño, mais é ben certo que un vídeo está a revolucionar o combate electoral na provincia galaica. É xa unha mera convención formal o separar precampaña e campaña e estes primeiros ganchos propagandísticos son talvez máis importantes que os golpes finais, nos que tanto confía a vella política. A rechamante peza titúlase Eu son Anxo Quintana, e foi lanzada nun principio dende o videoblog do candidato do Bloque Nacionalista Galego, un espazo chamado Quin.tv. En poucos días, a cousa, este videoclip ou spot de vía e factura alternativa, realizado por Antón Reixa, vén de acadar na rede o efecto soñado para un produto destas características: primeiro, provocar a atención, logo, a excitación e, finalmente, a expansión. O resultado: miles de visitas na canle propia e agora tamén no YouTube.

Os primeiros ganchos propagandísticos na campaña son talvez máis importantes que os finais

A cousa dun Quintana metamorfoseado en Espartaco está a ser moi debatida en diversos foros, con opinións apaixonadas e moitas veces humorísticas, mais iso é tamén outra mostra de éxito nesta fase política e para este candidato: sorpresa e polémica. É dicir, un papel protagonista, xusto cando algúns medios decidiran sometelo a un tratamento de espectro, técnica xornalística con singularidades enxebres que algún día merecerían un master, pois contamos con brillantes especialistas no escamoteo ou raspa informativa de seres vivos. O impacto que está a ter a cousa de Quintana demostra que un aparello respiratorio imaxinativo, tamén na provincia galáctica, pode atopar o ar necesario fóra dos dominios tradicionais.

Dise que "o medio é a mensaxe". Dise que "unha imaxe vale por mil palabras". E así unha chea de proverbios, non exentos de parvidade. O ovo cósmico, o big-bang, é o ter unha boa idea. Así foi e así será, nos petroglifos do Neolítico, na Galaxia Gutenberg ou na de McLuhan. Velaí temos a Bansky, o anónimo guerrilleiro artístico, que a partir dos muros das calexas marxinais de Londres está a proxectar os seus graffitis nos valados do universo. As ideas importan, e moito. Obama non existiría sen a diferenza do seu discurso. Mais afirmar todo isto debe levarnos a un miradoiro clave. A paisaxe da comunicación está a coñecer unha mudanza xeolóxica. Non é que vaia cambiar, é que está a moverse baixo os nosos pés, e ás veces a escachar como o xeo. En Galicia semella que estamos nun intre levítico. Soamente hai 13 liñas por cada cen habitantes con acceso a banda ancha. Mesmo semella vir a conto un verso de Fast, o autor de Espartaco: "I got no future, but lots of past". Non teño futuro, mais teño moreas de pasado, algo así.

Pero en Galicia case nada é o que parece. Tamén na mudanza da sociedade da comunicación coido que estamos por diante do que aparenta. Somos expertos de toda a vida en redes, aínda que non teñamos Rede. E xa os resultados da anterior campaña electoral, como ocorrera co "espertar marítimo" do Nunca Máis, non se explicarían sen as redes alternativas de Internet e a telefonía móbil. Agora, cando os candidatos fan a pegada de carteis, semella que asisten ao enterro da sardiña. Un excelente analista de medios, Juan Varela, de orixe galega, escribía hai pouco na súa bitácora Periodistas21: "Como está demostrando a campaña norteamericana, os candidatos modernos deben ser multimedia. E a súa arma principal é o vídeo, seguido polo activismo na Rede".

A todo isto, eu do que quería falar hoxe era de Pico Olveira e Howard Fast.

O Eu son Anxo Quintana é unha adaptación simpática, cándida, dun dos intres máis emotivos do cinema épico, o Espartaco de Stanley Kubrick (1960), baseado na extraordinaria obra de Fast, con guión do macanudo Dalton Trumbo. Aí é cando o represor Craso pregunta quen da multitude é Espartaco e unha a unha as voces van dicindo: "Eu son Espartaco!". A de Fast, esa si que era unha novela histórica. Aínda a les e notas como enmuxica, faísca nos ollos e pon os pelos crechos. Tanto Fast como Trumbo sabían o que era a represión. Foron perseguidos durante anos polos poderes ultras que borraron os seus nomes da vida laboral e pública. Fast estivo no cárcere por negarse a dar a lista de compañeiros que sostiñan o Comité de Axuda aos Refuxiados Antifascistas, creado sobre todo para axudar aos exiliados españois. Kirk Douglas, o intérprete de Espartaco, tivo gallas e decencia. Non parou até que os nomes de Fast e Trumbo figurasen outra vez en lugar de honra.

A min o que me marabilla do vídeo do Bloque é a actuación de quen fai de Craso, o represor romano. O gran actor galego Pico Olveira. É el quen crea o clímax, quen fai verosímil formalmente a peza. Ganas dan de berrar: "Eu son Pico, me cagho nas termas de Caracalla!". E niso os galegos somos como os demais. O que nos gusta nas películas é o que fai de malo. Por certo, quen fai de malo nestas eleccións?

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Logo elpais

Ya no dispones de más artículos gratis este mes

Suscríbete para seguir leyendo

Descubre las promociones disponibles

Suscríbete

Ya tengo una suscripción