De 'Deus ex machina' a Anticristo
Unha tese bota luz sobre as tensas relacións entre Piñeiro e o Consello de Galiza
O Día das Letras Galegas celebra os méritos literarios do homenaxeado pero non é ningún segredo que, no caso de Ramón Piñeiro, será sobre todo a dimensión política a que esculpirá a súa figura para a historia. Máis alá da forte vocación filosófica dos ensaios sobre a Filosofía da Saudade quedará o papel central que Piñeiro xogou na Galicia da última metade do século XX. De feito, a decisión da Real Academia parece indicar que Piñeiro xa é historia. Fóra da lenda dourada que o presenta como un santo laico, ou da visión das novas fornadas nacionalistas, para as que o foi a encarnación do Anticristo, a data será unha ocasión para reconsiderar a figura que encarna a resistencia do galeguismo interior fronte á ditadura. Pero, dado que Piñeiro estivo no centro de tantas cousas, tamén pode ser a ocasión para considerar as consecuencias que tivo o corte, máis que a evolución, do nacionalismo dende o PG ata o BNG e para avaliar qué cambiaría se o Consello de Galiza, que tiña a súa sede en Buenos Aires e estaba presidida por Castelao, conseguise encarnar a lexitimidade do Estatuto do 36.
Piñeiro: "Ferrín cre que é Fidel cando ten barba e Ben Bella cando se afeita"
Mantivo aceso o facho, tal e como o entendía, e non lle faltou valor
Piñeiro era, no momento en que estalou a guerra, un militante do PG e cando acabou pasou a ser un liberado. Por tanto, as súas actitudes eran non só súas, senón dos militantes que restaban na clandestinidade. De feito, cando no 46 é detido xunto aos irmáns Saco e pasa a actuar como secretario do partido Fermín Penzol, este sostén os mesmos puntos de vista sobre as relacións co Goberno da República no exilio, con Castelao e o Consello de Galiza. Non foi só Piñeiro, tomado como pretexto ou Deus ex machina: cando os militantes do interior decidiron, a suspensión das actividades do PG en beneficio da creación da Editorial Galaxia sabían que estaban adoptando unha posición polémica. Que tomasen esa decisión non implica que xulgasen que había que substituír a política pola cultura. Non existía esa presciencia nin os guiaba esa teleoloxía. Que despois o PG non volvese a nacer foi probablemente o resultado de continxencias das que a racionalización é o que se pasou a denominar piñeirismo. Pero o que quedaba do PG limitouse a exercer o seu xuízo político dun modo que interpretaba a súa experiencia. E só galeguistas e comunistas seguiron obrando naquelas circunstancias. Nada, ou case nada, quedou doutros partidos.
O contexto en que o PG foi suspendido é o do comezo da Guerra Fría. Se a vitoria dos aliados ergueu a esperanza do final da ditadura, a fins dos 40 xa estaba claro que o franquismo tiña longo percorrido e que ía sobrevivir co apoio das potencias occidentais. Había que prepararse para un longo inverno á espera da liberdade, unir forzas e crear un espazo que irradiase o idioma e a cultura do país negado.
Ese período analízao polo miúdo o outrora reputado membro do PSdeG Miguel Barros na tese doutoral Ramón Piñeiro: o PG e a revisión do nacionalismo que constituirá un antes e un despois na análise do nacionalismo de posguerra e aportará datos moi concluíntes sobre outro aspecto central, pero conexo, na evolución do galeguismo e que xa fora apuntado por autores como Xavier Castro, Henrique Monteagudo e Xosé Manuel Núñez Seixas: a difícil relación entre os galeguistas do interior e aqueles que, con Castelao á cabeza, querían consolidar ao Consello de Galiza como representación única. Tanto vascos como cataláns dispoñían de gobernos lexítimos no exilio dado que as institucións de ambos países xa existían no final da República. Non era o caso galego. As institucións de autogoberno non foran creadas dado que o Estatuto se aprobou xa en plena guerra nunha sesión do Parlamento en Valencia. Ademais as divisións entre as forzas do exilio republicano, que non eran poucas, debilitaban esa pretensión. Se Piñeiro foi decisivo á hora de que Castelao formase parte do Goberno Giral, xulgaba, no entanto, que o galeguismo do interior tiña que actuar coa súa propia voz. Pero, outra vez non era el só. Todo o comité do PG parecía xulgar que as cousas vistas dende Galicia diferían de como eran percibidas dende o exilio. A discusión entre uns e outros foi acerba e levou consigo consecuencias que se arrastran ata a hoxe. Imaxinemos, como suxire Ramón Villares, que á morte do ditador existise un órgano que encarnase a legalidade no exilio.
Pero foi sobre todo a suspensión da actividade do PG a que converteu a Piñeiro na besta negra dos novos nacionalistas que xurdiron nos anos 60 e que formaron o que despois pasou a ser o BNG. Hai motivos moi obxectivos para que iso fose así. E non só o adelgazamento da mensaxe nacionalista que implicaba o culturalismo. O así chamado culturalismo parecía supoñer unha advertencia sobre os límites da acción que tiña que resultar estraña nos ouvidos das novas xeracións formadas na ultraesquerda a diferenza dos vellos galeguistas, de mentalidade republicana, liberal e pro-occidental.
Cando Méndez Ferrín, no Retorno a Tagen Ata, decide asasinar en metáfora a Piñeiro está cumprindo o que parecía a fantasía dos novos nacionalistas fronte a uns homes maduros que vían o mundo con outros ollos. E que non eran pampos nin brandos. Recordo o comentario lacónico de Piñeiro: "Ferrín pensa que é Fidel Castro cando ten barba e Ben Bella cando está afeitado". Máis alá dos reproches, hai que saber entender o que teñen de diferenzas dentro da familia.
Con todo, a figura de Piñeiro foi tratada con certa inxustiza. Á fin e ao cabo, el estivo aí. Foi o liberado do PG, o que asumiu a súa representación nas plataformas da oposición democrática nos anos 40 e foi tres anos ao cárcere por iso, onde estivo a piques de perder a vista. Ademais Piñeiro só podía ser Piñeiro se os seus correlixionarios o autorizaban a selo. E ninguén dubidou nunca da súa honradez e convición. En realidade, un sempre tivo a sensación de que Piñeiro chegou a ser Piñeiro en parte porque serviu de pretexto para demasiada xente. Para lexitimar demasiadas cousas, a favor ou en contra. Tanto vale para un roto como para un descosido: pero iso esquece a consistencia dunha figura que tal vez se equivocou pero que foi de pasos facilmente intelixibles.
Como figura histórica, ten un atractivo ambiguo. Sacrificou a que podía ser a súa imaxe póstuma en beneficio do que consideraba máis útil no momento e proporcionado aos medios cos que contaba o galeguismo. Pero é certo que a ambigüidade da mensaxe faille escaso favor á súa recepción futura. El puído ser o Tarradellas do interior, o Irujo. Ao que parece, foille ofrecida a presidencia da pre-Autonomía, pero el refugouna porque pensaba que non se axeitaba nin ao seu carácter nin ao seu papel. É a súa honra, pero talvez tamén a súa pexa.
Dende logo, mantivo aceso o facho, tal e como el o entendía. E non lle faltaba valor físico, nin ideolóxico. Como tampouco a Fernández del Riego ou Xaime Illa, que están aí e seguen constituíndo unha fonte de información e de confianza no poder das conviccións. Por outro lado ¿qué quere dicir exactamente culturalismo? Tense esaxerado moito o alcance desa expresión -en parte porque permite un uso máis católico do galeguismo-. Non hai moito tempo, Xaime Illa dicíame nunha conversa que a idea de Realidade Galega fora súa aínda que despois Piñeiro a puxera en obra. Eles lograron que o Estatuto da aldraxe non saíra adiante e promoveron con éxito a Lei de Normalización Lingüística. Evidentemente iso é política. Como era unha actitude política a teoría segundo a cal había que crear forzas políticas propias que replicasen o arco parlamentario europeo. Que esa experiencia se saldase cun fracaso non é exactamente responsabilidade de Piñeiro e a súa xeración.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.