Días de compromiso en Estados Unidos
Unha das ideas estabelecidas no tempo das Rebaixas Mentais é a de que Mickey Mouse xa hai tempo que roeu a Voltaire nun sándwich da Enciclopedia. É dicir, que a figura do intelectual comprometido é un decadente produto típico europeo e que en Estados Unidos, se é que o atopamos, é unha figura excéntrica, unha especie de can verde, que non conta nin pinta moito na opinión pública. Nin sequera Noam Chomsky, o "máis sobranceiro dos pensadores contemporáneos" (The New York Times), saltaría as lindes desa reserva da tribo dos raros.
Nin unha cousa nin outra. Por exemplo, os xornalistas, en xeral, comprométense moito máis en Estados Unidos que en Europa. En Europa esaxerouse a influencia do intelectual na sociedade, creouse unha mitoloxía irreal, sobre todo dende o impacto do Eu acuso de Émile Zola polo caso Dreyfuss. Si, houbo un André Malraux que foi ministro francés de Cultura, despois de pilotar avións republicanos na guerra de España. Mais ao cabo, unha das imaxes que fica na retina é o salto no baleiro, os suicidios de Primo Levi e doutros incómodos escritores superviventes dos campos de exterminio a quen Europa prefería non oír, concentrada de novo nos negocios. En Estados Unidos non todo foi industria do lecer nin pato Donald. Hai unha extraordinaria tradición de compromiso, que vén de moi atrás e que tivo fondas raíces populares. Que se manifestou na defensa dos dereitos indios, no anti-esclavismo, nun sindicalismo que foi vangarda no mundo, nos movementos polos dereitos civís. Un compromiso que, por citar nomes da cultura, estaba en Henry David Thoreau, en Walt Whitman, en Mark Twain. E que tivo referentes xeniais en todos os eidos neste século XX. Xente que apostou o maxín na obra e a cabeza na vida. Verbo de vidas esnacadas é de moito proveito ler a biografía de Dashiell Hammett, o mellor autor sen dúbida de serie negra da historia, escrita por Diane Johnson. Queren unha cita comprometida de Hammett? Velaí vai. Unha das miñas preferidas: "Cada un de nós dispón de 24 horas por día". Xa está.
EE UU non só está a vivir un cambio no ciclo económico e político, senón tamén cultural
Se nos Estados Unidos se produciu a inquisición do macartismo, aproveitando a atmosfera de medo da chamada Guerra Fría, foi precisamente pola importancia que os perseguidores daban a unha novela ou ao contido dun guión cinematográfico. E a intención de fondo era estigmatizar para sempre a cultura crítica. Estabelecer e espallar no pobo americano a asociación entre "intelectual", "liberal" e "antipatriota". E esa foi a liña na que profundaron dende entón os voceiros e intelectuais orgánicos do GOP (Great Old Party) e das fundacións do seu entorno, que pasaron á ofensiva coa revolución conservadora dos tempos de Reagan e o movemento neocon do período Bush. Por suposto, detrás había intelectuais. Moitos. Catedráticos, filósofos, relevantes xornalistas. Mais é curioso. Ninguén, cando fala deles, adxectiva a súa condición de intelectuais ou pensadores. Así que temos o paradoxo de que un belicista non é un pensador comprometido. Límitase a defender os intereses da nación! Mentres tanto, quen se opuxo á guerra de invasión en Vietnam ou Iraq é algo peor que un pacifista. É un amigo dos inimigos, un antipatriota!
Acabouse o tempo desa perversidade que tiña entangarañado o país. Estados Unidos non só está a vivir un cambio no ciclo económico e político, senón tamén cultural. Nun encontro na biblioteca pública de Princeton, chamoume a atención unha inquedanza formulada en diversas preguntas: "Que é o que se pensa de nós? Como son vistos os Estados Unidos?..." E cuestións semellantes xurdían en toda conversa. Se cadra non se dá co dramatismo apocalíptico do 98 español, mais este é un intre singular, antinarcisista, na historia deste país con forza de Imperio: está a ollar cara dentro, mais tamén a revisar fondamente a súa imaxe exterior. Existe a conciencia maioritaria, a xulgar polo que expresan medios de moi diferente talante, de que esa imaxe está feita cachizas en moitas partes do mundo e que a ruptura se agravou nos últimos anos. En especial en América Latina. Quen mire cara ao sur como un "patrio traseiro", ese si que anda nas verzas. Xa pode ir pedindo vez a un oftalmólogo do Brasil.
Eu tiven a sorte de conversar cun dos mellores ópticos que un pode atopar nos Estados Unidos e mundo adiante. Trátase de Larry Siems (Saint Louis, Missouri, 1959), responsable dun dobre programa do PEN American Center. Por unha banda, o denominado Liberdade para escribir, cun seguimento e defensa dos escritores encarcerados, perseguidos e ameazados en todo o mundo. E a famosa, por necesaria, Lista do PEN Club. Na actualidade figuran arredor de mil persoas escritoras. O estado da liberdade de expresión é un dos mellores baremos para saber da calidade democrática en cada país. E Larry, como quen di, ten a mellor vista: está no centro dese observatorio. A outra campaña, iniciada en 2001, ten de ver coa calidade democrática nos propios Estados Unidos, deteriorada dende que se declarou a chamada "guerra contra o terrorismo".
"Se aquí hai violacións dos dereitos humanos, se aquí hai recortes das liberdades, se aquí hai sistemas de vixía e control ilegais, non é só o noso problema", explica Larry Siems. "Iso agrava a situación en todo o mundo, porque moitos gobernos aproveitan para incrementar a represión interna. O seu argumento é: Se isto se fai en Estados Unidos, por que non imos facelo nós e a nosa maneira? O que nós cremos é que a liberdade e a seguridade non poden esgarzarse", explica Larry Siems, autor dun libro emblemático Between the lines (Entre liñas: Cartas de inmigrantes indocumentados ás súas familias e amigos). "Este Goberno actúa na escuridade. Quere saber máis dos cidadáns, e que os cidadáns saibamos menos do Goberno".
O PEN Club de Estados Unidos conta con miles de socios. É un clásico na defensa das liberdades. Entre os escritores que o presidiron figuran Norman Mailer, Arthur Miller ou Susan Sontag. Fronte á usurpación histórica, un entende que estes liberais tan deostados encarnan o verdadeiro cerne dunha nación que naceu dunha revolución democrática. Un país que tanto admirou e fixo seu o exiliado e historiador galego Emilio González López. El foi quen estudou a fondo o papel tan relevante de Galicia naquela revolución americana. Aquí atoparon refuxio, para evitar aos ingleses, os norteamericanos que loitaban pola independencia armados de corso. Mentres Larry me fala con optimismo dun "cambio histórico" nas vindeiras eleccións, vénme á memoria, con sorriso demócrata, o noso don Emilio, el que foi quen de montar unha rede de espionaxe na Alemaña nazi. Iso si que era compromiso, carallo!
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.